Venres 19 Abril 2024

Galicia cumpre unha semana de baixada nas hospitalizacións por coronavirus

O luns á noite había 866 persoas ingresadas nos hospitais galegos (133 delas na UCI) fronte ás 1.072 do martes 7 de abril

Un mes despois de rexistrar o primeiro falecemento por Covid-19, a incidencia do virus SARS-CoV-2 na poboación galega (polo menos no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas), volve amosar sinais de que a propagación estase a frear. O número de novos positivos do que informou o Ministerio de Sanidad (103) é o menor desde o 18 de marzo. Un día máis o número de persoas ingresadas na UCI e e en unidades de hospitalizacións volve baixar (de 136 a 133 e de 735 a 733). Cúmprese así unha semana, desde o pasado 7 de abril, de baixada nos ingresos. O pasado martes había 1.072 persoas hospitalizadas, e era a primeira xornada na que comezaron a baixar as cifras de hospitalizacións desde o máximo acadado o luns 6, cando chegou a haber 1.107 persoas ingresadas.

Porén, hai que lamentar 384 falecementos, 15 máis que nos datos do luns. Cinco deles tiveron lugar en residencias de maiores: 2 na residencia N.S. da Esperanza (Ourense), e unha morte nas residencias As Fragas (Pontedeume), DomusVi Cangas e Moledo (Vigo).

Publicidade

A Xunta inclúe nos hospitalizados en domicilio aos usuarios de residencias de maiores, algúns deles con prognóstico grave

O novo descenso nas cifras de hospitalización volve afastar o risco de saturación dos centros sanitarios. De feito, cada vez parece menos probable o traslado de afectados aos hospitais de campaña previstos en recintos como Expocoruña ou o Multiusos do Sar. Medra ademais a porcentaxe de persoas atendidas no domicilio (85,50%). Porén, dentro destas cifras inclúense os usuarios de residencias de maiores, que nalgúns casos están con prognóstico grave, tal e como indican os falecementos que se están a producir nos últimos días nas propias residencias (22 nos últimos catro días).

No resumo da situación do último mes pode verse como o número de altas representa unha parte cada vez maior do total de casos confirmados ata o momento.

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.271 persoas na área da Coruña-Cee, 590 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.187 na de Ourense-Verín-O Barco, 504 na de Pontevedra-Salnés, 1.077 na área de Vigo, 1.007 na de Santiago-Barbanza, e 337 na de Ferrol.

Así foi a evolución no último mes, desde o 14 de marzo, cando xa se difundían datos por áreas sanitarias. Catro delas (Vigo, Ferrol, Pontevedra e Lugo) amosan un freo máis notable na última semana, mentres que Santiago, A Coruña e sobre todo Ourense (coa maior incidencia respecto ao total da poboación da área) seguen rexistrando un maior volume de novos positivos, en boa parte debido á confirmación de casos en residencias de maiores.

O pasado venres a área ourensá superou á de Vigo (con case o dobre de poboación) en número de casos. A zona viguesa, pola súa parte, experimentou nos últimos días un estancamento no número de casos activos, e ten 17 menos có martes pasado. En Ferrol, Pontevedra e Lugo, o crecemento é moi lento na última semana.

Outro dos indicadores positivos é que a distancia entre os novos casos diarios e as altas diarias é cada vez menor, como se pode ver baixo estas liñas. Entre a noite do domingo e a do luns confirmáronse 103 casos e déronse 54 altas, a menor distancia desde o comezo da crise.

Residencias de maiores

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando pola súa conta o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen máis do 22% das persoas afectadas en Galicia. 917 usuarios e 418 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. Os maiores focos están na residencia La Esperanza da Fundación San Rosendo, en Ourense, con (101 usuarios e 35 traballadores), DomusVi San Lázaro-Santiago (83 e 38), DomusVi Cangas (93 e 17), Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras (61 e 18), DomusVi Barreiro-Vigo (66 e 11), Portazgo-A Coruña (46 e 22) ou o CAPD Redondela (36 e 20).

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 158 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 43,75% de todas as mortes) son residentes destas instalacións.

A Xunta informou tamén do número de probas PCR realizadas ata o momento: 48.337. Este é un dos métodos de detección da doenza, ademais das probas rápidas, que se están a usar en Galicia. Cómpre aclarar que o número total de probas PCR non se corresponde co de persoas analizadas, xa que algunhas delas son estudadas en dúas ou máis ocasións.

Esta é a situación actual en España:

As mortes por coronavirus soben a 567 nas últimas 24 horas

En Portugal:

E no mundo:

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023