Galicia anuncia unha vacinación masiva de 20.000 persoas de 50 a 55 anos

Este xoves haberá unha proba piloto con mil persoas na Cidade da Cultura de Santiago e o sábado distribuirán 19.000 de AstraZeneca

Galicia fará estes días a primeira proba dunha vacinación masiva, ante a previsión de que nun futuro cheguen grandes cantidades de fármacos de diferentes laboratorios e teña que ser acelerada a campaña actual, con citas rápidas e habilitación de grandes recintos. “Chéganos información do Ministerio que non é descartable unha chegada masiva de vacinas en pouco tempo”, avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Por iso, este mesmo xoves realizarase unha proba piloto na Cidade da Cultura de Santiago, onde estarán citados 1.000 cidadáns para que lles sexa administrada a vacina de AstraZeneca (grupos de entre 50 e 55 anos). E o sábado, o mesmo dispositivo vai ser despregado en toda Galicia, para tentar distribuir 19.000 vacinas nun só día.

“Será unha experiencia previa para axustar parámetros, como o proceso de citación, a chegada de moitos cidadáns, o circuíto, a loxística, o xeito de rexistrar… “, enumerou Comesaña. Ademais, por primeira vez van empregarse dos recintos de grandes dimensións: o Instituto Ferial de Vigo (Ifevi) e de Fexdega, que dará servizo á bisbarra do Salnés.

Publicidade

O plan coa distribución de vacinas este sábado por áreas sanitarias é o seguinte:

Área da Coruña: 4.000 cidadáns (300 asignados ao hospital de Cee)
Área de Lugo: 1.700 cidadáns (300 na Mariña e 300 en Monforte)
Área de Ourense: 2.200 (250 no Barco e 200 en Verín)
Área de Santiago: 2.400 (400 no hospital do Barbanza)
Área de Vigo: 4.400 persoas
Área de Ferrol: 1.300 persoas
Área de Pontevedra: 2.200 (500 no Salnés)

Publicidade

Para activar esta segunda parte do plan, ten que funcionar ben a primeira proba deste xoves na Cidade da Cultura de Santiago. O venres comezaría a avisarse por SMS a persoas de entre 50 e 55 anos do resto de Galicia para que acudan tamén a administrarse a dose de AstraZeneca. Segundo detallou García Comesaña, serán as persoas nadas entre o 11 de marzo de 1965 e o 31 de decembro de 1971.

Como xa se anunciou, a orde de cita comezará polas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra H. Os elixidos recibirán un SMS e posteriormente serán chamados por unha conversa automatizada na que a persoa terá que confirmar a súa asistencia. Tamén se prevé habilitar unha web do Sergas para que as persoas citadas poidan confirmar a súa asistencia.

Sanidade revisa a lista de restricións: Mos e Cambados quedarán en nivel medio

As previsións apuntan a que nas vindeiras semanas entraremos nun periodo de gran abastecemento de vacinas. Ata o de agora, o ritmo de vacinación viuse lastrado pola falta de subministración, pero, este luns, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, adiantou que España recibiría 4,8 millóns de doses do inxectable de Pfizer en abril e a aprobación na Unión Europea dun novo fármaco, o de Johnson & Johnson é inminente.

O obxectivo de vacinar a 33 millóns de persoas antes do 21 de setembro, o 70% que prevé a Unión Europea, semella complicado pero podería acadarse se medra o abastecemento e, tamén, hai un sistema áxil para administrar as doses, algo que Galicia vivirá na proba deste sábado.

Pfizer enviará 1,2 millóns de doses semanais a España a partir de abril, as que habería que engadir as de AstraZeneca, que actualmente envía unhas 500.000 e as de Moderna, que se comprometeu a enviar 5,6 millóns durante o terceiro trimestre. Ademais, espérase que a nova vacina de Janssen para Johnson & Johnson, que é dunha soa dose, permitiría disparar o ritmo de inmunización.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vacinas nasais: unha nova e prometedora vía para frear a transmisión dos virus respiratorios

A modalidade xera unha defensa intensa nas vías respiratorias superiores ao administrarse o aerosol ou as gotas directamente sobre a mucosa do nariz

Entre a volta ás aulas e o descenso da vacinación en Europa: cales son as vacinas necesarias na infancia?

O calendario infantil marca que os bebés recibirán a maior parte das súas doses durante o seu primeiro ano de vida

A galega Zendal completa a vacinación de máis de 7.000 bebés no ensaio da súa vacina contra a tuberculose

O proxecto internacional avaliará se MTBVAC protexe mellor fronte á enfermidade en comparanción con BCG, a única aprobada actualmente para vacinar os recentemente nados

Unha vacina contra o melanoma? Que hai realmente detrás do anuncio de Merck e Moderna

Aínda non se coñecen os resultados completos da fase III do ensaio no que participaron máis de 1.000 persoas. Por Cristina Penas Lago