Luns 29 Abril 2024

África González: “Estamos probando vacinas terapéuticas contra o cancro”

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo participou no ciclo "Vigo Científico", organizado polo Consorcio da Zona Franca e GCiencia

A conversa coa catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González Fernández (Madrid, 1962), abriu este martes o ciclo de conferencias Vigo Científico, organizadas polo Consorcio Zona Franca de Vigo e GCiencia. A conversa foi presentada polo delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, que destacou que “no ADN desta institución sempre estivo presente a ciencia e a investigación”, salientando a colaboración e o apoio que se tece desde hai decenios entre ela, as empresas e os principais equipos científicos da cidade viguesa.

Unha cidade “con moito potencial”

África González lembrou na conversa a súa chegada a Vigo, a través do seu director de tese, Francisco Gambón, que traballaba arredor de 1996 no hospital Meixoeiro e lle comentou a posibilidade de presentarse a unha praza como profesora titular interina na Universidade viguesa, á que conseguiu acceder. África viña de traballar en Cambridge no laboratorio do premio Nobel César Milstein. “Vin unha universidade moi nova, con moita xente moza e ganas de facer cousas, con moito por facer, e pareceume un bo momento para ver se realmente o que me gustaba era a investigación e a docencia”. Contábase ademais, segundo lembra, en que se instaurase a titulación de Medicina, algo que finalmente non se materializou. Porén, en Vigo puxo en marcha a primeira área de Inmunoloxía nunha universidade galega, na que segue á fronte 25 anos despois. Neste tempo, di, “Galicia namoroume desde o primeiro momento, e de aquí non quero marchar”.

Publicidade

Sobre as colaboracións coa Zona Franca, África González destacou traballos conxuntos como a solicitude do laboratorio cuántico ou unha maior presenza da universidade no casco urbán. E avogou porque se sigan explorando estas alianzas a través de proxectos como a cátedra Citröen, cursos de formación, bolsas ou novos espazos de traballo. E lembrou, do mesmo xeito, a posta en marcha desde a cidade de Nanoimmunotech, spin-off da UVigo especializada no uso de nanomateriais no ámbito biomédico e ubicada no edificio Citexvi do campus vigués. “Dar traballo neste sector é moi importante”, destacou.

Vacinas contra o cancro

Durante a conversa, a catedrática expuxo unha presentación sobre un proxecto de inmunoterapia contra os tumores de páncreas no que o seu equipo está inmerso. “Estamos probando vacinas terapéuticas contra o cancro; queremos manipular o sistema inmunitario para que actúe fronte os tumores”, explicou. Neste sentido, recordou as vacinas xa en marcha para a prevención do virus do papiloma humano, a hepatite b ou os herpes virus, causantes de cancros de fígado ou xenitais, e outras inmunizacións terapéuticas, como as que se desenvolven contra alerxias.

O equipo de González, tal e como explicou a inmunóloga, está a estudar o camiño para usar algún compoñente dos tumores, como os lisados tumorais, vectores virais con proteínas dos mesmos ou péptidos, cos que preparar unha formulación capaz de actuar sobre as células canceríxenas e destruílas. “Viuse nalgúns ensaios que isto pode ser eficaz”, destacou.

O proxecto céntrase no cancro de páncreas, “pouco frecuente pero moi letal”. A diana é unha proteína (KRAS) que presenta unha mutación en moitos destes tumores. Esta investigación, destaca González, podería complementar e mellorar a efectividade dos tratamentos actuais, con fármacos e radioterapia. Sería por tanto un enfoque triplo, na que ademais da vacina se completaría o tratamento cunha combinación de novos fármacos e actuar a nivel xenético mediante nanomateriais para bloquear determinadas rutas.

África González, no encontro de Vigo Científico.
África González, no encontro de Vigo Científico.

O desafío da pandemia

Destacou o traballo desde Vigo e Galicia para que diversos grupos “achegasen o posible desde as súas disciplinas, axudando á sociedade. A comunidade investigadora quixo dalo todo, pero tamén se puido facer mellor sobre todo en cuestións de coordinación, e despois está tamén a limitación en cuestións económicas, de financiamento das ideas que foron xurdindo”.

Na situación actual, González destacou o “fito histórico” que está a supoñer a obtención das vacinas en apenas un ano. “Eu vivín tamén a etapa da sida, e daquela tardouse anos en coñecer o virus e en desenvolver fármacos, as persoas falecían… E de feito aínda non temos vacina contra o VIH. Co coronavirus o escenario é moi distinto. A xente ten que darse conta da fazaña que supón ter vacinas en só un ano, grazas ao esforzo económico que se fixo e a que os científicos se puxeron a traballar unidos”.

“A xente ten que darse conta da fazaña que supón ter vacinas en só un ano”

E salientou tamén as distintas estratexias terapéuticas, non só as vacinas, senón tamén os tratamentos con fármacos como a dexametasona para frear os procesos inflamatorios que agravan a saúde de parte dos pacientes de Covid-19, os antivirais e os ensaios con anticorpos monoclonais ou plasma. “Son relativamente optimista, e agora vexo máis fácil controlar e mesmo exterminar o virus”, expuxo. Porén, destacou a necesidade de desenvolver unha vacinación “a escala global”, protexendo ás persoas maiores en todos os países do mundo.

Respecto as dúbidas sobre as vacinas contra a Covid-19, África González lembrou que “a inmunización leva sendo efectiva desde hai anos; erradicamos a varíola e estamos a piques de erradicar a polio. Canto antes vacinemos á xente, menos casos graves teremos, haberá menos posibilidade de que haxa mutacións e, por tanto, de que se produzan novas variantes preocupantes. Conseguiremos pouco a pouco ir ‘cercando’ ao virus”.

Sobre a duración da protección contra o SARS-CoV-2, a catedrática salientou as distintas estratexias que o organismo ten para defenderse dos patóxenos. “Non podemos centrarnos só nos anticorpos: as células de memoria tamén responden, e aínda que se vexa que os anticorpos poden diminuír co paso dos meses, as vacinas protexerannos igualmente”, concluíu.

Vigo Científico terá a seguinte cita o 23 de marzo, cunha conversa con Fernando Aguado, profesor titular do departamento de Teoría do Sinal e de Comunicacións na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo. É un dos artífices da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da universidade viguesa, que conseguiu levar ao espazo varios nanosatélites nos últimos anos, como o Xatcobeo, o Humsat-D ou o Lume-1.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica