Daniel e Elsa, a parella de borrascas que golpeará Galicia nos vindeiros días

Unha sucesión de temporais que chega polo Atlántico deixará frío, moita chuvia e vento e ata 20 centímetros de neve na montaña

A semana que comeza este luns traerá unhas condicións de pleno inverno. E ademais, con nome propio: Daniel e Elsa. As previsións de refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora, cun nivel de alerta laranxa debido á mala situación do mar, as importantes acumulacións de neve nas zonas máis altas de montaña e o risco de desbordamento en varios ríos.


Este domingo, Daniel foi nomeada como borrasca de gran impacto pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) de España ante as previsións para este luns e martes. En Galicia, a situación máis preocupante estará na montaña de Lugo e Ourense. A partir desta tarde, e ata a madrugada do martes, poderán chegar a acumularse 20 centímetros de neve nas zonas máis altas, aínda que a cota podería caer ata os 500 metros. Así, nos lugares máis altos da serra do Faro, entre Deza e Chantada, a Aemet advirte de que o espesor podería ser maior de cinco centímetros. Aquí o aviso será de nivel amarelo. No mar, remitirá o temporal, pero só durante unhas horas, xa que durante o martes o nivel de aviso baixará a amarelo, para volver elevarse a laranxa o mércores por vento do sur no mar que podería chegar á forza 8.

Publicidade

Elsa despois de Daniel

Case sen tempo para que a situación remita durante a segunda metade do martes, Galicia estará pendente o mércores dos avisos meteorolóxicos coa chegada da borrasca Elsa, nomeada polo Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA), toda vez que este temporal xa está comezando a afectar ao arquipélago dos Azores, e se moverá posteriormente cara o oeste.

Así, segundo adiantou a Aemet este mesmo luns, coa chegada de Elsa agárdanse precipitacións persistentes e localmente fortes, con acumulacións de máis de 100 litros por metro cadrado en Galicia. Do mesmo xeito, o servizo estatal advirte de que ao producirse un lixeiro aumento das temperaturas, o desxeo da neve acumulada tras o paso de Daniel incrementará o risco de inundacións.

Publicidade

Esta situación levou á Xunta de Galicia a manter activo o Plan Especial para o Risco de Inundacións en Galicia en fase de alerta laranxa polas posibilidades de desbordamentos nas bacías dos ríos Ouro, Landro, Labrada, Azúmara e Ladra (provincia de Lugo), Eume e Mandeo (provincia da Coruña), Umia, Lérez e Verdugo (provincia de Pontevedra) e Miño e Arnoia (provincia de Ourense), baseándose nas informacións dos sistemas de observación e control de Augas de Galicia, en colaboración con Meteogalicia, e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A borrasca Elsa deixará tamén refachos moi fortes de vento do suroeste e oeste en Galicia e gran parte da península ibérica durante o mércores, superando os 120 km/h nalgúns puntos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana

De Flora a Rafael: estes serán os nomes das próximas borrascas que afecten a península

A Aemet presenta a lista para a época de temporais que comeza o 1 de setembro, e que se reservarán para os episodios meteorolóxicos de alto impacto

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas