Dana, o fenómeno atmosférico que deixou 12.000 lóstregos en Galicia

Mapa dos máis de oito mil raios detectados o domingo 27 de agosto. Fonte: Meteogalicia.
Mapa dos máis de oito mil raios detectados o domingo 27 de agosto. Fonte: Meteogalicia.

Nos últimos días de agosto, Galicia viuse afectada por un fenómeno meteorolóxico denominado Dana (acrónimo de Depresión Illada en Niveis Altos, en castelán). Este suceso provocou un total de 12.564 raios entre os días 26 e 28 de agosto e abundantes precipitacións, que acadaron os 150 litros/m2 en zonas da provincia Ourense, ou os 19,3 l/m2 en só unha hora en Santiago de Compostela, que causou serias inundacións o día 28 na capital galega, segundo conta o resumo do informe mensual de Meteogalicia.

A Dana de agosto, semellante á gota fría que adoita ter lugar no Levante español, produciuse pola entrada en contacto dun chorro de aire moi frío en altura procedente do Atlántico co aire cálido da superficie, debido ás altas temperaturas do verán. No caso mencionado, tivo á súa orixe no desprazamento cara o oeste da península Ibérica dun conxunto de baixas presións procedente de Irlanda, que arrastrou consigo unha zona de aire frío en altura. É un fenómeno moi difícil de predicir, polo que ás veces pode causar graves danos debido á súa intensidade.

Así, o día 27 de agosto, o radar de Meteogalicia contabilizou 8.086 raios, o cuarto día co valor máis alto desde que existen rexistros. A maioría deles concentráronse en só seis horas, das 14 e as 20 horas. As treboadas viñeron acompañadas nalgúns puntos de saraiba e pedrazo.

Resumo do mes

Segundo o citado informe, agosto comezou cun ambiente fresco e húmido ata o día 10, ao que sucedeu un notable aumento das temperaturas. Na madrugada dese día, a presenza de aire frío de xornadas anteriores e a entrada do anticiclón deixou unha mínima de -1,6ºC en Calvos de Randín. Entre os días 19 e 22 chegou o período máis cálido do mes, con rexistros de máis de 40ºC en zonas como Tui ou Leiro.

Despois disto, o desprazamento das baixas presións de Irlanda, sumado ao aire quente que ficaba en Galicia, xerou a Dana.

Cabe subliñar tamén os altísimos valores de precipitacións nas comarcas do oeste de Ourense, especialmente afectadas polas treboadas do final de mes. Así, superouse o 400% dos niveis normais para este mes na Limia, O Ribeiro, Celanova, Carballiño e Verín. Pola contra, a ría de Vigo e o Baixo Miño tiveron valores moi baixos, ata un 87% inferiores ao normal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.