Venres 29 Marzo 2024

Menos do 20% dos pacientes de Covid-19 en Galicia están nos hospitais

Outras 78 persoas recibiron a alta entre o domingo e o luns á noite, e o número de casos na UCI cae por terceiro día seguido

Galicia conta, segundo os datos achegados no mediodía deste martes pola Consellería de Sanidade, con 5.435 persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, é dicir, as que están con positivo confirmado por proba diagnóstica e en seguimento das autoridades sanitarias. Con todo, a cifra de portadoras e/ou afectadas pola doenza moi probablemente é maior, toda vez que outras persoas tiveron síntomas leves que non requiriron de atención médica ou ben aínda están a agardar polo resultado das probas diagnósticas para confirmar o positivo. Desde o comezo da crise, tal e como informou o Ministerio de Sanidad na mañá do 7 de abril, son 6.331 as persoas que deron positivo nas probas, cifra á que hai que descontar os falecementos e as altas. Segundo o Goberno español, houbo 180 casos novos en Galicia entre a noite do domingo e o luns, cando se pecharon os datos difundidos este martes. Como se pode ver nesta pirámide, os casos que achegan as autoridades son o cumio de posibles afectados:

En canto aos falecementos, os datos achegados polo Sergas recollen nove mortes máis (de 199 a 208). Porén, hai que engadir tamén a cifra que achega a Consellería de Política Social sobre as residencias de maiores e discapacidade. Entre a noite do domingo e o luns morreron oito usuarios máis de centros de maiores, o que eleva a cifra total de mortes por coronavirus en Galicia a un mínimo de 258.

Máis altas, máis xente na casa

A boa nova da información achegada este luns pola Dirección Xeral de Saúde Pública é que a ocupación nas UCI por afectados de coronavirus baixa por terceiro día seguido. E por primeira vez desde o comezo da crise, as persoas hospitalizadas representan menos do 20% do conxunto de positivos confirmados. Dos pacientes que cos datos consolidados o luns ás 21 horas estaban sendo atendidos polo novo coronavirus, 162 deles permanecen en UCI (un 2,98%), 910 están en unidades de hospitalización (16,74%) e 4.363 no domicilio (80,28%).

Publicidade

O freo nas cifras de persoas atendidas nos hospitais é un dos sinais de optimismo cara aos próximos días. Segundo se pode ver baixo estas liñas, 4 de cada 5 afectados están sendo atendidos na casa (área amarela) e comeza a aumentar nos últimos días a anchura da liña verde (o das altas).

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.117 persoas na área da Coruña-Cee, 563 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 999 na de Ourense-Verín-O Barco, 466 na de Pontevedra-Salnés, 1.094 na área de Vigo, 884 na de Santiago-Barbanza, e 312 na de Ferrol.

Respecto aos datos que se difundiron o luns, o maior incremento tivo lugar na Coruña, con 46 positivos máis. Así foi a evolución de casos activos por áreas sanitarias na última semana, o que amosa o freo de novos contaxios e a recuperación de boa parte dos casos, alén dos falecementos, sobre todo nas áreas de Ferrol, Pontevedra e Lugo, fronte ao incremento en Ourense e Santiago marcado polos positivos en residencias de maiores.

Sanidade informou, como vén facendo desde hai dúas semanas do número de probas PCR realizadas, que é de 32.146 desde o comezo da crise (2.144 máis có día anterior). Este gráfico representa a relación entre os casos novos confirmados cada día polo Ministerio de Sanidad e as probas novas respecto aos datos do día anterior.

En canto aos concellos, máis da metade dos municipios de Galicia confirmaron desde o comezo da crise algún caso de Covid-19. Porén, isto non se traduce de forma exacta á situación actual, xa que é posible que haxa novos casos aínda sen comunicar e, por outra banda, que algunhas das persoas afectadas xa formen parte das 688 altas que xa se concederon en Galicia. De todas formas, a falta de información a nivel municipal, da que se veñen queixando nas últimas semanas varios concellos, dificulta o seguimento do mapa real do coronavirus en Galicia. Noutras rexións, como Castilla y León, Murcia (ver PDF), Cataluña ou Euskadi, entre outras, si se está a informar do número de casos en cada concello.

É posible, por tanto, que existan persoas afectadas en máis municipios, aínda que non trascenderan por diversos motivos, xa que boa parte dos pacientes da Covid-19 (máis dun 80% dos casos documentados o 7 de abril) están sendo atendidos nos seus domicilios. Así, algúns concellos recoñecen a presenza de casos e fanos públicos para informar á veciñanza, pero outros optan por limitarse aos datos que ofrece a Xunta ante a falta de confirmacións oficiais, mesmo coa indicación, nalgúns casos, de non facilitar máis información aos medios.

A incidencia en cada municipio é moi cambiante, toda vez que existen focos confirmados en residencias de maiores e persoas con discapacidade e entre o persoal sanitario, así como casos importados desde zonas máis afectadas ata o de agora pola doenza. Este é o mapa no mediodía do martes 7 de abril, segundo as informacións compiladas a través dos concellos, medios de comunicación e outras fontes:

(Preme sobre cada un dos concellos para ver máis detalles).

En canto aos falecementos, este luns elévanse a 208 nas cifras que difunde Sanidade. Ao número que emite esta consellería hai que engadir 50 falecementos de residentes en centros de maiores, segundo explican desde a Consellería de Política Social. Respecto ao luns, faleceron oito usuarios máis nas propias residencias: cinco na residencia DomusVi de San Lázaro-Santiago, dúas na DomusVi de Aldán-Cangas, e unha na residencia Nosa Señora da Esperanza (Ourense), da Fundación San Rosendo, que se confirmou a pasada fin de semana como un dos meirandes focos da Covid-19 en Galicia con arredor de 150 contaxios.

Os centros de maiores e discapacidade

Nos últimos días, a Consellería de Política Social está a achegar pola súa parte os datos de afectados entre residentes e traballadores das residencias de persoas maiores e con discapacidade. Desde o mércores 1 de abril, debido a un cambio de criterio na difusión dos datos aos medios, Política Social só informa dos falecementos nas residencias, mentres que Sanidade informa dos óbitos dos residentes que tiveron lugar en hospitais.

Curvas para o optimismo: chegou o freo do coronavirus en Galicia?

Os casos activos este domingo relacionados coas residencias (usuarios e traballadores) son 1.035, tendo en conta que os positivos si entran todos dentro das cifras que difunde Sanidade. Representan preto dun 20% do total dos casos activos en Glaicia. Outro dos valores que se ve afectado é, por tanto, o da taxa de letalidade, que sería algo maior cá difundida polo presidente Alberto Núñez Feijoo este mesmo domingo, toda vez que nalgunha das informacións difundidas nos últimos días non se contabilizaron os óbitos que tiñan lugar nas propias residencias de maiores, algo que tampouco fan outras comunidades autónomas, así como as mortes doutras persoas que se produciron na casa, feito do que tamén hai constancia en Galicia.

O considerable número de casos que se producen nestas residencias dentro do total de Galicia pode relacionarse, segundo explican desde a Xunta, co maior esforzo de realización de probas nos centros que no resto da poboación, toda vez que os residentes forman parte dun grupo de maior risco e cunha maior probabilidade de contaxio debido á exposición do persoal laboral destes centros.

Este é o mapa dos focos nas residencias en Galicia segundo os datos da devandita consellería.

Esta é a situación en España segundo os últimos datos de Sanidad. Dos 140.510 afectados, xa se curaron 43.208.

Repunte de mortos por coronavirus en España con 743 en 24 horas

En Portugal:

E no resto do mundo, onde os Estados Unidos supera xa os 370.000 casos acumulados:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.