España rexistrou 743 mortos con coronavirus en 24 horas, un repunte tras catro días de baixadas, aínda que o dato debe tomarse con cautela polos retrasos nas notificacións nas fins de semana. O total de falecidos elévase a 13.798, máis de 140.000 contagios e de 43.000 curados, segundo informou o Ministerio de Sanidade.
As autoridades chinesas informaron este martes de que non se rexistrou ningunha morte por Covid-19 nas últimas 24 horas, tres meses despois do primeiro falecemento no país. O xigante asiático, onde o coronavirus apareceu a finais de 2019, contabilizou a primeira vítima mortal o 11 de xaneiro. Desde entón informou de 3.331 decesos, aínda que un informe da CIA afirma que as cifras oficiais están moi por baixo da realidade. O primeiro ministro xaponés, Shinzo Abe, declarou este martes o estado de emerxencia no país e anunciou un novo plan de estímulos.
Italia rexistrou este luns 3.599 novos contaxiados, a menor cifra diaria desde o 17 de marzo, e acumula 132.000 infectados. O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, de 55 anos, foi trasladado este luns á UCI tras empeorar o seu estado de saúde polo virus.

África supera os 10.000 casos de coronavirus, concentrados en catro países. Os casos de contaxios polo coronavirus no continente africano, rexistrados en 52 países, pasaron este martes dos 10.000, e a metade deles contabilízanse en Sudáfrica e tres países do norte: Alxeria, Exipto e Marrocos. As mortes de pacientes con Covid-19 alcanzan xa as 489.
O número de contagios rexistrados en 24 horas en Rusia supera por primeira vez os 1.000. En total, os positivos no país son 7.497, anunciaron este martes as autoridades sanitarias, mentres que a cifra de falecidos elévase a 58.
Máis do 50% dos novos casos en Galicia, en centros de maiores
En Alemaña, as cifras publicadas hoxe polo instituto Robert Koch alemán indican que hai 99.225 casos positivos por coronavirus no país. Nas últimas 24 horas rexistrouse un aumento de 3.834 casos, o que supón un lixeiro ascenso de novos positivos. En total, o instituto alemán conta 1.607 mortos, o que eleva a taxa de mortalidade a 1,6%.
Máis de 1,3 millóns de persoas contaxiáronse no mundo, máis de 74.000 morreron e unhas 284.000 curáronse, segundo datos da Universidade Johns Hopkins. Un dato moi salientable é que os Estados Unidos superaron os 352.000 contaxiados, máis que España, Italia e China xuntos.

Aquí podes consultar o último informe do Ministerio de Sanidade














