Xoves 25 Abril 2024

Máis do 50% dos novos casos en Galicia, en centros de maiores

As persoas afectadas a día de hoxe polo coronavirus son 5.342, concedéronse 610 altas hospitalarias e rexistráronse 241 falecementos

(en actualización – 14 horas) – Galicia conta, segundo os datos achegados no mediodía deste luns pola Consellería de Sanidade, con 5.342 persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, é dicir, as que están con positivo confirmado por proba diagnóstica e en seguimento das autoridades sanitarias. Con todo, a cifra de portadoras e/ou afectadas pola doenza moi probablemente é maior, toda vez que outras persoas tiveron síntomas leves que non requiriron de atención médica ou ben aínda están a agardar polo resultado das probas diagnósticas para confirmar o positivo. Desde o comezo da crise, tal e como informou o Ministerio de Sanidad na mañá do 6 de abril, son 6.151 as persoas que deron positivo nas probas diagnósticas, cifra á que hai que descontar os falecementos e as altas. Segundo o Goberno español, houbo 207 casos novos en Galicia entre a noite do sábado e o domingo, cando se pecharon os datos difundidos este luns. Como se pode ver nesta pirámide, os casos que achegan as autoridades son o cumio de posibles afectados:

En canto aos concellos, máis da metade dos municipios de Galicia confirmaron desde o comezo da crise algún caso de Covid-19. Porén, isto non se traduce de forma exacta á situación actual, xa que é posible que haxa novos casos aínda sen comunicar (tal e como se ve sobre estas liñas) e, por outra banda, que algunhas das persoas afectadas xa formen parte das 610 altas que se concederon en Galicia. De todas formas, a falta de información a nivel municipal, da que se veñen queixando nas últimas semanas varios concellos, dificulta o seguimento do mapa real do coronavirus en Galicia. Noutras rexións, como Castilla y León, Murcia (ver PDF), Cataluña ou Euskadi, entre outras, si se está a informar do número de casos en cada concello.

É posible, por tanto, que existan persoas afectadas en máis municipios, aínda que non trascenderan por diversos motivos, xa que boa parte dos pacientes da Covid-19 (máis dun 79% dos casos documentados o 6 de abril) están sendo atendidos nos seus domicilios. Así, algúns concellos recoñecen a presenza de casos e fanos públicos para informar á veciñanza, pero outros optan por limitarse aos datos que ofrece a Xunta ante a falta de confirmacións oficiais, mesmo coa indicación, nalgúns casos, de non facilitar máis información aos medios.

Publicidade

A incidencia en cada municipio é moi cambiante, toda vez que existen focos confirmados en residencias de maiores e persoas con discapacidade e entre o persoal sanitario, así como casos importados desde zonas máis afectadas ata o de agora pola doenza. Este é o mapa no mediodía do luns 6 de abril, segundo as informacións compiladas a través dos concellos, medios de comunicación e outras fontes:

(Preme sobre cada un dos concellos para ver máis detalles).

En canto aos falecementos, este luns elévanse a 199 nas cifras que difunde Sanidade. Ao número que emite esta consellería hai que engadir 42 falecementos de residentes en centros de maiores, segundo explican desde a Consellería de Política Social. Son, entón, polo menos 241 mortes de persoas diagnosticadas con coronavirus. Respecto ao domingo, faleceron oito usuarios máis nas propias residencias: tres na residencia DomusVi de Barreiro-Vigo, dúas na DomusVi de Aldán-Cangas, unha no Portazgo (A Coruña), unha na residencia de Celanova e outra en Nosa Señora da Esperanza (Ourense), da Fundación San Rosendo, que se confirmou esta fin de semana como un dos meirandes focos da Covid-19 en Galicia con 106 persoas usuarias e 34 traballadoras contaxiadas e oito falecementos de residentes.

Os centros de maiores e discapacidade

Nos últimos días, a Consellería de Política Social está a achegar pola súa parte os datos de afectados entre residentes e traballadores das residencias de persoas maiores e con discapacidade. Desde o mércores 1 de abril, debido a un cambio de criterio na difusión dos datos aos medios, Política Social só informa dos falecementos nas residencias (este luns ascendían a 42), mentres que Sanidade informa dos óbitos dos residentes que tiveron lugar en hospitais (12 máis). Por tanto, estímase que polo menos 56 persoas morreron nestes centros debido ao coronavirus, segundo os datos oficiais.

Os casos activos este domingo relacionados coas residencias (usuarios e traballadores) son 979 (sen contar os falecementos) tendo en conta que os positivos si entran todos dentro das cifras que difunde Sanidade. Outro dos valores que se ve afectado é, por tanto, o da taxa de letalidade, que sería algo maior cá difundida polo presidente Alberto Núñez Feijoo este mesmo domingo, toda vez que nalgunha das informacións difundidas nos últimos días non se contabilizaron os óbitos que tiñan lugar nas propias residencias de maiores, algo que tampouco fan outras comunidades autónomas, así como as mortes doutras persoas que se produciron na casa, feito do que tamén hai constancia en Galicia.

O considerable número de casos que se producen nestas residencias dentro do total de Galicia pode relacionarse, segundo explican desde a Xunta, co maior esforzo de realización de probas nos centros que no resto da poboación, toda vez que os residentes forman parte dun grupo de maior risco e cunha maior probabilidade de contaxio debido á exposición do persoal laboral destes centros. Así, máis do 50% do aumento de positivos confirmados respecto ao domingo concéntranse nas residencias de maiores. Sobre todo tiveron lugar en Santiago, nas residencias de DomusVi en Pontepedriña e San Lázaro (con máis de 50 casos novos entre usuarios e persoal), e ademais confirmáronse novos positivos en Castro Caldelas, A Coruña, Fisterra ou as residencias de DomusVi en Vigo e Cangas, entre outras.

Este é o mapa dos focos nas residencias en Galicia segundo os datos da devandita consellería.

Máis altas, máis xente na casa

A boa nova da información achegada este luns pola Dirección Xeral de Saúde Pública é quea ocupación nas UCI por afectados de coronavirus baixa por segunda vez (de 169 a 168) desde o comezo da crise. Do total de pacientes que cos datos consolidados o domingo ás 21 horas estaban sendo atendidos polo novo coronavirus, 168 deles permanecen en UCI (un 3,14%), 939 están en unidades de hospitalización (15,27%) e 4.113 no domicilio (79,28%). Segundo apuntou o propio Sergas este domingo, case a metade destas persoas atendidas no domicilio están a ser monitoradas a través da plataforma de teleasistencia TELEA.

O freo nas cifras de persoas atendidas nos hospitais é un dos sinais de optimismo cara aos próximos días, aínda que Galicia é unha das comunidades autónomas que se atopa aínda nunha fase máis temperá da epidemia. Así, prevese que número de persoas ingresadas en hospital e UCI siga aumentando nos vindeiros días, aínda que vai máis amodo en proporción respecto ao total dos casos. Así, segundo se pode ver baixo estas liñas, case 4 de cada 5 confirmados están sendo atendidos na casa (área amarela) e comeza a aumentar nos últimos días a anchura da liña verde (o das altas). Entre o sábado e o domingo foron 23 persoas máis, e a cifra total (610) cuadriplicouse en oito días.

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.071 persoas na área da Coruña-Cee, 563 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 992 na de Ourense-Verín-O Barco, 457 na de Pontevedra-Salnés, 1.081 na área de Vigo, 871 na de Santiago-Barbanza, e 307 na de Ferrol.

Respecto aos datos que se difundiron o domingo, a área de Ourense-Verín-O Barco volve rexistrar o maior incremento de casos, con 71 máis, seguida da de Santiago Barbanza (55), debido en boa parte ao aumento de positivos nas residencias.

Así foi a evolución de casos activos por áreas sanitarias nas últimas dúas semanas.

Sanidade informou, como vén facendo desde hai dúas semanas do número de probas PCR realizadas, que é de 30.002 desde o comezo da crise (1.811 máis có día anterior). Este gráfico representa a relación entre os casos novos confirmados cada día polo Ministerio de Sanidad e as probas novas respecto aos datos do día anterior.

 

Esta é a situación en España segundo os últimos datos de Sanidad. Dos 135.032 afectados, xa se curaron 40.437:

Baixa o número de mortes por coronavirus: 674 en 24 horas

En Portugal:

E no resto do mundo, onde os Estados Unidos supera xa os 330.000 casos acumulados:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea