A vacina Sputnik V ten demostrado a súa eficacia, non só polos resultados difundidos polo Centro Nacional de Epidemioloxía Gamaleya de Rusia, creadores deste fármaco, senón tamén por un importante estudo independente publicado pola prestixiosa revista médica The Lancet. Por estas razóns, a Unión Europea está a estudar a súa aprobación para a súa distribución.
Tal e como explican desde a Axencia Europea do Medicamento, Sputnik V está formada por dous virus diferentes que pertencen á familia dos adenovirus, Ad26 e Ad5. Estes adenovirus non poden reproducirse no corpo e non causan enfermidades. Ambos se administran por separado en dúas doses: Ad26 úsase na primeira e Ad5 úsase na segunda, para potenciar o efecto da vacina.
Tras isto, a vacina transporta material xenético do SARS-CoV-2 ás células do corpo. As células usarán este xene para producir a proteína Spike ou S. O sistema inmunitario da persoa recoñecerá esta proteína S como estraña e producirá defensas naturais (anticorpos e células T) contra ela.
Se posteriormente a persoa vacinada entra en contacto co SARS-CoV-2, o sistema inmunitario recoñecerá a proteína S no virus e estará preparado para atacalo. Os anticorpos e as células T poden traballar xuntos para matar o virus, previr a súa entrada nas células do corpo e destruír as células infectadas, o que protexería contra a Covid-19.