Agora.gal: o foro de encontro para os contidos en galego na rede

A iniciativa recolle e distribúe publicacións nun único portal, o que abre a xanela ás múltiples iniciativas que apostan pola comunicación na nosa lingua

Portada de agora.gal.
Portada de agora.gal.

A comunidade que constrúe a rede en galego acumula xa unha longa traxectoria que se remonta á última década do século XX. Desde as primeiras páxinas web no noso idioma, a comezos dos 90, con fitos como o primeiro dominio creado por Afonso Xavier Canosa en 1994, ou o nacemento de Vieiros, o primeiro medio nativo dixital, en 1996, moitas persoas dedicaron o seu tempo a que o galego estivese presente no novo mundo que se abría na internet. Mais non é, aínda que o pareza, un mundo sen fronteiras: tal e como se reclama desde hai anos, os algoritmos que quitan e dan visibilidade no mar de información da rede dificultan a distribución de contidos en linguas como o galego. E con esta arela, este domingo 11 de abril comezou a singradura de agora.gal, “unha iniciativa de agregación e distribución de contidos dixitais en galego“, na que será posible consultar, nun único portal, as publicacións que desde moi diversas perspectivas (cultura, divulgación, gastronomía, meteoroloxía, deporte, lecer…).

Este punto de encontro, segundo explica Isaac González, un dos impulsores de agora.gal, axudará a aumentar a visibilidade de proxectos ao conxunto do público, xa que desde a portada do proxecto as ligazóns redirixen directamente a cada un dos contidos publicados nela. Por agora, xa son preto de 50 os proxectos asociados, e a porta está aberta a quen desexe sumarse. “O obxectivo é xerar comunidade”, resume González, que xa impulsou proxectos previos como Podgalego, un agregador de podcast, tamén vinculado a agora.gal que, na efervescencia actual deste tipo de formatos, está a acadar un importante pulo.

O lanzamento, segundo González, tivo unha “moi boa acollida”, que xa repercutiu no contacto de novos proxectos que queren sumarse. Ao mesmo tempo, estase a explorar a chegada de temáticas que apostan polo uso da lingua propia para chegar ao público, como os contidos infantís.

Agora.gal é froito de anos de traballo de rastrexo de blogs e medios en galego que, ademais do agregador de contidos, fornece aos visitantes dunha ampla selección de ligazóns. Todo isto constrúe, por tanto, un punto de encontro no que todas as persoas e colectivos que apostan por estar en galego no mundo teñan o seu espazo.


Agora.gal está dispoñible no seu web e tamén nas redes sociais de Twitter, Facebook, Youtube e Instagram.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.