O xardín botánico, a carballeira e os “Choróns” de Caldas de Reis, un conxunto natural de 3,5 hectáreas situado á beira do río Umia, obtiveron a certificación Observer, un recoñecemento que os identifica como destino de turismo botánico, tanto polo seu patrimonio natural, como pola súa xestión e conservación. Este espazo contra cunha gran variedade e riqueza visual e botánica, que combina flora autóctona e exótica nunha mestura harmoniosa e equilibrada.
O xardín botánico, creado en 1883 para o goce dos visitantes desta vila termal, conta con 200 exemplares arbóreos, dous deles incluídos no Catálogo de Árbores Singulares de Galicia. Pola súa banda, a carballeira, declarada Conxunto dentro do mesmo catálogo, posúe uns 200 exemplares de carballos, moitos deles centenarios. Ademais, o conxunto natural conta cun patrimonio cultural singular, composto por monumentos escultóricos, como bustos de personaxes caldenses e obras dedicadas ao apóstolo Santiago e ao mundo xacobeo, así como unha placa en honra ao científico ilustrado Francisco José de Caldas, coñecido como “o Sabio Caldas”.
Máis valor e visibilidade
Como explican desde Observer, a certificación como destino de turismo científico trata de dar máis valor e visibilidade a través da ciencia a moitos dos espazos turísticos que habitualmente son visitados. Coa concesión do certificado Observer ao Xardín Botánico de Caldas preténdese contribuír e impulsar estas pequenas xoias locais para darlles máis visibilidade, tanto para a comunidade local, para que as valoren máis, como para atraer novos visitantes a estes, moitas veces, aínda pouco coñecidos espazos.
O noso país ten un patrimonio científico descoñecido polo gran público e que se atopa distribuído en numerosos espazos naturais, museos e iniciativas populares. Observer, que conta na actualidade con máis de 400 destinos en toda España, moitos deles en Galicia, continúa, así, sumando espazos á súa oferta turística de destinos, non só interesantes, senón sostibles.
O certificado Observer súmase a outros recoñecementos que xa posúe o conxunto natural de Caldas de Reis, como o de Ben de Interese Cultural (BIC) e a Q de Calidade Turística como Espazo Público Singular, o que consolida a súa posición como un dos espazos verdes máis encantadores e singulares da zona.














