Viaxe a pé pola historia de Carnota

A posibilidade de percorrer a pé unha das zonas máis espectaculares do litoral coruñés e coñecer algo sobre a súa historia está ao alcance de turistas e cidadáns en xeral. O roteiro que dá acceso ao  Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota permite achegarse a varios petróglifos, así como ao Castro de Mallou e a Torre dos Mouros. A fermosa paisaxe costeira que hai no entorno se converte no escenario ideal para realizar un percorrido apto para todo tipo de persoas.

Visita nocturna á Laxe escrita.

Unha senda situada a douscentos metros sobre o nivel do mar conecta entre si os diversos puntos de interese desde roteiro. Nesta zona hai rexistrados preto de 60 petróglifos dos que seis forman parte deste Museo Aberto e pouco a pouco irán incorporándose outros. Entre os petróglifos que forman parte do roteiro atopamos “A Laxe escrita”, que é o máis importante pola incorporación de inscricións de diversas épocas, como a fenicia e a medieval. Atópase nas proximidades da Casa do Concello.

“O que intentamos neste Museo Aberto é dar a coñecer algúns lugares de Carnota que non son tan populares entre a xente, que en moitas ocasión só se queda coas praias”, explica María Lago, técnico de Turismo do concello, que destaca que o roteiro permite gozar simultaneamente da paisaxe, da natureza e da historia. Dende o Concello están a promover as visitas nocturnas aos petroglifos,  que tiveron moito éxito de público durante este verán.

Se iniciamos a ruta en Lira o primeiro gran fito que atopamos e a Torre dos Mouros, un recinto fortificado da época medieval ubicado nun cerro rochoso e dende o que teremos unha vista privilexiada de 360 graos na que poderemos apreciar dende o Monte Louro a Cabo Fisterra. A fortificación consta de diferentes elementos e está orientada cara ao porto de Lira. E moi posible que fose utilizada acoller a unha comunidade cando fuxían das incursións viquingas na zona. A partires do século XII, co cese dos ataques pasarían a ter un uso agro-gandeiro. Os restos do que foron as impresionantes murallas aínda se poden ver aquí.

O percorrido polo Museo Arqueolóxico Aberto só é unha das posibilidades de rutas que ofrece Carnota

A un quilómetro da Torre dos Mouros atopamos outro lugar importante da ruta, o Castro de Mallou, que albergou un poboado fortificado na Idade de Ferro entre os séculos IV a.c e I d.c. As lendas contan que neste lugar residiu a raíña Lupa, e unha das pedras do lugar fora a súa cadeira. O perímetro está rodeado case na súa totalidade por dúas murallas separadas por un terraplén e reforzadas na cara sur cunha terceira muralla e un pequeno parapeto. O conxunto ocupa unha superficie superior a unha hectárea.

Ademais dos xa citados percorrido por este roteiro permite achegarse a outros petróglifos como os de Rego Lamoso, Prousos Magos ou As Laxiñas. Todos eles permiten ver gravados de gran interese nun entorno privilexiado e están ben sinalizados nesta senda.

A senda que percorre o Museo Arqueolóxico Aberto só e unha das posibilidades que ofrece Carnota para descubrir un entorno costeiro de gran beleza. Hai moitas máis opción como, por exemplo, facer unha ruta pola proximidades da gran praia de Carnota que ofrece a posibilidade de atopar zonas de marismas e dunas e contemplar fauna e flora autóctona.

Outra opción e percorrer o chamado Camiño dos Costados, que comunica os lugares de Caldebarcos e Panchés, e que pasa moi preto dunha mostra destacada da arquitectura popular como son as casetas mariñeiras. As posibilidades gastronómicas que ofrece o concello é outro dos indubidables atractivos que ofrece Carnota, tanto no verán como no inverno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.