Xoves 25 Abril 2024

Vaqueiro: “A humanidade descoñece os valores que agochan as covas”

O investigador lamenta que “un neno galego saiba que en Asia aparecen velociraptores e non que en Galicia existiron panteras, mamuts ou osos cavernarios”

Neste ano 2021 espeleólogos de todo o planeta celebran o Ano Internacional das Covas e do Carst (IYCK), unha iniciativa promovida pola Unión Internacional de Espeleoloxía (UIS), formada por 54 países, e na que participan espeleólogos galegos, coma o investigador científico e auditor Observer Marcos Vaqueiro. Con el conversamos para entender mellor a importancia desta celebración. O evento inaugúrase o 26 de xaneiro na sede da UNESCO.

-Que é o carst?

Publicidade

-O carst é un tipo de paisaxe que se estima cobre o 20% da superficie terrestre do Mundo, aínda que en Galicia acada só ao redor dun 2%. Orixínase pola disolución das calias e dolomias. Algunhas destas formacións son impresionantes e pintorescas; a maior parte delas atópanse agochadas á vista, dentro das covas. Aínda que na superficie presentan tamén diversidade de formas, o que dificulta que os non expertos as poidan recoñecer. Tamén temos outras rochas solubles como a cuarcita, o xeso, ou a sal, que dan lugar a  paisaxes únicas nas que tamén existen covas. Son o que chamamos o paracarst. Pero a maior parte do Mundo está formado por rochas non solubles como as areiscas e as rochas magmáticas (volcánicas e plutónicas). Este tipo de paisaxes poden agochar covas que nomeamos coma pseudocársticas. En Galicia as mais abundantes son as rochas plutónicas, como os granitos, e nelas aparecen covas moi interesantes.

-Por que é importante adicar un ano á súa divulgación e posta en valor?

-Desafortunadamente a humanidade non percibe os grandes e múltiples valores que agochan estas paisaxes e as súas covas. O carst aporta auga para aproximadamente ao 10% da poboación mundial, achega coñecemento científico único sobre o cambio climático, os recursos minerais, a agricultura e incluso a busca de vida en outros planetas. Acolle a morcegos que apoian a produción de máis de 450 alimentos, medicamentos e produtos industriais, supón a existencia de lugares únicos do patrimonio natural que implican ademais unha fonte millonaria para as economías de moitos países a través do turismo espeleolóxico. E os restantes tipos de covas (paracársticas e pseudocársticas) tamén aportan beneficios similares.  O Ano Internacional das Covas e do Carst é un proxecto mundial para ensinar a todos sobre estes recursos naturais de importancia crítica. Hai que ter en conta que as covas tamén son moi vulnerables á contaminación, o uso excesivo, a destrución…

-Por que falas de “importancia crítica”?

-Póñoche un exemplo: Comentaba antes que hai moitos acuíferos que están asociados a covas; lembra que no carst se fala de que ata un 10% de auga para o consumo humano provén das covas. E ademais en Galicia as grandes covas en granitos, son cavidades que “capturan” un río e drénano baixo terra para devolvelo posteriormente á superficie. Destruír a cova, é perder ese recurso. Como se recargan os acuíferos ou a fontes?: Pois a través das vagadas e concas asociadas a eses acuíferos, e ás montañas por riba desas covas. Contaminar a conca, mesmo cos pesticidas ou abonos dos campos, e contaminar as augas. A contaminación pode ser un evento puntual. Máis o gran problema é, que xeralmente o veleno que penetra na profundidade das covas, queda retido nos sedimentos e depósitos das mesmas. O que conleva que as súa depuración será moi lenta, durante décadas, … O que manterá a contaminación das augas e a perda do recurso, durante moitísimo tempo.

-Persegue algún obxectivo específico esta celebración?

-Pois si. Sinalaba o vicepresidente de operacións da UIS, Efraín Mercado, que “The more we know, the more we can protect and conserve”. Isto é: Canto mais coñecemos, mais podemos protexer e conservar. E con esta idea se fixaron as tres liñas de acción nas que se está a desenvolver o Ano Internacional das Covas e do Carst: compartir e divulgar o coñecemento sobre o mundo subterráneo en prol da súa conservación e protección, e facelo accesible ao público non especializado. Tamén aos políticos e xestores do territorio… Tamén porque as covas son un medio natural no que cada vez atopamos máis tipos diferentes de visitantes: Espeleólogos, científicos e investigadores, turistas casuais, participantes en actividades de turismo científico, turismo deportivo, deporte aventura, … E, lamentablemente, moitos deles con pouca ou ningunha preparación, e información, para acceder ás covas producindo un mínimo impacto no fráxil medio subterráneo que van visitar.

-Dende Observer, e dende o clube CETRA, dos que es auditor e presidente, respectivamente estades a participar no IYCK do 2021

-Debido a toda a nosa experiencia, dende o segundo semestre de 2019, pero sobre todo no 2020 comezamos a traballar na súa difusión con actividades, conferencias e vídeos divulgativos. E de feito o C.E. A Trapa (CETRA) aparece como colaborador do IYCK na súa web oficial (https://iyck2021.org/). Nós colaboramos en moitos proxectos de investigación, e investigamos as covas galegas en rochas solubles e non solubles dende hai máis de 30 anos. Participamos de forma activa co Instituto Universitario de Xeoloxía “Isidro Parga Pondal” da Universidade de A Coruña.  Os proxectos de investigación centráronse polo xeral nos eidos da xeoloxía, espeleoxénese, espeleotemas e bioespeleotemas, paleoclima, paleontoloxía e arqueoloxía. Tamén participamos en comités científicos internacionais e en comités de protección e conservación do medio subterráneo. Por experiencia e coñecemento, coido podemos aportar moito de cara a acadar os obxectivos do IYCK-2021.

-Que actividades ides desenvolver ?

-Temos dúas liñas de actividades abertas. Por un lado estamos a desenvolver una serie de vídeo-presentacións dentro dun programa que chamamos “Non é o mesmo imaxinar que vivir“, accesibles na sección da nosa web (http://cetra.es/iyck.html), e tamén en Facebook, e nos que amosamos o contraste entre as diferentes paisaxes subterráneas que existen en Galicia (carst, paracarst, pseudocarst e covas de consecuencia) e os seus valores naturais e culturais. A idea e ir facendo máis vídeos ao longo do ano. Polo de agora xa están accesibles dúas das presentacións, unha adicada os espeleotemas e bioespeleotemas, xa que son unha das formas mais recoñecibles das covas, e a outra adicada precisamente ao contraste entre o pseudocarst e o carst galego. Posteriormente sacaremos outros adicados ao paracarst. E tamén ao Patrimonio Cultural, a vida das covas galegas. Pero imos aos poucos. E por outro, traballamos na gran aposta da UIS para o IYCK: Compartir coñecemento. A idea é achegar a espeleoloxía científica aos estudantes galegos, para que descubran o valor das covas galegas e do medio subterráneo. Imos facelo principalmente a través de presentacións nos centros educativos, e se cadra tamén, con algunha actividade de campo.

-Tedes actividades para escolares?

-Para os mais cativos, desenvolvemos un programa titulado “O que os vosos libros non contan“. A idea xurdiu cando vin que os libros de Coñecemento do Medio dos meus fillos adicaban escasamente 4 liñas ao patrimonio subterráneo galego. E o único relevante de dito patrimonio parecía ser o xacemento de cova Eirós (Triacastela), cando hai moitísimas covas con importantes xacementos nas catro provincias galegas.

-Non pode ser que un cativo galego saiba que en Asia Central aparecen velociraptores do Cretácico, e non coñezan que en Galicia existiron panteras, mamuts, osos cavernarios, hienas, rinocerontes lanudos, e unha chea de especies máis …

-A idea é que vexan e descubran o que hai e houbo en Galicia; o que se está a investigar, e para que serve, o que se está a facer. Eu coido que nalgunhas liñas de investigación na espeleoloxía, estamos moi por diante de moitos outros grupos de traballo. E iso haino que amosar e potenciar para darlle continuidade. E para os universitarios seguimos na liña de colaboración que mantemos dende hai anos, participando nun seminario centrado nas covas, e no medio sotérreo. Facémolo unha vez ao ano, e remata cunha saída ao campo. Esta dinámica xa deu pé ao desenvolvemento dalgúns traballos de fin de grado e de fin de máster. A difusión que estamos a facer abrangue moitas áreas: A xeodiversidade e biodiversidade subterránea en Galicia; as covas relacionadas coas Idades do Xeo en Galicia: crise climática vs. evolución do clima; a evolución da paisaxe e da súa fauna; neominerais e biominerais das covas; as covas galegas, unha porta a exploración de Marte; os grandes xacementos arqueolóxicos das covas galegas e os primeiros poboadores galegos, etc.

-Hai máis colectivos traballando no IYCK?

-Dende logo. Hai varios. Eu podo falar da Federación Galega de Espeleoloxía, á que compete á actividade espeleolóxica federada en Galicia, e que ven desenvolvendo actuacións para o IYCK dende finais de 2019. Tamén está adscrita como colaboradora da UIS no Ano Internacional das Covas e do Carst. Está a desenvolver tres proxectos moi importantes, e que particularmente considero marcan unha traxectoria nova e diferenciadora. Obviamente son tres proxectos aliñados cos obxectivos do IYCK, e por ende, orientados tamén a compartir coñecemento e promocionar os valores do patrimonio subterráneo galego: En primeiro lugar o Atlas Dixital Galego de Covas e Canons. A idea é vella, pero o camiño plantexado é novo: Estamos a desenvolver dende o 2018, e neste ano agardamos chegará a primeira versión operativa, un atlas dinámico baseado nun XeoServer como aplicación integrada nun Sistema de Información Xeográfica. Dende logo será unha boa ferramenta para os espeleólogos, para os investigadores, pero tamén para os xestores do territorio por canto poderán previr impactos nas covas (obras públicas), afeccións patrimoniais, xestión de áreas protexidas, .. E mesmo para rescates ou emerxencias.

Por outra banda, comezamos a desenvolver os primeiros roteiros (o núcleo) do Espeleoparque de A Mariña, no norte de Lugo. Este ano consolidaremos o inventario das súas covas (cársticas, paracársticas, pseudocársticas e de consecuencia), de xeomorfositios relacionados coas covas, que combinados con xeositios xa recoñecidos, permitirán desenvolver os primeiros roteiros e actividades orientados a descubrir e aprezar as diferenzas, similitudes e valores das covas en granitos e cuarcitas de Foz Burela, en granitos en Mondoñedo-Foz-Valadouro, nas calías de Mondoñedo-Abadín, e tamén, as covas de consecuencia (vellas minas que agora evolucionan como covas naturais) na zona de A Pontenova. A idea esencialmente é aproveitar que conflúen os catro tipos de paisaxe subterránea nunha mesma área, para promover unha visión científico-espeleolóxica da espeleoloxía e dos distintos tipos de covas que se poden atopar en Galicia. Queremos destacar ademais a diversidade xeomorfolóxica, destacando como existen covas en todos os tipos de rochas independentemente da litoloxía e dos axentes xeodinámicos que influíron no seu desenvolvemento. Buscamos que eses roteiros permitan aprezar e valorar a beleza e os valores non só para os espeleólogos senón tamén ao público xeral. Así o noso gran reto, é promover ao tempo que se protexe e minimiza o impacto no medio.

E o terceiro proxecto é lanzar a primeira edición dun festival-encontro de cine espeleolóxico. O cine, sexa polo medio que sexa, dende a proxección dereita, ate o streaming, é sen dúbida un xeito de achegar información visual a moita poboación local ou foránea. O proxecto farase público en breve.

-Cando comeza oficialmente o IYCK?

-A cerimonia de apertura estaba prevista na Sede da UNESCO o 26 de xaneiro de 2021, pero no seu lugar celebrarase virtualmente en https://www.youtube.com/channel/UCzSiErLj5x6viNbvAdehDvA a partir das 15:00, hora de Europa Central (París). Alén de que distintos colectivos (a pesar da COVID) esteamos xa desenvolvendo as actividades programadas para o IYCK. O evento é aberto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea