Souto da Retorta: cando o eucalipto é un monumento

O Avó do Souto da Retorta non foi o primeiro que chegou pero si é, sen dúbida, un dos máis célebres exemplos dunha especie hoxe moi controvertida. Na segunda metade do século XIX, algúns nobres e empresarios quedaron abraiados polas propiedades do Eucalyptus globulus, unha especie procedente de Australia que un misioneiro de Tui trouxo ata Galicia (aínda que é posible que algunhas sementes chegaran antes).

Aquela árbore medraba rapidamente e absorbía moita auga do solo, polo que se empezou a plantar nalgunhas brañas para desecar o terreo. Unha delas estaba en Chavín, unha aldea a carón do Landro. Este río e os seus afluentes, que baixaban cargados de auga desde a serra do Xistral, asolagaban decote unha zona na que un industrial quería desenvolver unha fábrica. Decidiuse entón, desde a década de 1880, comezar a plantar sementes de eucalipto na zona.

Publicidade

Os eucaliptos desta plantación foron multiplicándose ata contarse por centos. Pasou o tempo, chegaron as plantacións descontroladas nas provincias atlánticas e a árbore comezou a converterse nun elemento tan omnipresente como polémico na paisaxe galega. Porén, o Souto da Retorta, pola súa antigüidade e a magnitude dalgúns exemplares, fica como un lugar que cómpre a pena visitar.

O Avó

O Avó de Chavín. Fonte: xunta.gal.
O Avó de Chavín. Fonte: xunta.gal.

O emblema do lugar é, sen dúbida, o Avó de Chavín, un exemplar que supera os 60 metros de altura, segundo os datos da Xunta de Galicia. A súa base ten 11 metros de perímetro, e destaca pola súa semellanza, desde algunhas perspectivas, co pé dun elefante. Pouco a pouco estréitase, aínda que mantén un diámetro que cautiva a quen o visita.

Publicidade

A súa magnitude é tal que hai que agardar a máis de 17 metros de altura para que aparezan as primeiras pólas. E aínda que os eucaliptos son árbores de copa estreita, o Avó ten un diámetro de ramaxe considerable debido á súa magnitude, superando os 15 metros. Estímase que a súa idade está entre os 110 e os 140 anos.

E aínda que este é o emblema do Souto da Retorta, hai outros exemplares tamén centenarios que destacan polo seu tamaño, acadando máis de 50 metros de altura, polo que paga a pena un paseo pola zona. Todo o conxunto é, desde o ano 2000, Monumento Natural, segundo a declaración da Xunta de Galicia. Ademais, o Avó pertence ao Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

O bo estado no que se conserva o bosque, moi valorado e protexido polos veciños da zona, permite que arredor do Avó e os seus compañeiros medre unha gran variedade de especies autóctonas do bosque atlántico, así como pequenos anfibios, mamíferos e aves que se nutren da riqueza natural da ribeira do Landro e do clima húmido e temperado da zona.

A saúde dos exemplares é en xeral boa, aínda que as administraciones manteñen vixiado o Souto para evitar o contaxio con algunha das doenzas que afectan ao eucalipto en Galicia. Recentemente, a Consellería de Medio Rural anunciou un plan de conservación para o Souto da Retorta, co que se pretende mellorar a situación do entorno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

Os datos do eucalipto confirman as sospeitas: a moratoria de 2021 causou un ‘efecto chamada’

A polémica especie crece un 6% en dous anos, o dobre do que a Xunta anticipaba para o período 2021-2025

Como inflúen as especies arbóreas no solo? Un estudo analiza os seus efectos en Rianxo

A investigación da USC mostra que os terreos baixo eucalipto teñen un contido de auga medio do 13%, significativamente menor que o das matogueiras

Unha moratoria con gretas? Así pode o eucalipto gañar terreo en Galicia

A normativa anunciada pola Xunta permitirá novas plantacións nos terreos de piñeiros afectados pola banda marrón de forma temporal