Martes 19 Marzo 2024

Sexo en pedra nas igrexas románicas de Galicia

Homes e mulleres espidos, amosando os seus órganos sexuais ou fornicando son imaxes habituais en pedra nas igrexas do país

Escenas de sexo nas igrexas  románicas galegas. Entre os séculos  XI e  XIII, os templos de Galicia enchéronse de pornografía en pedra. A súa explicación aínda divide aos expertos, pero estas representacións sexuais foron obxecto de censura moitos séculos máis tarde. E aínda hoxe son grandes descoñecidas mesmo para os veciños destas parroquias, que non reparan nalgunhas orxías escultóricas que se esconden nas súas igrexas.

Igrexa de San Pedro de Ansemil, en Silleda.

“Hai quen pensa que todo isto tiña un carácter adoctrinador, a representación do que non había que facer, amosando o sexo dunha forma contundente, explícita”, sinala o profesor José Luis Hernando Garrido, da UNED en Zamora. “É unha interpretación estraña, sería como darlle a un adolescente revistas pornográficas para dicirlle, mira isto… é o malo”, apunta Jaime Nuño, director do Centro de Estudos do Románico da Fundación Santa María La Real, organizadora do curso. Outros estudosos pensan que as escenas de sexo simplemente retrataban a vida cotiá. E algún sosteñen que o seu obxectivo era fomentar a natalidade, nunha época de altísima mortalidade infantil.

Publicidade

Canzorro amosando o ano en Santa María de Abades, Silleda.

A maior parte dos expertos fala dunha función  aleccionadora. Tal sería o caso da escultura da Muller Adúltera que aparece na fachada de Praterías da catedral de Santiago. No Libro V do  Códex  Calixtinus explican este singular retrato: “E non ha de relegarse ao esquecemento que xunto á tentación do Señor está unha muller sostendo entre as súas mans a cabeza putrefacta do seu amante, cortada polo seu propio marido, quen a obriga dúas veces por día a bicala. Oh, cuán grande e admirable xustiza da muller adúltera para contala a todos!”.

A muller adúltera, na catedral de Santiago.

Pero polo xeral, as escenas de sexo nas igrexas románicas adoitan ser menos dramáticas: homes e mulleres que ensinan o ano ou os xenitais,  coitos máis ou menos explícitos… E boa parte destas imaxes están nos canzorros, onde o tellado da igrexa únese aos seus muros. “Por iso moitas veces pasan desapercibidos para os visitantes, mesmo para os propios veciños do lugar”, explicaba o investigador Federico de la Peña en 2012, cando inaugurou a súa exposición fotográfica ‘Sexo  na  Pedra’, que percorreu Galicia aquel ano con certo escándalo.

Aquela mostra estaba integrada por 45 fotografías de 32 igrexas de toda Galicia amosando os exemplos máis rechamantes deste románico sexual, pero tamén retratando as desfeitas que a finais do século  XIX e principios do  XX provocou unha corrente  moralista en gran cantidade de pezas. “A representación do corpo espido converteuse en toda unha ofensa para os ollos piadosos e mutiláronse moitas estatuas clásicas e imaxes eróticas que aparecían nos canzorros; especialmente se  castraron moitos membros masculinos, que era o máis doado”, denunciaba De la Peña.

O músico toca os seus xenitais na igrexa de Ansemil.

As imaxes reflicten actitudes que a Igrexa medieval consideraba que fomentaban o vicio e así se representaban órganos sexuais, escenas pornográficas, músicos, contorsionistas e personaxes comendo ou bebendo exageradamente e en posturas eróticas”. Algunhas delas tamén reflicten as consecuencias derivadas deses actos, como os castigos aos que eran sometidos os pecadores.

Manuel Antonio Castiñeiras e Fátima Díez, da Universidade de Santiago, subliñan a relación entre pecado e castigo cando analizan as figuras da igrexa compostelá de Santa María Salomé, onde os canzorros amosan “imaxes de ira –home repenando a barba-, da gula –monstro engulindo-, da luxuria –exhibicionista masculino e eminino-, mentres que á dereita pon o aceno no xuízo e no castigo”. Neste caso, un monxe cun incensario oponse a figuras condenadas ao inferno: “simio atado cunha corda, home en relación sexual cun demo e leóns devoradores”.

Canzorros en Vitiriz, Melide.

O investigador Alfredo Eiras, analizando os canzorros das igrexas de Betanzos, alerta sobre non interpretar estas escenas sexuais dende o prisma de hoxe. “Moitos investigadores dan por feito que o sexo é pecaminoso por definición. E, como case todo, no mundo simbólico da arte medieval, o sexo tamén podería ter dúas caras: pode ser bo ou malo, lear á vida (ó Ceo) ou á norte (ó Inferno).

Representacións de falos, da exposición Sexo en Pedra. Deputación Pontevedra.

Na igrexa de Santiago de Betanzos, unha muller e un home escrequenados amosan o seu sexo. Na de San Francisco, hai unha imaxe esquemática duns testículos e unha muller acróbata que tamén amosa o seu sexo, moi semellante a outra no templo brigantino de Santa María. “A pregunta é: son pecadores de luxuria?”, inquire Alfredo Eiras. E a súa reposta engade elementos que veñen da tradición grecolatina, como o culto a Príapo, tan representado en Pompeia e Herculano, coas imaxes fálicas como protagonistas.

Así que a controversia entre os expertos mantense na actualidade. Pero o certo é que hai sexo nas igrexas románicas de Galicia. Á vista de todos dende hai case un milenio. Amosando unha pornografía en pedra que chega a nós dende a Idade Media.

Para saber máis: “Entre pecados e pecadores: sexo no románico”

Algunhas igrexas onde atopar sexo en pedra:

Santa María de Esposende, Cenlle

San Pedro de Ansemil, Silleda

Santa María de Abades, Silleda

Santiago de Mens, Malpica

Vitiriz, Melide

Mosteiro do Couto, Narón

San Miguel de Eiré, Pantón

San Martiño de Sobrán, Vilagarcía

3 COMENTÁRIOS

  1. Nun dos canzorros de Sta Mariña de Esposende que poñedes non hai falo ningún, senón un músico tocando o dolio

  2. Non estaría de más consultar a Historia da literatura pornográfica de Xulio Pardo de Neyra, publicada por Positivas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:42

S de Suevos: adiviñas cal foi o primeiro reino medieval de Europa?

O historiador Pablo C. Díaz sinala que este pobo xermano foi "absolutamente ignorado" despois da conquista dos visigodos no ano 585
00:04:21

N de Nutrición: os galegos do medievo xa comían filloas e polbo (pero non á feira)

A dieta do pobo estaba restrinxida a papas, potaxes e sopas, coas castañas como principal fonte de hidratos de carbono máis alá do pan
00:03:43

G de Galegas: mulleres con poder no Reino de Galicia

É un mito a falta de documentación sobre o seu papel na Idade Media, foi a falta de consideración dos investigadores ao longo da historia o que provocou que o seu legado non se investigase
00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego