Co obxectivo de buscar novas fórmulas que consigan mesturar equilibradamente economía e conservación dos recursos naturais, o territorio formado por dezaseis concellos pertencentes ás Montañas de Ancares e Courel, da man da Deputación de Lugo, comezou un novo reto social e económico: converterse nun lugar onde a conservación do patrimonio natural e cultural vaia á par, sen colisionar, con novos desenvolvementos turísticos. Todo un reto.
Os Ancares lucenses e O Courel son unha zona extensa, teñen 2.676,4 km2 e ocupan o 17 % da provincia de Lugo. A súa biodiversidade animal e vexetal, debida en parte a súa singular xeomorfoloxía, convértenos nun espazo único e representativo dun tipo de ecosistemas que debe ser conservado e protexido. De feito, conta con numerosas figuras de protección da súa biodiversidade.
A modo de quebracabezas conviven nesta área xeográfica dúas Reservas da Biosfera, seis espazos de Rede Natura 2000, un área ZEPA, un área de protección do Oso Pardo e un futuro Xeoparque. O certo é que sería axeitado para Ancares-Courel unha unificación de todas estas “proteccións” baixo un paraugas común que permitise que a xestión do espazo estivese liderada por un único organismo. Bótase en falta unha figura de protección máis rotunda, coma “Parque Natural” ou mesmo “Parque Nacional”, as dúas figuras legais de maior protección deste tipo de espazos, dado que isto axudaría á hora de planificar o uso turístico máis apropiado.
Ademais, a conservación está moi relacionada coa percepción e valoración social, e tamén coa actitude e os valores de grupos de interese con capacidade para influír na conservación, que son ao mesmo tempo influídos polas regulacións e prácticas desa conservación. Isto sucede así, porque os axentes deses espazos e os seus intereses adoitan ser contrapostos e, neses casos, os equilibrios entre eles con respecto á busca tácita ou explícita de modelos que saiban combinar conservación e turismo, tamén.
Requírese vontade política e concienciación social para establecer unha adecuada regulación, porque é un feito, no que respecta ao turismo, que as áreas naturais son un reclamo, e que son visitadas cada ano por milleiros de persoas.
O ecoturismo ou turismo de natureza parece a mellor estratexia para este tipo de espazos, pero sen unha regulación específica pode non ser moi eficaz. Por outra parte, tamén é necesario dotalo de contidos de calidade.
O que está a impulsar a Deputación de Lugo coa colaboración de Observerâ é a creación para as Montañas de Ancares e O Courel dunha estrutura de Ecoturismo Científico, adaptado aos seus recursos naturais.
Observer certifica e recoñece a calidade de Destinos Científicos maduros, e tamén promove a creación de Destinos Científicos novos. É dicir, traballamos sobre espazos que queiran apostar polo desenvolvemento dun modelo de Turismo onde o coñecemento que a Ciencia aporta sobre ese espazo, é a base do relato, e dos contidos, e dita as normas e protocolos de conservación dos recursos.
Para ser catalogado como Destino de Turismo Científico Observer®, as Montañas de Ancares e O Courel deberon someterse a unha Auditoría Científica que marcará a folla de ruta para o coidado do seu patrimonio natural e cultural, e para o desenvolvemento da súa futura oferta de turismo científico.
É dicir, traballamos cos xestores e axentes do territorio, para que entre todos podamos establecer estratexias de planificación e xestión sen ir en detrimento das normas vixentes de conservación do patrimonio natural. Meses máis tarde, e de forma pautada, medimos os resultados da implantación dos nosos modelos.
A estrutura creada comprenderá aspectos relacionados coa xestión do novo destino científico e coa planificación e control de calidade da súa oferta, tanto no relativo a contidos coma a servizos. Contempla tamén a formación de guías especializados e a adhesión de empresas locais ao sistema.
Neste contexto, a zona de Ancares-Courel sitúase nunha posición máis que favorable para o desenvolvemento dun modelo de Turismo Científico, grazas sobre todo a un medio natural diverso con múltiples recursos e a iniciativas de conservación e investigación actuais que recollen un amplo legado de traballos científicos na zona.
O obxectivo final é a posta en valor do territorio, a creación de novos contidos de calidade e o desenvolvemento de dinámicas de traballo en rede de todos os que forman parte do modelo, no que a Estación Científica do Courel, da Universidade de Santiago, terá un peso importante.
A nosa experiencia demóstranos que hai máis vontade para conservar aquilo que se coñece mellor, e que é ordenado para ser amosado ao público.
A conclusión sempre é a mesma: a maior divulgación, maior concienciación e mellor conservación de todos os recursos naturais.
Un reto para todos.