Martes 19 Marzo 2024

O retorno dos Irmandiños: Vimianzo asalta o castelo 550 anos despois

O concello de Vimianzo rememora un ano máis as Guerras Irmandiñas na festa do Asalto, que terá lugar esta fin de semana ao ritmo da música folk

A vinculación co pasado é un feito que rixe a realidade. En Galicia son numerosas as festas que teñen a súa orixe na época medieval, dende a Festa da Istoria de Ribadavia ata a Feira Franca de Pontevedra. Un lugar que non escapa desta tradición é o concello coruñés de Vimianzo, que cada ano conmemora a revolta irmandiña do século XV. A celebración terá lugar esta fin de semana, o 5 e 6 de xullo.

O Asalto ao Castelo

En 1467, tras anos de conflicto social e político, estalaba o descontento do pobo galego contra o abuso de poder dos señores feudais. Para conmemorar aquel feito, que puido mudar a historia de Galicia celébrase, o primeiro sábado de xullo, o Asalto ao Castelo de Vimianzo.

Publicidade

Dende hai máis de dúas décadas, miles de persoas congréganse na localidade para escenificar as revoltas e retomar, de xeito simbólico, o castelo vimiancés. Trátase da metáfora da rebelión contra as inxustizas do mundo moderno, trasladando as revoltas ao presente mediante determinados personaxes e situacións.

Un dos sinais de identidade do Asalto de Vimianzo é que o espectador trascende a súa condición para converterse en protagonista. Os asistentes convértense en irmandiños, con fachos para alumear o camiño e arietes para derrubar a porta da fortaleza.

Ademais, a festa leva a banda sonora da música folk con concertos da man de grupos como Luar na Lubre, Esne Beltza, Mafalda ou SkandaloGz, que actuarán o sábado. Pero non só a música será a escolta dos participantes; tanto pequenos como maiores teñen o seu oco, sempre ambientado no espírito medieval.

“o Asalto é unha festa referente e diferente, feita polo pobo e na que ninguén se sinte estranxeiro”

A entrada é gratuita, polo que non é posible calcular a asistencia exacta de persoas. Porén, as estimacións son que acudan entre 6.000 e 7.000 persoas, non só ao propio Asalto, senón tamén a outras actividades como a Cea Medieval do venres ou a degustación dos Pinchos Irmandiños que se celebran nos días previos polos locais da vila. No propio programa (PDF) da conmemoración, onde se poden consultar as distintas actividades, defínese o Asalto como “unha festa referente e diferente, feita polo pobo e na que ninguén se sente estranxeiro”.

A historia do castelo

A historia do castelo é moi extensa e interesante: foi construído entre o final do século XII e o comezo do XIII polos Mariño de Lobeira, para terminar nas mans da Deputación da Coruña desde o ano 1973. Pero neste longo camiño superou un asalto, unha expropiación simbólica na Guerra Civil, un incendio e pasou por moitas mans distintas.

Actualmente, e tras todas estas aventuras, a Deputación cedeu a xestión ao Concello de Vimianzo, que organiza un amplo programa de actividades no lugar. O bo estado de conservación da fortaleza, que ten a súa orixe na época medieval, permitiu a súa conversión nun museo de artesanía en vivo. As exposicións artesanais de palilleiras, artesás do liño, cestería, prata e vidro, olería de Buño, coiro e maquetas de barcos permanecen durante todo o ano abertas ao público para o seu desfrute visual.

O castelo está aberto de forma gratuita todos os días do ano de 10.00h a 14.00h e de 16.00h a 18.30 h, excepto os luns; aínda que durante os meses de verán (do 1 de xullo ao 15 de setembro), o castelo abre media hora máis tarde nas mañás, e polas tardes pecha ás 20.30h.

O edificio

A fortaleza está situada nunha posición estratéxica: na entrada do pobo, a carón da actual estrada comarcal. Esta podería ser unha das causas das continuas loitas pola súa posesión, xa que a súa proximidade á costa permitían o control das rutas comerciais do marítimas (negocios da sardiña e do sal) e dos botíns dos barcos que sufrían un naufraxio.

Nunha combinación entre os estilos de Foso Cailin e Invernalia, escenarios retratados nas famosas novelas de George R.R. Martin, a fortaleza de Vimianzo está protexida por murallas e un foxo, sobre o que se tende unha ponte levadiza. De feito, na entrada ao patio, hai un portalón coroado polo escudo con cabeza de lobo dos Moscoso.

Os muros, de case dous metros de grosor, contribúen tamén a protección do edificio, formado por un total de catro torres defensivas rectangulares que agochan un patio de armas. A súa planta poligonal irregular adáptase ao terreo.

Este enclave atópase, en términos xerais, en moi bo estado de conservación; aínda que as ameas en punta de diamante que algún día rodearon todo o castelo só se conservan na Torre da Homenaxe e nun dos muros, todavía existen partes dos séculos XIII, XIV e XV.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast: Bailando con Reis e Raíñas | 5. Galicia, primeira revolución europea

De cando o pobo galego proclamou o autogoberno irmandiño a mediados do Século XV: unha revolta sen comparanza con outras da época

Desenterrar do esquecemento a Rocha Forte

O ataque dos Irmandiños e o espolio posterior fixeron invisible durante séculos a fortaleza medieval máis importante de Galicia

O Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín unen á Deputación da Coruña co concello vimiancés

As dúas institucións asinan un convenio que garante a xestión, promoción e un programa de actividades no castelo, a Mostra de Artesanía en Vivo e os batáns

Torres de Altamira, a fortaleza e señorío dos Moscoso

As ruínas están declaradas Ben de Interese Cultural, domiñan o val da Mahía, en Brion, e convidan coñecer o rico patrimonio deste concello