Desenterrar do esquecemento a Rocha Forte

Reconstrución virtual do castelo de Rocha Forte, feita ao abeiro do documental "Os Castelos" da TVG. Crédito: Trasancos 3D / Anxo Mijan
Reconstrución virtual do castelo de Rocha Forte, feita ao abeiro do documental “Os Castelos” da TVG. Crédito: Trasancos 3D / Anxo Mijan

Por María Piñeiro

A finais dos anos 90, un grupo de persoas do barrio compostelán da Rocha Vella, situado a uns catro quilómetros da cidade, decidiron fundar unha asociación cultural co obxectivo de recuperar parte da memoria do lugar. De feito, nos campos que rodeaban o barrio, permanecían enterrados desde hai máis de cincocentos anos os restos do que fora o castelo do Arcebispado de Santiago.

Publicidade

Desenterrar do esquecemento a Rocha Forte.

Tratábase dunha construción impoñente, monumental, entre fortaleza e pazo residencial, que defendía e controlaba a entrada á cidade e servía de refuxio, en caso de necesidade, aos señores de Compostela.

Carlos Delgado foi un dos fundadores da Asociación Cultural Rocha Forte en 1999. Naceu moi preto da Rocha Vella, por iso non é de estrañar que casara alí converténdose nun veciño máis da aldea. Pero as lembranzas que Carlos tiña do castelo databan xa da súa infancia, a mediados do século pasado. 

“Sabíase que aquí estaba o castelo, pero non se falaba moito del porque non había moita información nin documentación”

Carlos Delgado, fundador da Asociación Cultural Rocha Forte

“Aquí, moi preto, pasa o río Sar e como daquela non había televisión, os mozos da Choupana viñamos sempre bañarnos aquí. Faciamos con pedras unha piscina e cando á noite o frío nos botaba fóra, viñamos ata o castelo. Por iso sabiamos que existía. Non estaba tan descuberto como hoxe pero algunha muralla aínda se vía. Pouco a pouco, a maleza foi ocultando o que quedaba”, recorda Carlos. 

Oculto pola maleza

Durante moitos anos aquel lugar dominado xa pola natureza, tamén tivo, dalgún xeito, un significado especial para os veciños da Rocha Vella. “Sabíase que aquí estaba o castelo, a esta zona chámaselle así, pero non se falaba moito del nas casas porque antes tampouco había moita información ou documentación. O que si me contaron é que aquí deixábase traer o gando ás persoas que non tiñan propiedades, os demais levaban os animais ás súas leiras, nunca os traían ao castelo”, explícanos Carlos que preside a asociación.

Vista aére do castelo da Rocha Forte. Foto: Concello de Santiago.
Vista aére do castelo da Rocha Forte. Foto: Concello de Santiago.

O castelo da Rocha Forte foi mandado construír, segundo o consenso dos investigadores, a mediados do século XIII polo arcebispo Xoán Arias. Na contorna da catedral, rematada e recentemente consagrada, aínda quedaba moita obra por realizar e, falto temporalmente dun lugar de residencia, o arcebispo decantouse pola Rocha. De influencia francesa e estilo gótico, o castelo foi erixido nun estratéxico cruce de camiños.

O castelo foi mandado construír a mediados do XIII polo arcebispo Xoán Arias

De feito, por alí pasaban o camiño portugués ademais das rutas comerciais que unían a cidade e a catedral ao mar. “Era un lugar importante polo cruce de camiños e ségueo sendo. Aquí controlábase sobre todo a entrada de mercadorías do mar que viñan de Pontevedra e Padrón, é dicir, do río Ulla, e das zonas de Noia, Muros e Fisterra. Pero tamén era estratéxico para defender Compostela dos ataques normandos que chegaban polo mar”, asegura María del Mar Bóveda, especialista en educación patrimonial, investigadora e a encargada de deseñar e pór en marcha as primeiras visitas guiadas ao castelo hai case unha década. 

Cruce de camiños

A posterior reforma do castelo que levou a cabo Landoira reforzou a construción engadindo, sobre todo, importantes elementos defensivos como as cercas exteriores concéntricas. A monumentalidade do castelo con nove torres de vixilancia, a torre da homenaxe central que coroaba o recinto con ata tres pisos abovedados, un pozo, un alxibe para resistir os asedios, unha rede de canalizacións, un forno, un celeiro e toda unha serie de dependencias que facían do recinto unha verdadeira “fortaleza-cidade”.  

Nun tempo sen conflitos sociais en Compostela contra o poder do arcebispo, na Rocha Vella construíuse un castelo sobre todo residencial aínda que de arquitectura militar preparado para funcionar como alfándega e centro administrativo. A falta de documentación leva aos investigadores a afirmar que sería difícil imaxinar hoxe como foi exactamente o castelo-fortaleza nos seus inicios.

Un castelo con fama de maldito

Foi o dominico francés Berenguel de Landoira, nomeado arcebispo de Santiago  en 1317 polo papa Xoán XXII, quen lle deu a forma sinaladamente defensiva que hoxe se lle recoñece a esta fortaleza. De feito, tras ser nomeado, Landoira tivo que residir durante un tempo no castelo ante a imposibilidade de entrar en Compostela pola revolta dos burgueses contra o poder feudal da Igrexa. Un conflito que rematou tres anos despois de xeito sanguinario co asasinato de once líderes da revolta dentro da fortaleza á que acudiron para negociar. 

O dominico francés Berenguel de Landoira, nomeado arcebispo de Santiago,  resistiu no castelo ante a imposibilidade de entrar en Compostela pola revolta dos burgueses contra o poder feudal da Igrexa

Algo que confirman as últimas persoas que se lembran do castelo na súa época de esplendor, as 183 testemuñas do Preito Tavera-Fonseca que tivo lugar entre 1526 e 1527, como explica María del Mar Bóveda: “Cando vai tomar posesión o arcebispo Juan Tavera, ve que os castelos non están en moi bo estado e manda facer un inventario para saber como llos deixa o anterior arcebispo, Alonso de Fonseca III. Para este preito mándanse chamar as persoas maiores que aínda recordan o castelo e falan dos nove torreóns, tres murallas, todo encalado, branco, visible desde moitos lugares. Dicían que era algo impresionante, que alí podían vivir e resistir un asedio durante moitos meses ata 200 cabaleiros cos seus cabalos, o armamento e todo o persoal de servizo. Iso é o que esas persoas contaron”

Seis décadas antes, no ano 1467, fartos dos abusos do poder feudal sobre a poboación civil, os Irmandiños escribían o epílogo deste símbolo do poder político do arcebispo de Compostela, derrubando a impoñente construción. Proba da violencia do asedio á fortaleza son os centos de pelouros, algúns de ata douscentos quilos, que descansan aínda hoxe no chan das ruínas do castelo. Ademais deses enormes proxectís esféricos, as catapultas dos irmandiños tamén serviron para lanzar lume e ata animais mortos para propagar a peste no interior da fortaleza.

Reconstruír pedra a pedra

As pegadas dos dous séculos de existencia do castelo da Rocha Forte comezaron a saír da terra hai vinte anos cando se levaron a cabo as primeiras escavacións arqueolóxicas. Apareceu entón a muralla da que Carlos Delgado se lembraba, a memoria non fallaba, e os restos de moitos dos elementos descritos polas testemuñas do preito Tavera-Fonseca como as cercas, o alxibe ou a torre de homenaxe. Outros detalles como a posible existencia e localización da chamada capela de Santa Eufemia, segue sendo un dos misterios que garda esta antiga construción que foi un día a máis grande da Galicia medieval. Os obxectos que se recuperaron nas campañas arqueolóxicas foron estudados e levados ao Museo das Peregrinacións de Santiago, desde frechas e coitelos ata restos de cerámica de luxo. As pedras do castelo, serviron para alimentar as construcións na contorna, as das propiedades da propia Igrexa e para levantar unha fortaleza xa inexistente no Pico Sacro. Tamén se di polo baixo, que algún coñecido pazo galego, aínda garda algunhas delas. 

Carlos Delgado, nas ruínas do castelo.

O castelo da Rocha Forte, que soporta desde 1873 o paso da liña de ferrocarril Cornes-Carril sobre os seus alicerces, quedou despois de ser arrasado e espoliado, en silencio, invisible, como se nunca existise, durante centos de anos. Hoxe, declarado Ben de Interese Cultural, recibe a atención das institucións e de un público cada vez máis numeroso.

Carlos Delgado pola súa banda, non agocha a satisfacción de ver por fin as ruínas do castelo invisible no que xogou na súa infancia e confesa que un día chegou a soñar cun centro de interpretación desta fortaleza alí, na Rocha Vella. Pero o presidente da asociación que loitou por desenterrar a memoria do lugar, insiste no potencial cultural do castelo. “Parece que en Santiago só existe a catedral. Aquí, por exemplo, non hai visitas programadas. Hóuboas no pasado e tiveron moito éxito pero non volveron. Temos que dicirlle aos responsables que volvan facer as visitas guiadas, con profesionais. Aquí pódense facer moitas cousas. Isto non debería quedar así”, lamenta.

Algo co que concorda María del Mar Bóveda, que sorrindo e como se dunha das súas visitas guiadas se tratase, nos anuncia cunha teatralidade máis que oportuna o peche da porta do recinto onde se poden ver hoxe ao ar libre as ruínas da Rocha Forte.


BBR1. Un reino agochado
BRR2. Vellos lí­deres de tribo
BBR3. Raíña despois de morta


O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022