Galicia destaca por facer barcos e por navegar neles. Pero non por saber convertelos en museos. Case non hai exemplos, agás un boniteiro en Burela ou a carabela Pinta en Baiona. Pero Portugal, o país das Descobertas, sabe sacar partido turístico ás súas embarcacións, sexan os barcos rabelos navegando o Douro, os moliceiros de Aveiro ou un buque de grande porte, como é ocaso do Gil Eannes, en Viana do Castelo.
Na veciña Portugal temos un gran exemplo de como un buque con historia pode pasar a ser un museo e un forte atractivo turístico. O Gil Eannes foi botado en 1955 nos estaleiros navais de Viana. E está ligado á epopea da pesca do bacallau, que por algo é unha bandeira gastronómica de Portugal.

Dende as docas situadas na beira do río Limia partiron frotas durante séculos para pescar en augas de Terranova e Groenlandia. E nas rúas vianesas quedan os soberbios edificios que construíron os armadores locais, no que chegou a ser o principal porto bacaladeiro da península Ibérica.Pero as distancias ata os caladoiros eran enormes. E as tripulacións vivían illadas durante meses en cada campaña. Así que Portugal decidiu que un buque hospital atendese a aqueles traballadores.
En 1927, enviou ao primeiro Gil Eannes, que en realidade era un buque chamado Lahnek, que fora capturado aos alemáns durante a Primeira Guerra Mundial e que rebautizaron co nome do navegante luso.
O seu sucesor, o actual Gil Eannes, xa foi construído en estaleiros portugueses, a poucos metros de onde hoxe se expón como museo. O barco tiña 98 metros de eslora, case 14 de manga e 3.467 toneladas brutas. E foi reforzado para a navegación en mares con xeo. Con todo, non exerceu a súa vida útil só como hospital, senón que ao longo dos anos tivo diversas funcións como buque correo, de abastecemento á frota, remolcador e rompexeos.

Como buque hospital, estaba equipado con quirófanos, habitacións para os enfermos e equipos avanzados de raios X. Durante cada campaña o Gil Eannes realizaba entre 4.000 e 4.500 consultas en alta mar e aloxaba a uns 400 pacientes accidentados ou con enfermidades que precisaban hospitalización.Ademais, cada ano realizaban unha media de sesenta operacións cirúrxicas, xunto a unhas duascentas extraccións de pezas dentais, ademais de exames radiológicos e incontables pequenas cirurxías diarias. Arrepía pensar nas complicacións de operar a un paciente a bordo dun buque, en condicións de mala mar no Atlántico Norte.
Hai que recordar que as tripulacións da chamada ‘flota branca’ que pescaba o bacallau en Terranova tiñan que traballar en condicións moi penosas, baixo un intenso frío, sumado a unha alimentación deficiente, xornadas de traballo esgotadoras e o illamento continuado durante meses. O resultado era unha saúde precaria, polo que a soa presenza do Gil Eannes confortaba a estes bravos mariñeiros. Sábeno tamén moi ben os moitísimos galegos que tamén pescaron nestas afastadas e frías augas.
Ademais de como buque hospital, o barco tamén transportaba o correo cara aos caladoiros do norte. Cada campaña repartía 70.000 cartas entre os mariñeiros e os seus familiares en terra. En 1975, mesmo foi destinado á guerra de Angola. E en 1984 produciuse o seu amarre definitivo.

Devorado pola ferruxe, foron pasando os anos nunha dársena do porto de Lisboa, ata que, en 1997, foi vendido para ferralla. Pero daquela se desatou unha campaña dende o propio concello de Viana do Castelo, secundada por empresarios, veciños e colectivos sociais da cidade. Cos 250.000 euros recadados, fixéronse co barco, que foi rehabilitado. Finalmente, en 1998, abría ao público o Gil Eannes convertido nun barco museo.
Vinte anos máis tarde, coñecelo resulta emocionante. O visitante pode percorrer as cabinas da tripulación, as salas de máquinas, os quirófanos que conservan un aire tétrico coa súa tecnoloxía doutro tempo, os camarotes con camas para os enfermos e a inmensa cociña dotada coa súa propia panadaría. Amarrado ao porto de Viana do Castelo, o Gil Eannes merece unha visita. E lémbranos que recuperar a historia naval é posible.
Horario:
Inverno das 9.30 ás 18.00h
Verán das 9.30 ás 19.00h
Prezo da visita: 4 euros/ Nenos menores de 6 anos: gratis
Máis información na web da Fundación Gil Eannes






























