Venres 29 Marzo 2024

Fragas do Eume, natureza e historia unidas nun enclave único

Poucos lugares poden presumir de atesourar nunha pequena extensión de terreo un patrimonio natural e cultural tan importante como as Fragas do Eume. A carta de presentación do parque natural adoita ser o feito de contar cun dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa, pero o certo é que ofrece moitas cousas máis. Entre elas destaca a posibilidade de coñecer os mosteiros de Monfero e de San Xoán de Caaveiro, situados no parque, e a de realizar múltiples actividades de turismo científico e activo, que supoñen unha inmellorable opción ao realizarse nunha contorna natural privilexiada. Sen dúbida que unha das mellores formas de coñecer o parque en profundidade é camiñando. Hai unha rede de carreiros que suman oito rutas e un total de 60 quilómetros sinalizados.

Mosteiro de Caaveiro, un dos lugares de visita obrigada nas Fragas do Eume. Imaxe: turismo.gal.
Mosteiro de Caaveiro, un dos lugares de visita obrigada nas Fragas do Eume. Imaxe: turismo.gal.

As Fragas do Eume teñen a forma dun triángulo cuxos vértices son as localidades das Pontes, Pontedeume e Monfero. O río Eume, con 100 quilómetros de lonxitude, labra un profundo canón de abruptas abas con grandes desniveis que, ademais, conservan un espectacular manto vexetal. Un paseo a pé por este territorio fascinante permite gozar dunha gran variedade de árbores. Carballos e castiñeiros forman o manto caducifolio, acompañados por bidueiros, freixos, teixos, abeleiras e árbores froiteiras silvestres e polos perennes loureiros, acivros e érbedos. Todos eles forman unha especie de selva heteroxénea na que cada especie ocupa o seu lugar. Por exemplo, as sobreiras teñen nestas ladeiras orientadas ao sur o seu límite setentrional en Galicia. Nas ribeiras húmidas e sombrías do río pódense atopar unha colección dunha vintena de especies de fentos e 200 especies de liques. Trátase dun auténtico tesouro natural porque son xoias dos bosques climáticos como o do Eume, que gardan ecos da Era Terciaria.

Publicidade

Esta auténtica enciclopedia da natureza pode gozarse en camiñadas non demasiado longas e con percorridos que poden adaptarse ás diversas condicións físicas que presenten os camiñantes. No que se refire á fauna, a riqueza do parque tamén é incomparable. Nas súas 9.125 hectáreas de extensión pódense atopar 126 especies de vertebrados, 15 de anfibios (ra ibérica, píntega galaica), 14 de réptiles e oito tipos de peixes (salmón, troita, anguía). Entre as aves hai azores, mouchos, miñatos, falcóns peregrinos, pitos verdes, pitos reais, merlos e martiños peixeiros. Como exemplo dos mamíferos que podemos atopar no parque podemos citar á garduña, a londra, a xeneta, o corzo, o raposo, o xabaril, o cervo ou o teixugo.

A cor das Fragas do Eume muda ao longo do ano, ao ritmo que marcan os liques, as follas caducas e as perennes. Fonte: turismo.gal.
A cor das Fragas do Eume muda ao longo do ano, ao ritmo que marcan os liques, as follas caducas e as perennes. Fonte: turismo.gal.

O parque pode disfrutarse en camiñadas adaptadas as condicións físicas de cada un

O parque conta con catro portais de acceso, sen comunicación entre eles. O máis visitado é o que fixa como destino o mosteiro de Caaveiro. Movéndonos entre as abas das montañas, podemos acceder por varios lugares ao mosteiro, tanto seguindo o curso do río a través do coto pesqueiro de Ombre, situado a 10 quilómetros de Pontedeume, como por varias rutas de senderismo que percorren o concello da Capela, no que se atopa este edificio relixioso. Desde o refuxio de pescadores de Cal Grande parten os itinerarios a través do bosque. Na tempada de verán o paso con vehículos está restrinxido pero existe transporte colectivo ata as proximidades do mosteiro. Esta xoia arquitectónica é sen dúbida un dos grandes atractivos do parque.

Caaveiro foi fundado como monasteiro benedictino por San Rosendo no ano 936, aínda que xa existía con anterioridade. Na segunda metade do século XIII pasou a pertencer aos agostiños e no século XVIII perdeu o seu carácter de colexiata, o que precipitou o fin da vida monacal no mesmo a finais do mesmo século. Coa desamortización de Mendízabal, os bens do mosteiro pasan a mans particulares. Hai sete anos culminou unha restauración na que se reconstruíu un edificio que estaba case arruinado e na que se investiron máis de dous millóns de euros. Á parte do seu valor arquitectónico, o mosteiro resulta impresionante pola súa localización sobre unhas rocas a máis de 60 metros de altura do anel no que conflúen os ríos Senín e Eume.

Hai sete anos culminou a restauración do mosteiro de Caaveiro que estaba case arruinado

A outra gran referencia arquitectónica das Fragas é o Mosteiro de Monfero, que é outra das vías de entrada do mesmo. Hai quen atribúe a súa fundación ao mesmo San Rosendo, aínda que outras fontes indican que se creou tras a fusión de dúas ermidas. No século XII pasou á orde do Cister e viviu o seu apoxeo ata principios do século XVI, cando pasou a formar parte da Congregación de Castela. No ano 1835 foi abandonado definitivamente polos últimos monxes que quedaban. A principios do século XVII derrubouse a antiga igrexa e construíuse a que pode verse actualmente, que combina a pedra coa lousa para darlle a súa característica aparencia xadrezada. Os sepulcros góticos dos Andrade son outro dos atractivos cos que conta o cenobio.

Para os que prefiran ver outro tipo de construcións, máis acordes cos novos tempos, o parque conta co miradoiro situado sobre a impresionante presa do Eume, que se atopa na estrada entre Cabanas e As Pontes. Noutro lugar do parque, na Serra da Loba (entre Monfero e Xermade) está o Parque Eólico Experimental Sotavento, dedicado á evolución das enerxías renovables e que programa actividades como visitas guiadas e excursións en bicicleta. Unha forma diferente de coñecer o parque é realizar unha excursión en kaiak ao longo dos dez quilómetros do río Frei Bermuz ata a súa confluencia co Eume. As augas tranquilas do río facilitan unha sinxela travesía a remo na que se poden realizar diversas paradas para gozar da contorna. Pódese facer con material propio ou solicitar información para alugar no Centro de Interpretación do parque. Preto de aquí tamén se ofrece a posibilidade de alugar bicicletas eléctricas para realizar percorridos polo mesmo sen moito esforzo.

As augas tranquilas do río Frei Bermuz son axeitadas para navegar nun kaiak

En resumo, as Fragas ofrecen infinitas posibilidades para calquera viaxeiro interesado na natureza, a historia e a arquitectura. Outro dos seus grandes atractivos é a súa localización próxima á costa que permite achegarse en pouco tempo a gozar da praia nos diversos areais próximos. A gastronomía da comarca tamén é un elemento para ter en conta, xa que se ofrecen diversas opcións baseadas tanto nos produtos do bosque como do mar e dos ríos.

Podes consultar toda a información sobre as Fragas do Eume no portal de Parques Naturais da Xunta de Galicia, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.