É o limón o remedio contra todos os males?

O froito do limoeiro forma parte da nosa dieta e da nosa farmacia doméstica desde hai séculos, pero o avance da ciencia négalle hoxe os seus poderes de superalimento

Nos nosos pratos de peixe ou carne, nas sobremesas ou coas infusións, o limón forma parte da nosa cultura gastronómica. É o froito do limoeiro, unha das árbores máis importantes do mundo que ten orixe en Asia e chegou a Europa na época da Antiga Roma, hai máis de vinte séculos. Trátase dun alimento composto case na súa totalidade por auga xunto con carbohidratos, fibra, vitaminas como a C, minerais como o potasio, o ferro ou o zinc, ácidos como o cítrico e compostos como os flavonoides. Un conxunto de elementos que lle confiren propiedades antioxidantes que axudan a previr o dano celular no noso corpo.

Pero nos últimos anos o limón é presentado, sobre todo nas redes sociais, como un superalimento, o remedio contra todos os males, dos arrefriados á gota, pasando pola limpeza de toxinas no noso corpo se se consome en xaxún con auga quente, ou incluso para a prevención do cancro.

Publicidade

“Cada temporada hai un alimento diferente que está de moda. Iso aconteceu cos aguacates e cos frutos secos, atribúenselle propiedades que realmente non son tan relevantes ou tan certas. Eu penso que a moda do limón vén dada porque tradicionalmente foi un alimento que sempre estivo presente tanto na nosa dieta como nas crenzas populares. É dicir, o limón era antigamente o remedio para todo, para os arrefriados, para a conxuntivite, para preservar os alimentos, para todo. E isto, hoxe en día, cos avances na ciencia e na tecnoloxía alimentaria que temos, estase vendo que, efectivamente, non é tan certo como se cría antigamente. Antes non tiñamos os medios para confirmar as nosas crenzas”, explica Nerea González, dietista e nutricionista graduada na Universidade de Santiago de Compostela.

Mitos con sabor agre

A lista de mitos que xiran ao redor do limón e que nos presenta a científica da USC, é enorme. Para comezar, Nerea desmente que o limón axude a adelgazar xa que o que se fai realmente, afirma, é deixar de consumir moitos outros alimentos, como na chamada dieta da limoada. Prosegue negando que sexa un alimento “detox”, é dicir, que elimina as toxinas do noso corpo, e lémbranos que os encargados de facelo son unicamente os nosos riles e o noso fígado, en ningún caso o consumo dun alimento en concreto.

A dietista do campus de Lugo asegúranos tamén que non axuda a previr os arrefriados, como é costume pensar. “O que pasa é que o contido en vitamina C tanto do limón como doutras froitas ou verduras que incluso poden ter máis vitamina C có limón, axuda a que o noso sistema inmune estea activo e saudable. Polo tanto, ao ter un sistema inmune máis activo e máis saudable, somos máis fortes fronte ao contaxio doutras enfermidades. Pero isto tamén é certo para o brócoli ou os pementos”, insiste. 

Tampouco é diurético senón que simplemente axuda a que bebamos máis auga cun sabor agradable e particular. Non é certo que axude a previr o cancro e non é a solución para a constipación xa que nun zume de limón a fibra desta froita foi eliminada.

“Está demostrado que tanto a vitamina C, como os flavonoides, como algún tipo de ácidos que contén o limón, poden ter propiedades antibacterianas, antitumorais e incluso antivirais. O que acontece é que isto está demostrado utilizando cantidades moi elevadas destas substancias, tanto do limón como doutras froitas. Hoxe en día non hai evidencia científica que nos permita dicir que estes efectos tamén son posibles co consumo normal destes alimentos”, afirma.

Os perigos dun consumo excesivo

“Todas as crenzas que presentan o limón como un superalimento son falsas. A inclusión do limón na nosa dieta debe ser unicamente porque nos gusta este alimento e porque nos gusta consumilo”. Así de determinante é Nerea González cando repasamos algunhas das recomendacións que aparecen a miúdo na nosa pantalla do ordenador ou do téléfono móbil. 

A dietista-nutricionista da USC alértanos tamén de que un consumo excesivo de limón ou de alimentos ácidos, en xeral, pode afectar ao esmalte dos nosos dentes favorecendo a sensibilidade ou incluso a aparición de caries. A nivel estomacal, pode xerar molestias e favorecer a aparición ou o empeoramento da gastrite.

“As propiedades beneficiosas que se lle atribúen ao limón non son polo limón en si mesmo,  senón polos compostos que presenta como a vitamina C, o ácido cítrico ou os flavonoides. Eses compostos poden estar presentes non só no limón, senón tamén en todas as verduras e, case en xeral, en todas as froitas. Polo tanto, o consumo unicamente de limón non vai ofrecer ningún beneficio á nosa saúde. Alimentarnos unicamente dun tipo de alimento e moito menos restrinxir o consumo natural de alimentos por seguir algún tipo de dieta, de moda ou de mitos, non é saudable. O que temos que facer é incluír unha gran variedade de alimentos na nosa dieta e se tomar unha limoada nos fai sentir ben, se cremos que nos vai axudar a mellorar a nosa saúde, pois non hai problema. O correcto é alimentarnos en base ao que nos fai sentir ben non só a nivel físico, senón tamén a nivel sentimental e mental”, conclúe.


Proxecto desenvolvido en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego cuantifica por primeira vez un “probable canceríxeno” en fórmulas para lactantes

O traballo, que vén de desenvolver e validar un novo método para analizar contaminantes nos alimentos, detectou acroleína en varias mostras

Detectada no norte de España a carracha que transmite o novo virus chinés

A investigadora da USC Rita Sánchez-Andrade revela que a especie 'Haemaphysalis concinna' identificouse en Asturias e Cantabria

Un estudo da USC valida a implantación clínica de medicamentos mastigables impresos en 3D

O traballo de Lucía Rodríguez aborda a tecnoloxía de extrusión para preparar remedios individualizados e fáciles de inxerir

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California