GCiencia estrea nova tempada de Desmontando Mitos para o plan estatal de cultura científica

A serie exporá durante as próximas 10 semanas novos casos de crenzas falsas ou insuficientemente contrastadas, en colaboración coa FECYT e a USC

Capa do primeiro audiovisual da terceira temporada da serie.

Un ano máis, GCiencia incorpórase ao principal plan estatal de cultura científica, coa estrea este domingo 25 de decembro de Desmontando Mitos, a serie audiovisual que dá voz á comunidade científica e trata de liquidar as dúbidas provocadas pola desinformación ou pola información nesgada. O proxecto desenvólvese co apoio da Fudación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación, e coa colaboración da Universidade de Santiago.

Durante as próximas 10 semanas, o portal da ciencia galega exporá e desmontará novos casos de crenzas falsas ou insuficientemente contrastadas, para evitar os seus moitas veces devastadores efectos para a sociedade. Farao mediante audiovisuais de carácter divulgativo para chegar ao más amplo número de persoas, pero sen perder a súa estrita rigurosidade científica, para estreitar o filtro da informacións de baixa ou nula calidade que de forma tan habitual calan na sociedade.

Co obxectivo precisamente de incentivar a calidade científica da información, todos os contidos de Desmontando Mitos contarán coa participación de investigadores da USC, que achegarán un sólido punto de vista aos asuntos tratados e contribuirán a dar resposta a diversas cuestións de actualidade e outras crenzas estendidas na opinión pública desde unha perspectiva crítica e científica.

O proxecto é consecuencia da renovación de GCiencia co principal plan estatal de divulgación, que convoca a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), entidade que traballa para reforzar o vínculo entre ciencia e sociedade mediante accións que promovan a ciencia aberta e inclusiva, a cultura e a educación científicas. 

A proposta de GCiencia foi unha das seleccionadas pola fundación ministerial na liña de fomento do pensamento crítico, unha das cinco áreas de actuación que contempla o programa da fundación na súa última edición. O seu obxectivo é dotar á sociedade dos instrumentos precisos para revisar as múltiples mensaxes e contidos que cada día se reciben en diversos formatos, e poder distinguir os datos falsos ou non suficientemente contrastados. As actuacións de fomento do pensamento crítico están dirixidas a formar á cidadanía na metodoloxía e nas características principais do método científico, como paso clave e esencial na loita contra as pseudoterapias e as pseudociencias.

Desmontando Mitos arrinca este 24 de decembro cunha reportaxe sobre as formigas, o seu ocio intelixente e o delgado fío que as une cos humanos. Os contidos —tanto escritos como audiovisuais, todos eles en galego e castelán— difundiranse a través de GCiencia e as súas canles nas redes sociais. Trátase da terceira tempada da serie da sección, que leve acumuladas nas dúas anteriores máis de 200.000 reproducións e decenas de miles de visitas en gciencia.com.

Como nas anteriores edicións, cada reportaxe audiovisual irá acompañada dun artigo no que se profundará en cada un dos asuntos. Un dos obxectivos de Desmontando Mitos é achegar o pensamento crítico ao campo educativo, polo que os audiovisuais estarán tamén enfocados ao seu uso nas aulas. Así, a serie pretende, deste xeito, impulsar a interacción e a participación nestas cuestións a través das redes sociais, un dos principais terreos nos que se propagan as mensaxes desinformativas e pseudocientíficas nos últimos anos.

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía é unha entidade adscrita ao Ministerio de Ciencia e Innovación, que trata de dar resposta ás necesidades e retos do sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación. A súa convocatoria anual de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación é coñecida pola esixencia do seu comité de avaliación.

GCiencia xa participou en edicións anteriores da convocatoria da FECYT, poñendo en marcha iniciativas como A Ciencia dos Porqués, Ciencia en VivoInnovar para Emprender ou BioGalicía, que alcanzaron unha importante repercusión.

1 comentario

  1. NORABOA,EQUIPO
    BOAS FESTAS
    Un subscriptor j.m.oti rios,cabanas,15621,A Coru.
    Fiel seguidor e axudante de divulgador.
    Ata Mr. Michio Kaku se entera do boso traballo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.