Venres 29 Marzo 2024

Fertilidade: unha cuestión vital chea de (falsas) crenzas

Non conseguir o embarazo desexado pode ter moitas explicacións sen fundamento, pero tamén responder a realidades que si determinan o misterio da vida

En 2020 naceron na Unión Europea pouco máis de catro millóns de nenas e nenos fronte aos case sete millóns que se rexistraban nos anos 60. Un descenso da taxa de natalidade que se debe, sobre todo, aos cambios socioeconómicos das últimas décadas pero tamén a un aumento da porcentaxe de persoas que padecen esterilidade ou infertilidade, 186 millóns en todo o mundo, segundo estimacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

A esterilidade é a ausencia de concepción despois de manter relacións sexuais frecuentes sen protección ao cabo dun ano, mentres que a infertilidade é a incapacidade de levar a termo un embarazo, explícanos Efigenia Arias, profesora asociada de Obstetricia e Xinecoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC). “A fertilidade é unha esperanza, un proxecto moi importante para algunhas persoas e cando hai un problema, un cambio nos plans de futuro, iso pode chegar a ser un conflito vital e ter consecuencias psicolóxicas. Se a causa é diagnosticada, a situación é clara, pero cando non é así, cando se descoñece a orixe do problema, a xente busca unha explicación, botarlle a culpa a algo, entender o que pasa”, asegura a xinecóloga.

Publicidade

Sen explicación xorden os mitos

As causas máis frecuentes da infertilidade que subliña a OMS son tanto femininas como masculinas: trastornos ováricos ou nas trompas uterinas nas mulleres e deficiencias na calidade do esperma ou na produción de espermatozoides nos homes, entre outras razóns.

Efigenia Arias, que tamén é xinecóloga no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, afirma que ás veces é difícil establecer un diagnóstico, pero que nas consultas segue sorprendendo que sexa o home e non a muller, se se trata dunha parella, quen se encontra na orixe do problema. “A maior parte das causas son un 40% das veces femininas, outro 40% masculinas e o resto non se consegue demostrar. Hai que entender que a fertilidade é da parella, en conxunto. Pode haber homes que non teñan fillos cunha muller e con outra si ou unha muller moi fértil que compense ao seu compañeiro. Cada parella é diferente. A fertilidade é cousa de dous”, insiste.

“A maior parte das causas da infertilidade son un 40% das veces femininas, outro 40% masculinas”

EFIGENIA ARIAS, xinecóloga

A torre de alta tensión preto da casa, o teléfono móbil ou o emprego de anticonceptivos durante anos, segundo afirma Arias, son só algúns dos motivos sen fundamento que moitas persoas que desexan ter fillos e non o conseguen, presentan como hipótese.

“Tamén chama a atención que aínda hai moitas crenzas ou ritos que se practican na nosa sociedade como bañarse na praia da Lanzada para mellorar a fertilidade ou prender unhas candeas a un santo. Isto segue existindo”, cóntanos a doutora.

A xinecóloga Efigenia Arias no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

A idade é unha das chaves

O tabaquismo, o consumo excesivo de alcohol, a obesidade e a exposición a algúns contaminantes ambientais son elementos que poden afectar á fertilidade, asegura a OMS. O estrés tamén é presentado moitas veces como o causante do problema entre aqueles que non alcanzan a meta tan desexada. “Non ten unha relación directa coa esterilidade ou a infertilidade. Se é un caso extremo si, claro, provocando, por exemplo, trastornos do ciclo menstrual. Pero o que pode implicar o estrés é outra serie de factores como falta de relacións sexuais ou o atraso da idade da maternidade. Digamos que é un factor de confusión”, explica Arias.

E atrasar a idade da maternidade pode ser unha das causas determinantes á hora de buscar un embarazo, advirte a profesora de Xinecoloxía da USC. “A idade é unha realidade. A fertilidade da muller descende a partir dos 26 anos e, sobre todo, a partir dos 35 dun xeito moi acusado. Terían que existir determinadas políticas de educación e información ou de conciliación laboral e familiar para conseguir que as mulleres tivesen embarazos máis novas e mellorar así a fertilidade global da poboación. Políticas que serían tamén destinadas aos homes porque, aínda que non sexa dunha maneira tan acusada, a idade paterna tamén conta”, afirma.

“A fertilidade da muller descende a partir dos 26 anos e, sobre todo, a partir dos 35 dun xeito moi acusado”

EFIGENIA ARIAS, xinecóloga

A xinecóloga tamén alenta ás mulleres que sofren endometriose: “É unha das causas a descartar cando hai un problema, pero é necesario lembrar que a endometriose non é sinónimo de esterilidade, incluso nun caso grave. Só cando a paciente procure un embarazo poderiamos coñecer a súa situación e, se é necesario, intentar atopar unha solución”.

Protexer a nosa fertilidade

A OMS defende como un dos elementos básicos da saúde reprodutiva a prestación de servizos de calidade en materia de esterilidade e axuda para a fertilidade a parellas heterosexuais, ás do mesmo sexo, cando se quere ter un fillo en solitario ou cando se padecen determinados problemas de saúde, por exemplo.

Efigenia Arias pola súa banda, alerta das enfermidades de transmisión sexual como a clamidia: “É moi aconsellable que a xente use preservativo para protexer a súa fertilidade. Son enfermidades silentes que solo falan cando se quere ter descendencia. Por iso, deberían existir campañas de información sobre os factores que dificultan a concepción na poboación, sobre todo para xente moza”.

Para mellorar a fertilidade, a xinecóloga da USC recomenda, para rematar, ter unha dieta equilibrada, facer exercicio, evitar o tabaco, manter relacións sexuais frecuentes e non obsesionarse coa data ideal do ciclo menstrual. “Nos estudos que existen aínda non está demostrado que un momento preciso sexa o mellor para o embarazo”, conclúe Arias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Interveñen con éxito un tumor nunha bebé que aínda estaba en período de xestación

Un equipo do Hospital La Fe de Valencia salva a vida da pequena, de 28 semanas, e da súa nai, nunha intervención pioneira en España
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Confirmado: a actividade física no embarazo beneficia a nai e o bebé

Investigadores españois probaron que o exercicio reduce nun 21% o risco de cesárea e ata un 20% o de incontinencia urinaria