Quen non tentou algunha vez localizar a Estrela Polar como o fixeron ao longo da historia navegantes, aventureiros ou calquera que, simplemente, a necesitase para se guiar ou quixese gozar dela nunha noite clara? Situada a uns 440 anos luz, na constelación da Osa Menor, a Polar é unha estrela xigante que se encontra moi preto do polo celeste norte converténdose así nunha referencia fundamental para orientarnos e axudarnos a encontrar, de maneira rápida e sinxela, os outros puntos cardinais.
A súa localización parece doada pero complícase para aqueles que pensan que a estrela Polar é a máis brillante do ceo. “A xente pode pensar que nos marca o norte porque é a máis brillante pero non ten nada que ver unha cousa coa outra. Afortunadamente existe esta estrela que nos está marcando o norte, algo que non hai no hemisferio sur. Pero a máis brillante é Sirio, non a Polar“, afirma José Ángel Docobo, Catedrático de Astronomía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
De Hiparco a ver as estrelas con prismáticos
Hai máis de dous mil anos, o astrónomo grego Hiparco clasificou as estrelas polo seu brillo en seis categorías ou magnitudes nunha escala decrecente do 1 ao 6. As estrelas máis brillantes serían as de primeira magnitude e as máis febles, as de sexta magnitude. Actualmente, respéctase esta última categoría da clasificación de Hiparco xa que segue sendo, aproximadamente, a que se encontra no límite da visión humana. Pero a escala está aberta, advirte Docobo, xa que novos instrumentos, como uns prismáticos astronómicos ou un telescopio, permiten aos científicos observar estrelas, por exemplo, moito máis febles das que Hiparco podía ver a simple vista na súa época.

“Esta escala ampliouse pola parte baixa pero tamén pola parte alta porque non todas as estrelas de magnitude 1 de Hiparco, as máis brillantes, tiñan a mesma luminosidade. Incluso se abriu para valores negativos de maneira que Sirio, por exemplo, a máis brillante do ceo, ten unha magnitude de -1,4 mentres que a da Estrela Polar é de +2. Pasouse tamén a aplicar este criterio de magnitudes aos planetas e, por exemplo, a de Venus é de -4. A lúa chea tamén ten unha magnitude de -12 e a do Sol, que é o elemento máis brillante no ceo, é de -26,75″, precisa o astrónomo.
Vega destronará a Estrela Polar nun futuro aínda afastado
Aos movementos de rotación e translación, a Terra suma o chamado fenómeno de precesión que provoca o cambio lento pero imparable da orientación do seu eixe que forma un ángulo de case 23,5 graos coa perpendicular ao plano da eclíptica, o camiño aparente que segue o Sol sobre a esfera celeste ao longo dun ano, visto desde o noso planeta.
Como resultado da atracción gravitacional da lúa e do sol, este eixe vaise movendo, como se dunha buxaina se tratase, durante períodos cíclicos de case 26.000 anos. Durante ese tempo, diferentes estrelas van marcando o norte, como xa o fixeron no pasado e o farán no futuro, tamén de maneira cíclica, ata chegar de novo á Estrela Polar.
“O fenómeno de precesión provoca un cambio lento e imparable na orientación do eixe da Terra”
“De entre as posibles estrelas que no futuro poden marcarnos a posición do polo norte da esfera celeste, atópase Vega que é a máis brillante da constelación da Lira e unha das estrelas que forma o Triángulo de verán con Deneb e Altair. Dentro de 11.500 anos, aproximadamente, o eixo da rotación da terra que agora apunta á Estrela Polar acabará facéndoo cara a Vega”.
Unha longa e inevitable despedida do norte
Aínda que queden miles de anos por diante e poida seguir orientando por moito tempo ás xeracións futuras, a Estrela Polar empezará un día a afastarse, unha vez máis na súa longa historia, da súa situación privilexiada actual. “Agora esta estrela tampouco apunta precisamente ao polo norte, hai unha diferencia de case un grao pero, a efectos de referencia como punto xeográfico, segue valendo”, explica Docobo, quen antes de rematar déixanos un consello para gozar dunha noite estrelada. Consello no que a Estrela Polar xoga un papel crucial.
“O que lle digo eu sempre aos meus alumnos é que o primeiro que hai que facer para unha boa sesión de observación é estar orientado e, para estar orientado, temos que saber onde están os puntos cardinais. Para iso, o mellor, evidentemente, é buscar a Polar en canto se faga un pouco de noite e as estrelas comecen a verse. A Polar identifícase moi ben entre a Osa Maior e Casiopea, está practicamente no medio desas dúas constelacións. E unha vez que xa sabemos onde está o norte, entón xa temos localizados o resto de puntos cardinais, non?”, pregunta, sorrindo, o astrónomo da USC.