Ten aparencia de xeo pero non o é. É unha estrutura cristalina con ocos, do tamaño dunha molécula, que pode albergar gas: xeralmente metano. Son os hidratos de gas. Como é a súa estrutura, a súa dinámica, o seu comportamento? É posible extraer o metano e almacenar no seu interior CO2 ou hidróxeno? Que papel pode xogar na loita contra o cambio climático?
Son cuestións ás que trata de dar resposta o grupo de Física Aplicada do Cinbio da Universidade de Vigo, co proxecto “Simulación de materiais de hidratos de gas para recuperación de metano e almacenamento de CO2 e hidróxeno”, liderado por Manuel Martínez Piñeiro.
A simulación molecular utiliza métodos teóricos e técnicas computacionais para describir, imitar e predicir o comportamento das moléculas, neste caso dos hidratos de gas. O equipo vigués conta para desenvolver o seu traballo coa colaboración esencial do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga ).
“Tentamos entender o comportamento molecular dos hidratos e clatratos; describir a súa estrutura e dinámicas; facemos prototipos de almacenaxe de gases, de purificación de auga…” enumera Manuel Martínez, quen subliña que no horizonte está a loita contra o cambio climático, “a necesidade de rebaixar as emisións de gases de efecto invernadoiro e atopar novas fontes de enerxía.”
Foi nas primeiras décadas do século XX cando se descubriu a existencia de grandes concentracións de hidratos de gas – depósitos de metano- nos fondos oceánicos e debaixo das zonas de permafrost (Siberia, Alaska…) e empezouse a valorar a súa potencialidade como fonte de enerxía. O mapa foise perfilando co tempo e hoxe en día inclúe a costa galega, pois existen evidencias de reservas no chamado Gran Burato, e outras partes do litoral español como o mar de Alborán.
Riscos potenciais
Calcúlase que hai máis metano almacenado nos hidratos de gas que a suma das reservas mundiais de petróleo, gas natural e carbón (os cálculos máis optimistas indican que mesmo poderían duplicar a suma das reservas do resto de hidrocarburos), o que explica a “efervescencia investigadora” que hai o seu arredor.
Estados Unidos, Xapón, Canadá, Noruega ou China iniciaron unha carreira para avaliar a posible extracción deste metano para o seu uso como fonte de enerxía, e aínda que puxeron en marcha experiencias-piloto, a súa posible explotación comercial é un tema tecnicamente non resolto e moi cuestionado desde un punto de vista ambiental polos seus potenciais efectos devastadores (alteración a gran escala dos fondos mariños, impactos irreversibles sobre a biodiversidade mariña, esvaementos de terra incontrolados, liberación do metano á atmosfera…).
“O proceso ideal é recuperar o metano para o seu uso e o ocupar o baleiro que deixa como almacén-sumidoiro de CO2. No plano teórico é posible”
MANUEL MARTÍNEZ, investigador do Cinbio
Antes de falar de recupera o metano hai que conxurar o risco de liberar o gas á atmosfera, un dos principais causantes do efecto invernadoiro. Unha problemática na que pode achegar luz a investigación desenvolvida no Cinbio, ao profundar na caracterización das moléculas dos hidratos do gas, as súas propiedades e predicir as súas posibles dinámicas.
“O proceso ideal é recuperar o metano para o seu uso e utilizar o baleiro que deixa como almacén-sumidoiro de CO2” explica o investigador Manuel Martínez, “algo que desde o punto de vista teórico é posible”. A constatación práctica aínda ten un longo camiño por percorrer.
Por diante hai incógnitas x resolver, respostas que poden abrir novos interrogantes. “A nosa meta é entender perfectamente como se crean os hidratos de gas, coñecer a súa estrutura e dinámicas para manipulalos a vontade e poder usar os gases atrapados (metano) e almacenar outros no seu interior (CO2, hidróxeno)”, resume este catedrático de Física Aplicada.
Investigación en rede
A investigación sobre os hidratos de gas é un campo en pleno auxe, que en moitos casos leva a tecer redes de colaboración estables con grupos multi-disciplinares doutros centros e países. É o caso do equipo liderado por Manuel Martínez Piñeiro, que ademais da súa estreita relación co Cesga, mantén liñas abertas de traballo con grupos experimentais, e tamén teóricos, da Universidade de Huelva (UHU), da Universidade Politécnica de Madrid ( UPM), da Universidade de Pau (Francia), a Universidade de Aveiro (Portugal) e da Universidade de Concepción (Chile).
No equipo de investigación, ao carón de Manuel Martínez, traballan Martín Pérez Rodríguez, Ángel Fernández e Brais Rodríguez.
O cambio climático é máis que unha ameaza, é unha realidade. E como noutras crises as miradas vólvense cara á ciencia, cara a esa mesma ciencia que alertou do que ía pasar e que ignoramos.
O Centro de investigación CINBIO está cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.