Os detectores de partículas chegan ás aulas galegas

Unha ducia de docentes de secundaria e bacharelato constrúen cámaras de néboa ao abeiro dun obradoiro organizado polo IGFAE

Non se poden ver, pero as cámaras de néboa son capaces de detectalos. Cada segundo, os raios cósmicos atravesan o noso planeta e tamén a nós mesmos. E aínda que estas partículas subatómicas causan unha radiación natural inofensiva e invisible, nunca está de máis ver os trazos que constrúen. Iso pode conseguirse grazas ás cámaras de néboa, un dos detectores máis sinxelos e antigos desde tipo de partículas. Agora, o profesorado de secundaria e de bacharelato de Galicia poderá facer as súas propias demostracións na aula grazas a unha iniciativa do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), que celebrou un obradoiro de construción deste tipo de cámaras.

Ensinar como funcionan

Foron unha ducia de docentes os que participaron no taller teórico-práctico. Alí ensináronlles os fundamentos e o funcionamento básico destes detectores de partículas. Cada un dos profesores montou dende cero o seu propio aparello, valorado nuns 800 euros, grazas aos materiais que lles proporcionou o propio IGFAE. Unha vez rematada a actividade, que se celebrou na segunda fin de semana de outubro, os profesores levaron as súas cámaras de néboa para os institutos. O obxectivo é que ensinen, dende a primeira persoa, como funcionan os detectores de partículas como o dos laboratorios do CERN. Aínda que sexa a menor escala.

Publicidade

Construción dos detectores de partículas. Foto: IGFAE
Construción dos detectores de partículas. Foto: IGFAE

O modelo de cámara de néboa que empregaron baseouse nun prototipo desenvolvido por Pedro Agostini Infante, Adolfo Otero Fumega e Alejandro Vilar López, que resultaron gañadores do I Concurso de Comunicación Científica do IGFAE na categoría “Experimentos”. Despois diso, e en colaboración coa empresa MakerGal, o instituto galego deseñou un detector de baixo custo, mantemento sinxelo e fácil de construír e transportar. Así mesmo, Cristina Cabo e Daniel Regueira elaboraron os materiais didácticos do obradoiro, que foi impartido por Javier Mas e Javier Martín. Dende o IGFAE indican que esperan organizar pronto unha nova edición dado o “éxito de participación”. Ademais, este taller está cofinanciado ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

O EduLab

Esta actividade celebrouse grazas á posta en marcha do EduLab, un espazo de diálogo entre o IGFAE e a comunidade educativa. O seu principal obxectivo é o de maximizar o impacto da actividade científica do instituto na sociedade. Este é o segundo deses espazos —despois do ArtLab, que comunica arte e ciencia— e que busca producir maneiras innovadoras, máis atractivas e estimulantes, de educar nos temas científicos relacionados coa Física, en especial aqueles máis cercanos ao IGFAE. Este laboratorio de ideas potenciará proxectos colaborativos deseñados e desenvolvidos por investigadores do instituto e persoas ligadas á comunidade educativa que poidan servir de apoio na actividade docente e tamén espertar vocacións científicas entre as persoas máis novas.

Publicidade

1 comentario

  1. Habería algunha forma de poder utilizar un detector de partículas por un sistema de préstamo noutros centros de ensino ?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla