O cumio de todo científico, máis aló de gañar un Nobel, é converterse en Investigador Principal (IP) do seu propio grupo de investigación. A pesar de ser unha etapa desexada da carreira científica, está chea de responsabilidade, retos e riscos. Dous investigadores acaban de acadar esta nova fase dentro da súa traxectoria no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC), organización co Selo María de Maeztu: Sara Abalde-Cela e Julián Bergueiro. Ambos liderarán os seus propios laboratorios dentro do centro de referencia da rede CIGUS.
“Todo investigador quere chegar a ter o seu propio grupo, pero telo nun centro de elite como o CiQUS é moi difícil”, subliña Bergueiro, sobre todo nun ámbito como a ciencia, cheo de competitividade, grandes grupos e pouco espazo. Pola súa banda, Abalde-Cela sinala que colle “este posto con moita ilusión pero cun grande sentido da responsabilidade; poder ter a lexitimidade de liderar o meu propio grupo con todas as decisións é importante”.
O camiño que lles levou a este punto foi a excelencia. Julián Bergueiro recibiu hai uns meses unha ERC Consolidator Grant polo seu proxecto ChiroPore, e Sara Abalde conseguiu a mesma subvención por OBSERVER. “É unha das axudas máis prestixiosas a nivel mundial; para comezar un grupo independente, tes que ter fortes garantías económicas”, subliña o investigador. Con todo, o máis importante é a ciencia que se agocha detrás: como crearán o seu grupo dende cero? Cales serán as súas liñas de investigación?
Os inicios
“O camiño do investigador non é doado”, aclara Bergueiro. Despois da tese doutoral, o percorrido habitual adoita ser o traslado a outros países para realizar a etapa posdoutoral. No caso do investigador, os seus destinos foron Alemaña e Xapón: “Hai que sacrificar parte da carreira en tomar os pasos correctos para poder volver con financiamento”.
Sara Abalde realizou un ano de parón entre o seu primeiro e segundo postdoc: do seu traballo en Cambridge voltou a Galicia por morriña, a traballar no centro tecnolóxico Aimen e, posteriormente, voltou a investigación no International Iberian Nanotechnology Laboratory de Braga (Portugal). “Estaba disposta a pasar polo coñecido dead valley e ver a onde me levaba”, subliña a investigadora, referíndose aos moitos desafíos da investigación. Ao longo dos anos, Abalde-Cela resume a súa viaxe con traballo duro, estable, robusto e “moi dilixente”, e con compañeiros “extremadamente intelixentes” ao seu redor.
Agora, ambos os investigadores do CiQUS prepáranse para crear unha cultura de grupo dende cero recursos e cero persoal. Julián Bergueiro subliña que o máis interesante é ter a oportunidade de iniciar novas investigacións sen límites e de acordo cos teus intereses: “Quero orientar o meu laboratorio cara a unha mestura entre o experimental e o computacional“, apunta, o que supón un coste extra e, por tanto, un esforzo máis.
Requisitos para crear un laboratorio
Entón, cales son os requisitos fundamentais para crear o seu grupo de investigación para cada un destes IP do Centro Singular? A investigadora Sara Abalde rescata a calidade humana caracterizada pola ética profesional e moral: “Quero persoas con pensamento crítico e independente moi pronunciado, persoas proactivas”. Trátase dun factor aprendido ao longo dos seus 20 anos de carreira que se suma á necesidade de infraestruturas e recursos económicos. Así, atopa no CiQUS o lugar ideal, “rodeado de investigadores brillantes”. O seu grupo centrarase na bioloxía e no estudo da comunicación das células individuais de diferente natureza a partir da nanotecnoloxía, algo imposible de estudar con tecnoloxías estándar. Un obxectivo a medio e longo prazo é testar o uso destes mecanismos en cancro e metástase.
Pola súa banda, Julián Bergueiro establece diversos factores clave: o persoal —”que se constrúe pouco a pouco”—, un paso fundamental; o equipamento, un reto moi caro para o que se precisa financiamento; e a burocracia asociada á creación dun grupo, coa necesidade de apoio de persoal técnico. “É unha etapa estresante e recompensada posteriormente”, sinala o investigador. Unha ERC Consolidator Grant constitúe unha grande axuda nun momento como este: “É fundamental para unha investigación de alto nivel”.
Investigación de alto nivel
Ambos investigadores demostran os froitos de levar a cabo unha investigación de alto nivel. O proxecto ChiroPore de Julián Bergueiro busca a entrega de grandes moléculas —como polímeros ou péptidos— en forma de medicamento a través da membrana celular. É un reto con dificultade engadida, xa que para entregar este tipo de moléculas son necesarios mecanismos capaces de recoñecelas e introducilas dentro da célula. A solución que propón é desenvolver poros sintéticos na membrana que actúen como unha porca, un mecanismo de recoñecemento quiral entre a molécula e os poros. Esta será a súa liña fundamental xunto a outros intereses relacionados como a teoría da quiralidade aplicada aos péptidos e como son capaces de interaccionar co material xenético. “Daría lugar a aplicacións a nivel farmacéutico para entregar moléculas de forma moi selectiva e como maneira de comunicación celular”, sinala Bergueiro.
O proxecto OBSERVER e a Consolidator Grant de Sara Abalde resultaron nunha axuda “fundamental” sen a que a investigadora nunca tivera chegado ao CiQUS. Ela adéntrase de fondo na comunicación celular e interroga ás células individuais para coñecer, por exemplo, cales van desenvolver metástase. “Existe un cambio de paradigma dende estudar a células individuais á comunicación entre células“, sinala. Con todo, a nanotecnoloxía permite realizar moitas tarefas que a microscopia ou a fluorescencia non permiten e, aínda que a xenómica e transcriptómica si poden realizar esta labor, son moi caras e non permiten o acceso a todas as capas da comunicación. Agora, Sara Abalde está a buscar os mecanismos idóneos para observar dunha forma moito máis commpleta este contacto entre células de forma simultánea.
Os pasos cara ao futuro
Ademais de estar no presente, no que os investigadores deberán sacar adiante os seus grupos, é importante mirar cara ao futuro. Dentro duns anos, a Julián Bergueiro teríalle gustado desenvolver a súa tecnoloxía e gañar coñecemento para seguir desenvolvendo novas ideas; e todo sen afastarse da ciencia máis básica: “Desenvolver moitas teorías sobre quiralidade que permitan que as tecnoloxías funcionen”. Desta forma, a ciencia creada no CiQUS é definida por Bergueiro como un “investimento a futuro” a partir da que se desenvolven fármacos e materias.
Cando Sara Abalde pensa nos próximos dez anos do seu grupo, lembra unha árbore: un tronco que lles vai guiar no desenvolvemento de tecnoloxías a disposición da bioloxía, o cancro e enfermidades neurodexenerativas; mentres, as ramas son as diferentes ideas que poden levar a cabo, como a aplicación da microfluídica para desenvolver novos materiais avanzados. “Queremos ser competitivos e facer investigacións fortes dende o máis básico”, conclúe a investigadora.














