Fotograma da reportaxe
Fotograma da reportaxe "Leave no dark corner" sobre o sistema de crédito social en China. Fonte: ABC.

O ‘Black Mirror’ na China xa existe: prohíben viaxar a persoas con baixo crédito social

O sistema de control a gran escala do goberno chinés puntúa os comportamentos cidadáns en numerosos aspectos da vida cotiá

Nosedive (caída en picado) é un capítulo da desacougante serie Black Mirror no que o sistema de puntuacións que xa existe nalgunhas ferramentas de busca de restaurantes, hoteis e outros servizos se traslada ás persoas. Todos os actos sociais da vida cotiá poden ser valorados por quen os vexa, e iso pode afundir a vida dunha persoa. Pois ben, a ciencia ficción xa é realidade. Segundo unha información publicada por Associated Press, millóns de persoas viron en China como eran cancelados os seus billetes de viaxe debido a que incumprían cos requisitos do sistema de crédito social. Así, segundo os datos que achega AP, 17,5 millóns de billetes foron bloqueados por infraccións do crédito social, polo que as persoas que reservaron estas viaxes quedaron sen elas.

Que é o sistema de crédito social?

Desde 2014, o goberno chinés proba en varias provincias, especialmente en Xinjiang, ao norte do país, un método de control, cunha dinámica semellante ao do carné de conducir por puntos, que premia os bos comportamentos cidadáns e castiga os malos. Un dos exemplos é o da cidade de Rongcheng, segundo conta El Orden Mundial, onde as persoas comezan con 1.000 puntos, que se traducen nun sistema de cualificación do A ao D.

Os exemplos son numerosos e abraiantes: se a xente presta servizos á comunidade, ten comportamentos de mérito ou recibe premios, suma puntos. Pero se non paga as facturas en prazo, leva o can sen atar, pasa moito tempo con videoxogos ou é rexistrado comprando moito alcol no supermercado, perde puntos. E iso pode conlevar que non poida acceder a determinados traballos, ou ter que pagar máis nalgúns servizos, por exemplo.

Os plans son que en 2020 o sistema estea instaurado en todo o país: máis de 1.300 millóns de persoas (preto dun 20% da poboación mundial) baixo un sistema de control que se basea na compilación de inxentes volumes de datos, cunha cidadanía totalmente conectada a unha rede controlada polo goberno, xa que todos os cidadáns deben ter instalada unha ‘app’ de vixilancia nos seus dispositivos.

As historias que chegan desde China son asombrosas. Persoas que se comportan como os cidadáns exemplares que quere o goberno reciben recompensas, que mesmo poderían ser hereditarias (co acceso dos seus fillos a mellores colexios, por exemplo). Mais tamén están os cidadáns incómodos. A reportaxe Leave no dark corner (Non deixes ningún recuncho oculto), un recomendable traballo do corresponsal australiano da ABC Matthew Carney, conta que Liu Hu, un xornalista que denunciou a corrupción e o crime organizado no seo do Partido Comunista, perdeu crédito social polos seus traballos.

E no resto do mundo?

O gran proxecto de control social que desenvolve o goberno chinés causa preocupación no resto do mundo. Abre o debate sobre cuestións éticas para as que o Big data chegou demasiado rápido. Non en tanto, hai quen opina que, vendo os escándalos xurdidos en Occidente con Facebook ou cos segredos revelados por Edward Snowden, é posible que no resto do planeta o sistema de crédito social estea máis preto do que parece.

Para ler máis:

Leave no dark corner (ABC News).

China se convierte en ‘Black Mirror‘: los ciudadanos con bajo “Crédito Social” no podrán usar aviones ni trenes (Xataka).

El sistema de crédito social chino (El orden mundial).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.