Sábado 20 Abril 2024

Begoña Vila: “Queremos mirar os primeiros obxectos que se formaron despois do Big Bang”

A astrofísica galega contou o seu traballo no James Webb, o telescopio sucesor do Hubble que se lanzará en outubro de 2021

A astrofísica Begoña Vila Costas (Vigo, 1963), lembraba este xoves como durante a súa formación na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela fantaseaba, xunto a un compañeiro, na posibilidade de chegar a traballar na NASA. Case un soño, que ela cumpriu uns anos atrás, despois dun periplo que a levou polo Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), o Centro de Astrofísica Jodrell Bank de Manchester e empresas vinculadas á Axencia Espacial de Canadá, desde onde chegou ao centro Goddard da NASA. Aquí, preto de Washington, forma parte do equipo que pon a punto un dos fitos máis relevantes para a exploración do universo nos vindeiros anos, o telescopio James Webb. Desde alí falou este martes nos encontros ‘Vigo Científico‘, organizados polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e GCiencia.

O vindeiro 31 de outubro, nun foguete Ariane-5, desde a base da Axencia Espacial Europea na Güiana francesa, sairá cara ao espazo. Irá encartado e, unha vez fóra da Terra, comezará a pregar as súas partes máis destacadas, como o espello primario composto por 18 pezas, seis veces máis grande có espello do Hubble, ou o parasol de cinco capas, do tamaño dunha pista de tenis, que illará os instrumentos da calor do Sol, a Terra e a Lúa. “Como traballamos no espectro infravermello, detectamos a calor de obxectos que están moi afastados, e para iso temos que illar o telescopio e traballar con el a temperaturas baixísimas, de ata -240ºC, isto é, pouco máis de 30 graos kelvin”, explica Vila.

Publicidade

Estes instrumentos permitirán ao James Webb ter unha potencia moito maior cá do Hubble, o que lle permitirá viaxar cara ás orixes do Universo. “Queremos mirar os primeiros obxectos que se formaron despois do Big Bang. O universo segue expandíndose e, por tanto, a luz destes obxectos segue viaxando, e podemos observala no espectro infravermello”, conta a astrofísica Viguesa.

Así, ademais de afondar no coñecemento da xénese e evolución de galaxias afastadas, a aventura do James Webb axudará a buscar posibles sistemas planetarios semellantes ao do Sol. “Vai ser un importante paso: ata agora xa vimos algúns planetas pequenos, que poderían ter condicións acaídas para a vida. E co Webb poderemos buscar se na súa atmosfera hai compoñentes como auga, metano ou carbono, que son claves para a existencia dalgunha forma de vida”.

Desafío tecnolóxico

O deseño e posta en órbita do telescopio, cun proxecto que, segundo lembrou Vila, se estendeu durante máis de 20 anos, supuxo en enorme desafío tecnolóxico e de enxeñaría, que aprendeu e mellorou retos que se afrontaron no pasado, como a recordada misión coa que se enviaron astronautas a reparar os espellos primarios do Hubble. “Co que aprendemos daquela, ideamos unha tecnoloxía coa que poder reparar desde a Terra calquera posible problema”, resume.

Por tanto, os desafíos só comezarán unha vez que o telescopio saia do planeta. “Nun mes despois do lanzamento chegaremos a catro veces a distancia entre a Lúa e a Terra, e nese tempo é cando se abre todo o telescopio. Despois comezaremos coas correccións finais da órbita, conectaremos os instrumentos e aliñaremos os espellos. Tardaremos arredor de cinco meses en confirmar que todo está listo e funcionando ben para comezar a facer ciencia”, contaba Vila.

Como adoita acontecer coa innovación que se xera na enxeñaría aeroespacial, James Webb tamén deu pé, tal e como lembra a astrofísica galega, a melloras científicas que se trasladan a aplicacións cotiás. Neste caso, os avances desenvolvidos para medir os espellos do telescopio serviron para mellorar a cirurxía láser que trata diversos problemas de visión.

O encontro con Begoña Vila foi o terceiro do ciclo ‘Vigo Científico’, despois das entrevistas a África González e Fernando Aguado. Este venres 20 de abril, o biólogo mariño Manuel E. Garci pechará estes encontros cunha entrevista na que falará dos fondos mariños de Vigo e a súa ría, lugares que percorre desde hai máis de 30 anos.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado

▪️ Gciencia arrinca unha nova edición do ciclo 'Ciencia en feminino'

O programa desenvolverase os xoves 14 e 21 de marzo e os días 4 e 11 de abril ás 19.00 horas e en 'streaming'

O James Webb detecta a galaxia ‘morta’ máis antiga coñecida

Un equipo internacional de astrónomos, con participación española, observou que a formación estelar non formaba novas estrelas 700 millóns de anos despois do Big Bang