A lei entrará en vigor os vindeiros días, polo que estas prácticas xa se poderán desenvolver na campaña electoral das municipais de maio.
A lei entrará en vigor os vindeiros días, polo que estas prácticas xa se poderán desenvolver na campaña electoral das municipais de maio.

Os partidos poderán espiar aos cidadáns na internet para facer campaña electoral

Publicaches en Facebook ou Twitter unha mensaxe apoiando a consulta do 1-O, ou pola contra defendeches a actuación do Goberno español en Catalunya? Opinaches nas redes que Franco debería ficar no Valle de Los Caídos, ou dixeches que debería ser exhumado e levado a un panteón privado? Estas e outras manifestacións ideolóxicas que calquera usuario de internet compartira nos seus muros públicos ou ‘timelines’ abertos poderán ser utilizadas a partir de agora polos partidos políticos para “a realización de actividades políticas durante o período electoral” e construír as súas mensaxes para pedir o voto ou, en caso contrario, criticar ao adversario e desmobilizar así ao electorado rival.

A normativa estará en vigor para as próximas eleccións municipais e europeas en Galicia, no mes de maio

Así o contempla o proxecto da lei de Protección de Datos Persoais e Garantías dos Dereitos Dixitais, que este mércores aprobou o Senado e entrará en vigor nos vindeiros días. A normativa, que xerou un consenso moi pouco frecuente na actual lexislatura, permitirá que para as vindeiras eleccións municipais e europeas en Galicia (e tamén autonómicas en 13 comunidades autónomas) do vindeiro mes de maio xa se poidan facer este tipo de prácticas. Segundo contempla a propia lei, nos seguintes comicios, os cidadáns de Galicia xa recibirán propaganda electoral por medios electrónicos, de mensaxería instantánea (como Whatsapp), ou mensaxes privadas nas redes sociais. Estas prácticas “non terán a consideración de actividade ou comunicación comercial”, polo que non estarán suxeitas ao mesmo consentimento ca estas.

“O Cambridge Analytica español”

É como un “Cambridge Analytica español”, segundo expertos consultados estes días por xornais como El Confidencial ou eldiario.es. Unha técnica semellante foi utilizada durante as eleccións que lle deron a victoria a Donald Trump nos Estados Unidos. Foi un escándalo mundial, que mesmo obrigou a Facebook a pedir desculpas: a empresa elaboraba algoritmos a partir dos datos persoais dos usuarios das redes sociais, e insertaba así propaganda nos seus ‘timelines’ de Facebook ou Twitter apelando aos asuntos que máis interese xeraban a cada persoa. Recentemente, nas eleccións brasileiras, varios xornais deron tamén conta das estratexias de crispación que o equipo do presidente electo, Jair Bolsonaro, emitía a través de Whatsapp, Facebook e os muros de comentarios das noticias dos prinicipais medios dixitais.

Un dos aspectos que máis critican algúns xuristas especializados en protección de datos é o artigo 58 bis, que se incluíu nunha das emendas ao texto que saíu do Congreso dos Deputados. Baixo o título “Utilización de medios tecnolóxicos e datos persoais nas actividades electorais”, a nova lei di o seguinte.

“1. A compilación de datos persoais relativos ás opinións políticas das persoas que leven a cabo os partidos políticos no marco das súas actividades electorais atoparase amparada no interese público unicamente cando se ofrezan garantías adecuadas.

2. Os partidos políticos, coalicións e agrupacións electorais poderán utilizar datos persoais obtidos en páxinas web e outras fontes de acceso público para a realización de actividades políticas durante o período electoral.

3. O envío de propaganda electoral por medios electrónicos ou sistemas de mensaxería e a contratación de propaganda electoral en redes sociais ou medios equivalentes non terán a consideración de actividade ou comunicación comercial.

4. As actividades divulgativas anteriormente referidas identificarán de modo destacado a súa natureza electoral.

5. Facilitarase ao destinatario un modo sinxelo e gratuíto de exercicio do dereito de oposición.”

Este artigo, e outros da lei, xeraron preocupación por abrir a porta a prácticas semellantes ás que fixo Cambridge Analytica. Pero neste caso, con amparo legal. Os partidos defenden que o que se pretende é todo o contrario, regular este tipo de actuacións para evitar os problemas.

Resposta da Axencia de Protección de Datos

Despois da controversia xerada polas informacións publicadas nos medios de comunicación, a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) emitiu un comunicado horas antes da aprobación definitiva da lei no Senado.

Na nota de prensa dise que “o texto do proxecto non permite o tratamento de datos persoais para a elaboración de perfís baseados en opinións políticas” e “tampouco permite o envío de información personalizada baseada en perfís ideolóxicos ou políticos”.

Porén, no seguinte parágrafo, a Axencia sinala que, conforme ao Regulamento Xeral de Protección de Datos aprobado pola UE, si se permite “a compilación por parte dos partidos políticos de datos persoais relativos a opinións políticas para obter información que lles permita pulsar as inquedanzas dos cidadáns co fin de poder darlles resposta nas súas propostas electorais”.

 

Con todo, a axencia aclara que o texto permite tamén o “envío de propaganda electoral sen que o seu contido poida basarse nos perfís” obtidos da rede, e conclúe que, en todo caso, as previsións do artigo 58 bis “deben cumprir todas as garantías establecidas no Regulamento Xeral de Protección de Datos”.

Máis información:

O texto definitivo da lei pode lerse nesta ligazón (PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.