Venres 26 Abril 2024

Os últimos sete anos foron os máis cálidos da historia

O último informe da OMM está guiando as negociacións da COP26 e advirte que, a longo prazo, seguirán aumentando as temperaturas globais

Por primeira vez dende que hai rexistros, choveu no cumio do manto de xeo de Groenlandia. O habitual sería que nevase. Mais non foi así. Este é un dos fenómenos sobre os que trata de alertar o último informe da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). Un documento que guía as negociacións da COP26, que está a reunir en Glasgow os líderes mundiais para tratar de facerlle fronte ao cambio climático. Dito informe é claro e contundente cando afirma que os últimos sete anos foron os máis cálidos xamais rexistrados.

Os datos do 2021 tampouco invitan á esperanza. Non está a ser dos anos máis calurosos debido a La Niña, un fenómeno meteorolóxico que arrefría as temperaturas. Non obstante, os expertos advirten que isto non reverte a tendencia ao longo prazo, que segue ser a do aumento. Por ese motivo, estímase que o 2021 se sitúe entre o quinto, sexto ou sétimo ano máis cálido. Amais disto, e tendo en conta que só se analizaron os nove primeiros meses deste ano, pénsase que xa está a ser máis caluroso ca o 2011, período no que se produciu o último evento de La Niña.

Publicidade

Consecuencias catastróficas

Segundo este último informe da OMM, queda pouco marxe de manobra. A temperatura global media entre xaneiro e setembro de 2021 xa estaba arredor de 1,09ºC por encima do promedio preindustrial. “A menos que haxa reducións inmediatas, rápidas e a gran escala das emisións de gases de efecto invernadoiro, limitar o quecemento a 1,5ºC será imposible, con consecuencias catastróficas para as persoas e o planeta”, indicou o secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, no prólogo do informe.

Os fenómenos extremos xa deixan de ser unha excepción e comezan a ser unha regra. De feito, o Val da Morte, en California, alcanzou 54,4ºC durante unha das vagas de calor que afectaron ao suroeste de Estados Unidos. E moitas partes do Mediterráneo rexistraron temperaturas sen precedentes. É dicir, a tendencia dende o 2015 é evidente: o aumento está a ser rápido e sostido no tempo. E por se iso fora pouco, tamén se está a producir un aumento do nivel do mar e un quentamento e acidificación dos océanos.

É máis, o secretario xeral da OMM, Petteri Taalas, dixo que “os fenómenos extremos son a nova normalidade”. “Existen cada vez máis probas científicas que indican que algúns destes fenómenos levan o selo do cambio climático causado por actividades humanas”, engade. De feito, ao ritmo actual das emisións de gases de efecto invernadoiro —cuxas concentracións volveron alcanzar novos máximos pese á pandemia— o último informe da OMM calula que, a finais de século, o mundo quentarase entre 1,5ºC e 2ºC.

Aumento do nivel do mar

Outra das grandes preocupacións están baixo o mar. O aumento do nivel do mar e os procesos de acidificación están empeorando as augas. Ao diminuír o pH, tamén se reduce a capacidade de absorber dióxido de carbono da atmosfera. Así mesmo, parece que as taxas de quecemento dos océanos están a experimentar un aumento bastante pronunciado nos últimos vinte anos. Un escenario, a todas luces, preocupante.

As repercusións socioeconómicas e medioambientais de todos estes fenómenos xa se deixan sentir. Provocan máis fame e máis conflitos. No informe sinálanse países como Etiopía, Sudán do Sur, Iemen e Madagascar como os lugares de grandes fames e de colapsos dos medios de vida. Pero tamén as sequías, os furacáns ou as tormentas fortes, capaces de arrasalo todo. Ao final, estes fenómenos extremos castigan a quen está menos preparado.

Países como Etiopía, Sudán do Sur, Iemen e Madagascar están a sufrir o colapso dos medios de vida

Segundo Taalas, os países teñen que reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro e tamén prepararse para as realidades futuras. É dicir, investir en adaptación climática para salvar vidas. Pola súa parte, o secretario xeral da ONU di que “os científicos non deixan dudas sobre os datos”. “Agora os dirixentes deben ser igualmente contundentes na adopción de medidas. A COP26 debe ser un punto de inflexión. Debemos actuar agora, con ambición e solidariedade, para protexer o noso futuro e salvar a humanidade”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia no informe europeo do clima: récords de calor, incendios e anomalías nas chuvias

O documento foi publicado este luns por ser o Día Mundial da Terra e esgrime fenómenos extremos como o "estrés térmico"

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro