Xoves 18 Abril 2024

O Parlamento rexeita, cos votos do PPdeG, convocar as axudas posdoutorais en 2020

A rede Investigal denuncia que esta decisión "levará a que 31 investigadores queden no paro en decembro" e impide a máis de 400 optar aos contratos

A Rede Galega pola Investigación (Investigal) advertiu este xoves de que 31 investigadores e investigadoras posdoutorais quedarán no paro en decembro, e outros 400 non poderán optar á convocatoria das axudas que ofrece a Xunta de Galicia a esta etapa da carreira científica. A situación producirase, segundo apuntan, despois de que a Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia rexeitase, cos votos en contra do grupo do PPdeG, dúas iniciativas de BNG e PSdeG para solicitar que se convocaran neste ano 2020 os contratos de apoio á formación posdoutoral.

A situación, xa avanzada hai dúas semanas por Investigal, confirmouse co rexeitamento das iniciativas. O partido que sustenta o goberno da Xunta argumentou que aínda se mantén en vigor a prórroga de seis meses anunciada en abril pola Xunta por mor da pandemia da Covid-19, que viría a cubrir a non convocatoria das bolsas.

Publicidade

Porén, Investigal manifesta a súa “sorpresa” ante o voto en contra do PPdeG, despois de que o propio comunicado de abril avanzaba que o adiamento da convocatoria na Modalidade A (primeira etapa das axudas, con estadías no estranxeiro) establecíase “ata que as circunstancias así o aconsellen e permitan definir os novos parámetros polos que terá de rexerse”. Neste sentido, coa implantación do traballo a distancia en moitas universidades e outras alternativas aos obstáculos derivados da pandemia, representantes de Investigal consideran que as circunstancias non son impedimento para reactivar a convocatoria.

E por outra banda, na Modalidade B, a Xunta prevía “unha convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020 que se resolvería a principios do ano 2021″, sobre a que por agora non hai novas.

“A escusa da prórroga dos contratos non serve de argumento para non convocar a Modalidade A, xa que esta axuda está orientada para que os/as novos/as doutores/as (cerca de 400 por ano en Galicia) poidan iniciar a súa etapa posdoutoral”, critica Investigal. Isto provoca, segundo denuncian, que “a maior parte destes investigadores xa defenderon a súa tese doutoral para acadar o estatus de doutor/a, polo que os seus contratos non foros prorrogados en ningún caso”, e agora non dispoñen da opción das axudas á formación posdoutoral para continuar a súa carreira.

Neste sentido, o colectivo investigador lembra que “outros programas posdoutorais que implican mobilidade internacional si mantiveron sen alteracións o seu calendario de convocatorias, como as Postdoc Berri do Goberno Vasco (convocadas en xullo) ou o prestixioso programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA)”.

A incerteza cos contratos da Xunta abre a porta á fuga de cerebros de Galicia

Para Investigal, “os problemas relacionados coa convocatoria destas axudas posdoutorais non son novos e amosan o pouco interese que o goberno de Galicia ten en considerar a investigación como eixo estratéxico do país”. Lembran tamén que estas axudas non se convocaron no ano 2010, en 2015 e “probablemente no 2020”, ao que hai engadir desde 2016, “atrasos sistemáticos na súa convocatoria, o que favorece que as persoas candidatas pasen longas tempadas desempregadas, agardando por esta oportunidade laboral, ou mesmo a fuga de cerebros ao estranxeiro, facendo que perdamos talento propio que foi formado con orzamentos públicos”.

Do mesmo xeito, os investigadores e investigadoras amosan o seu malestar coas declaracións dos representantes do PPdeG. “Os longos tempos de espera, derivados da falta dun calendario fixo de convocatorias que si existe nos programas estatais e europeos ou incluso noutras comunidades, foi considerada como normal polo propio deputado Martín Fernández Prado, que comparou a non convocatoria das axudas autonómicas este ano coas estatais”. Algo que para Investigal “se afasta da realidade, posto que as axudas estatais (programas “Juan de la Cierva” ou “Ramón y Cajal”) correspondentes ao ano 2020 convocaranse, como veñen facendo tódolos anos, no mes de decembro, e ademais este ano o número de prazas verase incrementado nun 30%”.

“Esiximos que en sede parlamentaria estean á altura, xa que todas estas manifestacións denotan un descoñecemento total do sistema de investigación galego, español e europeo”, critican.

Ante a incerteza, a rede solicita á Xunta a convocatoria “o antes posible” das axudas posdoutorais, “co fin de garantir a continuidade das carreiras” nesta etapa. Para isto, propón o establecemento de “contratos ponte” a investigadoras/es posdoutorais que rematan o seu contrato o 31 de decembro ata que a nova convocatoria sexa publicada.

Cabe destacar, conclúen, “que a Xunta investiu entre 100.000 e 120.000 € na formación de cada unha destes investigadoras/es que quedarán no paro: co modelo actual formamos talento para o desfrute doutras comunidades ou países”.

Ante o escenario que se producen, avanzan, “solicitaremos unha reunión con D. Francisco Conde, Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, e con D. Román Rodríguez, Conselleiro de Educación, Cultura e Universidades para tratar de de traballar conxuntamente mediante unha colaboración activa co fin de buscar solucións ós problemas que afectan ós investigadores/as en Galicia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia