Mércores 24 Abril 2024

Ilusión e ciencia desde Pontevedra ata a NASA e alén con Begoña Vila

Centos de escolares comparten unha mañá de conversa coa astrofísica viguesa que traballa no deseño do gran telescopio James Webb

A alarma do espertador soou moi cedo en Washington para Begoña Vila (Vigo, 1963). Antes das seis da mañá, polo reloxo da costa leste estadounidense, xa estaba lista para saudar, a moitos quilómetros de distancia, en Pontevedra, a centos de estudantes que a agardaban no Pazo da Cultura, no acto organizado polo Concello coa colaboración de GCiencia. No momento no que saíu no proxector, a rapazada ovacionou á nena que soñou con coñecer o espazo e fixo do seu soño o seu modo de vida e a súa paixón. Hoxe, a astrofísica galega traballa no deseño do telescopio James Webb, que en poucos anos entrará en funcionamento no espazo, e será o gran ollo que dará a coñecer moitas cousas do universo que hoxe ignoramos.

O acto presentárono Carme Fouces, concelleira de Educación e Igualdade de Pontevedra, e Mila Alonso, de GCiencia, que fixeron fincapé nos atrancos (por fortuna, xa son menos) que aínda hoxe teñen que afrontar moitas nenas e rapazas que soñan con ser investigadoras. Tamén a propia investigación dá conta do problema; Carme Fouces citou o estudo de Science que demostra que os estereotipos e a autolimitación das nenas sobre as súas aptitudes comeza antes dos sete anos. E deron paso a Begoña Vila que falou tamén da evidencia respecto a estes prexuízos. “Anímovos a seguir adiante, digan o que vos digan, sodes capaces”, díxolle a astrofísica a todas e todos os que a escoitaban desde o Pazo da Cultura.

Publicidade

A científica viguesa fixo un percorrido pola súa vida, desde que era unha cativa abraiada polas estrelas, decidiu estudar Física en Santiago e especializarse en Astrofísica nas Illas Canarias, onde puido traballar con algúns dos mellores telescopios do mundo. E deu paso ao seu traballo actual na NASA, explicando de xeito moi gráfico os tamaños do Hubble e o James Webb. “O Hubble é como un autobús escolar, e o James Webb, como unha pista de tenis”. Hai máis diferenzas: “O Hubble mira como os nosos ollos, no espectro visible, e o James Webb, no infravermello; vai ser a primeira vez que poidamos ver o universo en infravermello cun telescopio tan grande, e iso será moi importante, vainos contar moitas cousas novas”, explicou á rapazada.

Despois dunha longa quenda, chegou o momento de despedir a conversa, conducida por Mila Alonso. Cando a presentadora pediu un aplauso para Begoña Vila, o salón de actos púxose en pé e ovacionou con admiración á astrofísica viguesa. Quen sabe se nalgunha das mentes que estaba este luns en Pontevedra, sae a próxima galega que deseñará telescopios para a NASA.

Podes consultar aquí o programa do Día da Muller e a nena na Ciencia (PDF)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

▪️ Gciencia arrinca unha nova edición do ciclo 'Ciencia en feminino'

O programa desenvolverase os xoves 14 e 21 de marzo e os días 4 e 11 de abril ás 19.00 horas e en 'streaming'