A NASA rastrexa a ocultación causada por un asteroide sobre A Mariña

A axencia estadounidense traslada á península máis dunha vintena de expertos e telescopios para contemplar un asteroide que visitará a misión "Lucy"

Traxectoria da ocultación da estrela do asteroide Polymele sobre a estrela v20200923194353. Fonte: Misión Lucy/NASA.
Traxectoria da ocultación da estrela do asteroide Polymele sobre a estrela v20200923194353. Fonte: Misión Lucy/NASA.

Falta menos dun mes para que, o vindeiro 16 de outubro, a NASA lance cara ao espazo desde Florida á nave Lucy, unha sonda que viaxará ata aos asteroides troianos, alén da órbita de Xúpiter. Estes corpos espaciais son, en palabras dos científicos da axencia estadounidense, “os restos dos primeiros días do noso sistema solar, e os fósiles das formacións de planetas” (o nome de Lucy fai referencia ao célebre homínido), polo que o obxectivo da misión é achegarse e analizar polo miúdo cinco destes obxectos. E un deles, Polymele, vai ser visible de forma indirecta na noite do 30 de setembro ao 1 de outubro nunha franxa que cruzará a península ibérica -e que inclúe A Mariña-, o que está a mobilizar aos expertos que traballan no lanzamento de Lucy. En colaboración coa Universidade de Oviedo e outras institucións, a axencia gobernamental espallará pola traxectoria agardada da ocultación 22 telescopios e máis de 20 expertos que mirarán cara a Polymele no momento no que pase por diante da estrela v20200923194353.

A ocultación de Polymele

O estudo dos corpos que se moven polo espazo supón un enorme desafío científico e tecnolóxico. Para coñecer a composición, a órbita ou a distancia á que están estes obxectos, os investigadores teñen diversas opcións. Unha das máis habituais é orientar os telescopios cando un astro pasa por diante doutro, cubríndoo parcialmente (tránsito) ou tapándoo por completo (ocultación). Esta é a situación que se vivirá nunha franxa da península ibérica durante uns segundos nas primeiras horas de outubro: deste xeito, Polymele provocará unha diminución do brillo da estrela ocultada, ata que ese punto no ceo acade a magnitude do asteroide.

Será unha gran coincidencia no enorme baile que fan os corpos no universo: un asteroide troiano que está a 800 millóns de quilómetros do Sol pasará por diante dunha estrela que está a 30.000 billóns de quilómetros de distancia. E durante uns segundos, desde a Terra poderase observar ese paso, polo que o asteroide proxectará a súa sombra no noso planeta.

Un dos telescopios da misión Lucy que serán espallados pola península para observar a ocultación do satélite Polymele. Fonte: Universidad de Oviedo.
Un dos telescopios da misión Lucy que serán espallados pola península para observar a ocultación do satélite Polymele. Fonte: Universidad de Oviedo.

Segundo explican no portal da misión Lucy, nestes pequenos rangos de tempo será posible “atopar e medir” estas sombras, o que axuda a “precisar as súas posicións antes de que a nave se achegue” a estes asteroides. Son oportunidades que se poden producir en calquera parte do mundo e, pola súa relevancia, os astrónomos perseguen as sombras dos asteroides arredor da Terra. Nos vindeiros meses, parte do equipo da misión Lucy ten na axenda ocultacións de varios asteroides troianos en Senegal, os Estados Unidos, Brasil, Namibia, Turquía ou Australia.

A liña que parte da fronteira entre Galicia e Asturias e pasa pola meseta ata Valencia será obxecto de especial interese por parte da NASA. En colaboración coa Universidade de Oviedo, a axencia estadounidense instalará nesta franxa do territorio español 22 telescopios de 40 centímetros de diámetro cos que se pretende obter unha imaxe detallada da ocultación e os datos que poida achegar sobre Polymele. Estarán tamén presentes máis de 20 observadores profesionais, liderados polo astrónomo Marc Buie, que traballarán durante catro días, desde o vindeiro 27 de setembro, para que todo estea a punto na madrugada do 1 de outubro.

As predicións teñen, por agora, unha pequena incerteza, mais apuntan a que a liña de centralidade da ocultación poderá observarse nunha pequena franxa da Mariña, preto de Ribadeo. Ao tratarse de corpos moi distantes, os cálculos teñen unha certa marxe de erro, reducida nos últimos anos grazas aos datos de cartografía estelar do proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea. E mesmo cuns datos de calidade, poden xurdir imprevistos en forma de inclemencias do tempo, o que obrigaría aos telescopios a moverse de lugar.

Con todo, a pesar da relevancia deste evento astronómico, fará falta algo máis ca uns simples prismáticos para observalo. Segundo o director do Observatorio Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, “trátase dun evento interesante”, aínda que matiza que “estamos a falar de obxectos moi febles e é un desafío seguir a ocultación con telescopios portátiles mesmo dende lugares sen contaminación luminosa, pero pode ser que se consiga”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.