Joana Magalhães avoga por unha ciencia en igualdade e conectada á sociedade

Centos de escolares comparten en Pontevedra unha mañá coa científica e divulgadora lusa do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña

Un momento da conferencia de Joana Magalhães no Teatro Principal de Pontevedra xunto a concelleira Carme Fouces
Un momento da conferencia de Joana Magalhães no Teatro Principal de Pontevedra xunto a concelleira Carme Fouces

A ciencia necesita estar aberta á sociedade. Joana Magalhães leva moitos anos traballando por isto. Alexander von Humboldt hai máis de 250 anos foi a primeira persoa que conectou a relación de distintas actividades dos seres humanos coa natureza. Ese é, aínda hoxe, un dos obxectivos: que o coñecemento científico sexa tido en conta por parte dos políticos.

O alumnado de colexios de Primaria e un grupo de Secundaria dun club científico de Pontevedra ateigaron o Teatro Principal para recibir á investigadora portuguesa na celebración dos actos do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que organiza o Concello de Pontevedra coa colaboración de Gciencia.

Joana é investigadora no grupo de Reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), onde traballa no uso de novos materiais na medicina rexenerativa e as doenzas reumáticas. Pero tamén dedica unha parte importante do seu tempo á divulgación, formando parte de entidades como AMIT-Galicia ou o Young Scientists Forum da Sociedade Europea de Biomateriais. Ela foi a encargada de conversar co alumnado tras unha presentación de Carme Fouces, concelleira de Educación e Igualdade de Pontevedra.

Crer nunha ciencia que teña en conta a perspectiva de xénero vai provocar unha ciencia máis aberta e ao alcance de todos e todas. Esta é unha mensaxe que lanzou tanto a conferenciante como a concelleira, que recordou aos mozos que non van perder nada, “senón gañar unha compañeira de viaxe en igualdade”.

A científica portuguesa fixo un percorrido pola seu traballo, recordando que no campo da biomedicina son maioría de rapazas, pero que os postos de xefe seguen sendo para os homes. Tamén incidiu en que o que tiñan en común todos os grupos de investigación nos que leva traballado “é que o noso obxectivo é mellorar a saúde dos pacientes e, en xeral, a vida da xente”.

Recordou tamén o caso de Greta Thunberg. As súas reivindicacións, as dunha nena pouco maior que as que estaban presentes no patio de butacas do teatro, provocaron que xurdira un movemento mundial polo clima. “Cada venres ela estaba diante do parlamento sueco para pedir cambios climáticos aos políticos. De aí xurdiu o movemento Xuventude polo clima”.

“Cada venres Greta Thunberg estaba diante do parlamento sueco para pedir cambios climáticos aos políticos”

O gran momento para o alumnado presente foi o da apertura da quenda de preguntas. Desde cuestións como que está a investigar Joana sobre a artrose, onde recordou que “están desenvolvendo materiais que axuden a reparar o dano que ten a cartilaxe dos pacientes”, ou cantos cartos invisten as administracións nos proxectos científicos nos que traballa. Admitiu que os orzamentos “van desde os cincuenta mil ao millón e medio de euros, pero segue sendo pouco para o que aínda se necesita facer”.

Despois dunha longa quenda, chegou o momento de despedir a conversa, con moitas mans aínda erguidas, o que fala da curiosidade que espertou entre o alumnado esta cita coa ciencia. Postos en pé, sen que ninguén o pedise, ovacionaron con admiración á científica lusa. Quen sabe se nalgunha das mentes que estaba este venres en Pontevedra atopamos a próxima muller ou home que destaque na ciencia como Joana Magalhães, e que conviva en igualdade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.