O nugallán, ou a nugallá, é aquela persoa con falta de vontade para traballar ou facer algo que require algún esforzo. E a lingua galega deulle moitos sinónimos (badanas, baleigán, folgazán, lacazán, lerchán, paduán). Porén, hai un Nugallás en Antas de Ulla (aínda que non é o único, porque existe outro lugar co mesmo topónimo no concello) que é único: trátase do centro exacto de Galicia, segundo un cálculo realizado polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN) a petición do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), unha entidade que promove a difusión da cultura na comarca lucense da Ulloa.
Nunha carballeira preto do lugar de Nugallás na parroquia de San Fiz de Amarante (non no Nugallás de Arcos), nas coordenadas 42º45’25,15″ norte e 7º54’38,99″ oeste, o IGN marcou o centro de Galicia, un cálculo complexo e que ten en conta diversas variables ao non tratarse o territorio do país, como é lóxico, dunha forma xeométrica perfecta. O informe, asinado por Pablo Carballo Cruz, director do servizo rexional do organismo, serve, segundo apuntou a o IEU nunha rolda de prensa convocada este xoves, para dar “por pechados os debates sobre a situación do centro xeográfico; todos eles de carácter científico e alleos por outra parte aos slogans publicitarios que poden levar ao público a confusións”.
Porque a vontade de ser o quilómetro cero de Galicia desecandeou desde hai tempo unha sucesión de campañas de promoción turística. E que mesmo chegaron aos tribunais. Nos últimos anos, despois de que o Concello de Lalín e a Deputación de Lugo se promocionaran como o Km 0, o municipio dezano chegou en 2015 ata o Constitucional para quedar coa marca. O Supremo acabou decidindo que ambas institucións poderían usar a denominación. Ademais, o concello de Chantada rexistrar, pola súa parte, a marca Corazón de Galicia, do mesmo xeito, pola súa proximidade a este punto central.
Con todo, a ciencia parece darlle a razón á provincia lucense. “O punto exacto definido polo IGN está situado nunha parcela particular nunha zona de gran valor natural e paisaxístico”, expuxo Francisco Pardo, director do IEU. Está nunha carballeira próxima á estrada LU-0301, un lugar que desde esta agrupación queren divulgar, sobre todo no ámbito educativo, a partir dunha pequena intervención da zona, converténdoa nun “lugar de encontro para todos os galegos”. É tamén, curiosamente, un dos lugares nos que podemos acadar, en menor distancia, as catro provincias galegas.
O estudo achou o punto usando o algoritmo centroide do programa PostGIS. Trátase dun procedemento complexo e un cálculo aproximado, cunha marxe de erro de dous metros, despois de ter en conta todas as posibilidades debido ás variacións no nivel do mar e á construción de infraestruturas, como diques ou recheos, que modifiquen a superficie do territorio galego.
O experto Pablo Carballo remata o seu informe oficial sinalando que “o estudo e o cálculo leváronse a cabo contando cos datos oficiais máis fiábeis e precisos e comprobando o resultado co software máis avanzado”. Algúns cálculos recentes, como o realizado por investigadores da USC e publicado nunha reportaxe de La Voz de Galicia, situaban tamén o centro de Galicia neste mesmo lugar, pero non no mesmo punto exacto.
Agora, o colectivo da Ulloa iniciará campañas de divulgación. “Pero son as Administracións local, provincial e autonómica as responsábeis dunha intervención na zona, para o que non se requiren grandes investimentos senón boas intencións”, asegurou o seu presidente.
Aquí vos deixo un enlace a unha páxina escrita en 2017 onde se efectúa o cálculo e se describe con detalle. Tamén aparecen explicados outros posibles centros e a súa motivación.
https://fonte.es/A-CIENCIA/2017-03-29~O_centro_de_Galicia.html