Presentación da
Presentación da "Guía dos elementos químicos". Foto: Lingua.gal.

Lanzan a “Guía dos elementos químicos” en galego

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), por medio do Proxecto Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega (Termigal), acaba de editar a nova Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións. Trátase dunha publicación divulgativa continuadora da obra O nome e o símbolo dos elementos químicos (2006), coa que se pretende dar a coñecer os elementos que conforman a táboa periódica.

A guía ofrece datos de interese para cada un dos elementos coñecidos desde unha perspectiva lúdica e didáctica, a fin de sorprender tanto aos lectores vinculados profesionalmente á química como a aqueles alleos a esta materia. A obra componse de 118 capítulos, un por cada elemento químico coñecido -desde o hidróxeno, co número atómico 1, ata o oganesson, co número 118-, cunha sección final dedicada os intentos levados a cabo para a sintetización do elemento 119.

A obra consta de 118 capítulos, un por cada elemento da táboa periódica

En cada capítulo inclúese información xeral do elemento (masa atómica, estado en condicións estándar, densidade e puntos de fusión e de ebulición), seguidos da historia do seu descubrimento, os nomes elixidos para a súa designación, a súa concentración na codia terrestre, os métodos empregados para a súa obtención, as súas propiedades e aplicacións e finalmente a súa importancia biolóxica. Cada un dos elementos acompáñase ademais de diversas imaxes relacionadas co texto, o que confire ao volume un maior atractivo para os lectores.

Este libro incorpora as denominacións aprobadas recentemente pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) para os últimos elementos descubertos (nihonio, moscovio, ténnesso e oganesson), o que sen dúbida contribuirá a estandarizar a súa denominación no galego.

No acto de presentación participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o coordinador científico do CRPIH e director de Termigal, Manuel González; e os autores da Guía, Manuel Rafael Bermejo Patiño, Ana María González Noya e Marcelino Maneiro Maneiro.

Na súa intervención, Valentín García sinalou “que se trata dunha importante achega ao eido científico-técnico, coa que quere avanzar un paso máis no proceso de galeguización deste ámbito de especialidade, así como apoiar ao profesorado, ao persoal investigador, ao alumnado e a cidadanía en xeral para desenvolver sempre a comunicación, o ensino e a aprendizaxe científica desde o galego”.

Porén, tal e como se pode tirar do Decreto do Plurilingüismo vixente no ensino, os alumnos galegos de Secundaria non poderán servirse da Guía, xa que a lei establece que a materia de Física e Química debe impartirse en castelán.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.