Venres 19 Abril 2024

“Greta Thunberg conseguiu que a xente escoite; agora é o momento de actuar”

A mesa redonda “Muller e Ciencia” celebrada este venres na Casa de Campás de Pontevedra puxo sobre a mesa ideas para unha acción real fronte á crise climática

Falar da ciencia que temos, da igualdade dentro do mundo da investigación ou da acción contra o cambio climático é, como non podía ser doutro xeito, falar da sociedade que construímos día a día. Diso, e da marxe que hai para mellorala, conversaron as catro científicas que, xunto á concelleira Carmen Fouces, que moderou o encontro, participaron na mesa redonda sobre “Muller e Ciencia” que acolleu este venres a Casa das Campás de Pontevedra. Sobre a mesa estaba o movemento de acción fronte á crise climática que desencadeou a figura de Greta Thunberg, pero Peregrina Quintela, Xana Álvarez, Rosana Malvar e Elena Vázquez Abal tamén conversaron sobre as súas propias experiencias como mulleres científicas e sobre as medidas a tomar para consolidar a igualdade que levou moito tempo acadar, e que aínda non chegou nalgúns aspectos.

Segue a discriminación cara á muller na ciencia?

Despois da xornada que abriu pola mañá Joana Magalhães nun encontro con escolares da cidade de Pontevedra, Carme Fouces incidiu na necesidade de referentes femininos para marcar camiño, e da ausencia deles que persiste nalgunhas ramas da investigación. De aquí partiu unha das cuestións que abriu o encontro: reflexionar sobre se aínda existe desigualdade na carreira científica e se, de existir, en que se manifesta.

Publicidade

Peregrina Quintela, premio María Wonenburger, catedrática de Matemáticas na USC e presidente do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), apuntou que, se ben a presenza de mulleres segue sendo menor nalgúns campos, “eu hoxe non vexo unha discriminación clara polo feito de ser muller, sempre que se compartan responsabilidades e todo o mundo teña a oportunidade e a liberdade de decidir”. Alén disto, Quintela destacou que “vivimos xuntos nunha sociedade e temos que estar xuntos para que sexa mellor, por iso hai cousas que se están detectando hoxe e sobre as que hai que ter coidado, como certas actitudes posesivas de mozos a mozas que non debemos consentir para non volver atrás”.

Xana Álvarez, profesora e investigadora da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, expuxo que “as cousas son cada vez máis doadas para nós grazas a quen loitou durante anos para conseguilo; pero no sector privado segue habendo trabas: as mulleres seguen recibindo preguntas incómodas cando optan a un traballo, como se van querer ser nais ou se teñen menores ou persoas maiores ao seu cargo. Se iso non se lle pregunta a un home, é que hai algo que falla aí”.

Dalgún xeito, esta mellora no seo da sociedade tamén a salientou Rosana Malvar, científica da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC. “Eu non sentín a discriminación, pero si é certo que cando eu comecei a miña carreira era moi raro que un home, por exemplo, acompañase á súa parella muller nunha estadía posdoutoral, e agora xa se ve normal. No eido familiar, estaba case mal visto antepoñer nun determinado momento a vida laboral á profesional”. 

Elena Vázquez Abal, profesora de Xeometría e Topoloxía na USC e presidenta da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedad Matemática Español (RSME), destacou que “hoxe a universidade é máis selectiva e máis dura ca antes, e para competir hai un determinado ciclo biolóxico para as mulleres, no caso de querer ser nais, que van interferir coa túa investigación. E ás veces no mundo académico non hai a flexibilidade suficiente para respectar estes tempos”.

A inestabilidade e os coidados

Ademais da competitividade crecente, a falta de contratos duradeiros en moitos casos supoñen unha barreira. “Ás veces chegas aos 40 anos sen saber se dentro de poucos anos poderás seguir vivindo da ciencia, despois de dedicarlle case media vida a ese obxectivo”, exemplificou Rosana Malvar. Quintela lembrou como ao ser nai decidiu seguir traballando tras dar a luz: “Apenas collín a baixa a semana do parto, foi a miña decisión, porque podía facelo e cría que pagaba a pena ese esforzo, e ademais podía traballar desde casa”.

Xurdiu tamén o debate sobre a maior presenza de mulleres ou homes en determinados sectores. Peregrina Quintela expuxo que existen diferentes sensibilidades nas persoas, que levan a cada unha a tomar un camiño determinado, e que ás veces veñen determinadas polo xénero. Neste punto, Vázquez Abal respondeu que as sensibilidades e enfoques sociais, como o da “muller coidadora”, xorden dunhas diferenzas inculcadas desde moi cedo, que provocan “que non todos saiamos da mesma base, e por iso se consideran profesións de homes, ou de mulleres, pero hai que intentar mudalo”.

Joana Magalhães avoga por unha ciencia en igualdade e conectada á sociedade

O fenómeno Greta Thunberg

A segunda parte do debate xirou arredor do movemento polo clima impulsado pola activista sueca. No marco do consenso sobre a evidencia científica de que a crise climática é real, as participantes advertiron do risco de que a figura de Thunberg eclipse a acción real e necesaria para frear o deterioro ambiental.

“Greta Thunberg ten unha mensaxe clara e sinxela, e os adolescentes que se mobilizan, coma ela, están en idade de protestar. O risco está en quen vén a utilizar a súa imaxe para sacar tallada, ou nos ataques que sofre pola súa condición de autismo. É algo moi inxusto”, introduciu Elena Vázquez. A profesora da USC apuntou, tamén, posibles camiños para que a mensaxe teña un impacto real: “Estaría ben que callase a vontade de renunciar ao excesivo consumo de roupa ou de aparellos tecnolóxicos que teñen moitos adolescentes, por exemplo”. 

A catedrática Peregrina Quintela valorou a forza da iniciativa fronte á crise climática de Thunberg, ao tempo que trasladaba parte da responsabilidade á cidadanía: “ela puxo o tema no debate, pero agora haberá que facer algo e reflexionar: necesitamos realmente toda a oferta de produtos que se poñen á nosa disposición no mercado? Quen está disposto a dar o primeiro paso para frear este deterioro?”, preguntou.

No marco das solucións centrouse Rosana Malvar. “Ela conseguiu que a xente escoite, pero agora hai que actuar. Que podemos facer? Pois por exemplo, comezar por algo que facemos todos os días, que é comer: se compramos produtos de temporada e proximidade, e reciclamos realmente nas casas, empezamos a dar pasos no bo camiño”, propuxo. 

Xana Álvarez sinalou tamén a capacidade da cidadanía para cambiar as cousas. “A responsabilidade última é nosa: cos nosos hábitos diarios, como gastar menos auga ou electricidade, ou cos políticos, que fan o que nós decidimos que fagan, en moitos casos, temos a posibilidade de elixir a quen non cumpra. E despois hai cousas que a min, persoalmente, me molestan bastante, por exemplo, cos últimos temporais no Mediterráneo: os afectados que se laian porque as ondas lle destruíron a casa que construíran case enriba do mar, seguro que sen pensalo moito… Ás veces, evitar estes problemas comeza por nós”. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario