Diego Peña será un dos investigadores principais no proxecto MolDAM. Foto: CiQUS.
Diego Peña será un dos investigadores principais no proxecto MolDAM. Foto: CiQUS.

Diego Peña: “Queremos estudar e controlar moléculas ata o máis mínimo detalle”

O investigador compostelán acada 2,8 millóns do Consello Europeo de Investigación cun proxecto Synergy Grant, que se desenvolverá durante seis anos

O Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela vai dar un novo paso na excelencia científica acadada nos últimos anos. O Consello Europeo de Investigación (ERC) anunciou este xoves a relación de proxectos seleccionados para a convocatoria Synergy Grant. E Diego Peña Gil (Santiago de Compostela, 1974), científico do centro e experto na síntese e desenvolvemento de novos materiais moleculares, participará nun proxecto en colaboración co IBM de Zurich e a universidade alemá de Regensburg (coñecida tamén en galego e castelán como Ratisbona), que recibirá arredor de 9 millóns de euros de financiamento durante os vindeiros seis anos. 2,8 deles destinaranse á parte do proxecto que se desenvolverá en Santiago, o que permitirá a contratación de ata 12 científicos en etapa pre e posdoutoral durante os seis anos que dure a investigación.

“É unha noticia formidable, resume Diego Peña”, xa que se trata, segundo destaca, dun “dos proxectos de investigación máis importantes que se poden conseguir no mundo da ciencia”. A convocatoria Synergy Grant está enfocada a proxectos científicos que, pola súa complexidade, requiren a colaboración de entre 2 e 4 investigadores principais (IP), e involucran por tanto a un importante número de expertos e expertas

Unha película do que ocorre no interior das moléculas

A iniciativa impulsada polas tres institucións denomínase MolDAM (Single Molecular Devices by Atomic Manipulation), e tratará de estudar, “cun detalle nunca antes visto”, o comportamento das moléculas individuais en acción, mentres sofren cambios físicos e químicos, con fin último de controlar a súa funcionalidade e reactividade. Parte das posibilidades que ofrecen as microscopías de varrido descubertas por IBM hai 35 anos.

Dous equipos galegos, seleccionados nas prestixiosas bolsas Synergy Grant

“Ata agora, podiamos obter unha foto fixa das moléculas, pero as novas técnicas de microscopía que usaremos no proxecto permitirán facer películas do movemento das moléculas, como se desenvolven as reaccións químicas, como se rompen e forman os enlaces, ou estudar como se comportan os electróns dentro das moléculas. O que queremos facer é estudar moléculas individuais en plena acción e conseguir dominalas para conseguir novas funcionalidades e descubrir novas reaccións químicas. É algo extremadamente difícil, porque as moléculas teñen o tamaño da millonésima parte dun milímetro, pero conseguilo tería unha gran relevancia, xa que os átomos e as moléculas forman todo o que nos rodea, comezando por nós mesmos”, resume o químico compostelán, que se formou durante dous anos como investigador posdoutoral no laboratorio do premio Nobel de Química en 2016, Ben Feringa, na Universidade de Groningen (Países Baixos).

Peña Gil será un dos IP xunto a Leo Gross do centro IBM Research con base en Zurich, e Jascha Repp, da Universidade de Regensburg. “O noso equipo no CiQUS vai achegar o enfoque desde a Química, mentres que os de Gross e Repp, que son físicos, traballarán con esa perspectiva”, resume o científico galego. Así, en Santiago sintetizaranse as moléculas que posteriormente se estudarán en Suíza e Alemaña para observalas cun gran nivel de detalle.

 

Desde hai preto de 10 anos, o equipo de Peña do CiQUS mantén aberta unha colaboración científica co IBM Research, un centro de investigación básica da compañía informática, con grupos como o de Gross, especializado na manipulación a escala atómica e molecular sobre superficies sólidas. Nos últimos anos, froito desta relación, publicaron artigos moi relevantes en revistas como Science. “Eles son os descubridores da técnica que agora imos desenvolver, e de feito nos seus laboratorios acadaron un premio Nobel polo desenvolvemento desta microscopía”, expón o tamén profesor da USC. “A de Ragensburg é a terceira pata do proxecto. O equipo de Jascha Repp vainos axudar a ver o que pasa cando introducimos pulsos de luz nestes sistemas moleculares e conseguir unha resolución temporal”, engade Peña Gil.

Con este enfoque, o proxecto MolDAM buscará “novas reaccións útiles en síntese química, e estudaremos a conversión da enerxía lumínica en enerxía eléctrica na escala molecular; son dos exemplos de cuestións que sempre estiveron presentes na comunidade científica, pero nas que hora se pode ir máis alá grazas ás novas técnicas das que dispoñemos”, conta Diego Peña.

“Espero que sexa unha investigación que abrirá camiño para facer máis ciencia boa e de calidade, na liña do que xa se vén facendo no CiQUS desde hai tempo. Este proxecto non deixa de ser a consecuencia do que se conseguiu anteriormente no centro; con esta Synergy Grant poderemos atraer a máis científicos a Santiago e darlle oportunidades á xente máis nova”.

Na actualidade, o CiQUS conta con varios grupos beneficiarios de axudas do Consello Europeo de Investigación nas súas modalidades de Starting Grant, Advanced Grant, Consolidator Grant ou Proof of Concept, convocatorias cun importante nivel de esixencia e que captaron nos últimos anos máis de 10 millóns de euros. E no CiMUS, outro dos centros singulares de investigación da USC, traballa Rubén Nogueiras, que no 2018 obtivo outra bolsa Synergy Grant como a que agora coliderará Peña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.