Ben Feringa, durante o encontro cos medios. Foto: Santi Alvite / USC.
Ben Feringa, durante o encontro cos medios. Foto: Santi Alvite / USC.

Ben Feringa: “Os métodos dos químicos de Santiago son unha referencia no mundo”

O Nobel de Química 2016 reseñou no seu encontro coa prensa a necesidade de investir na mocidade para afrontar os desafíos que están por vir

“É quizais, xunto a James Cronin, o máis compostelán dos premios Nobel que viñeron co programa Conciencia“, explicou Jorge Mira ao presentar a Ben Feringa (Barger-Compascuum, 1951), premio Nobel de Química en 2016 polo deseño e síntese das máquinas moleculares, dispositivos de tamaño nanométrico que poden inducir diversas accións no entorno no que se atopan, e que abren un interesantísimo campo de traballo en materias como a enerxía ou a medicina.

O químico neerlandés destacou na conferencia de prensa que para el era “unha grande honra volver a Santiago – onde xa estivera en varias ocasións, mesmo como profesor visitante na USC – nunha universidade que xa existía cando aínda non había ningunha nos Países Baixos; aínda que”, e destacou tamén que tiña pendente “facer o Camiño de Santiago coa miña muller, pero non teño tempo!”, bromeou cos xornalistas. Feringa mantén un vínculo estreito coa universidade compostelá, xa que varios investigadores do CiQUS (Diego Peña, Fernando López e Martín Fañanás) traballaron en diferentes etapas no equipo do Nobel na universidade de Groningen e seguen traballando en proxectos comúns.

Foi un dos seus alumnos, Diego Peña, o que acompañou a Ben Feringa e Jorge Mira no acto. O químico compostelán destacou que os achados do Nobel “foron o inicio dunha disciplina que vai mellorar en gran medida a calidade de vida das persoas nas vindeiras décadas”. Neste sentido, Feringa afondou nalgúns dos camiños que está abrindo a investigación das máquinas moleculares: “O que queremos desenvolver, por exemplo, é facer superficies que se poidan mover por si mesmas, ou en materiais que se reparen a si mesmos cando sufran danos (por exemplo, a carrocería dun coche), como se cura a pel cando nos facemos unha ferida”. O científico destacou tamén a relevancia da robótica branda (soft robotics), outro dos seus eidos de traballo: “Imaxina un nanomúsculo que poida facer o mesmo movemento ca nós, e coller un anaco de papel ao recibir enerxía luminosa. Isto sería o inicio dunha nova era”.

Diego Peña subliñou tamén a “apaixonada” personalidade de Feringa, “que está moi concienciado coa importancia da educación e a divulgación cara á mocidade”. Este encontro cos máis novos será, precisamente, un dos puntos centrais da axenda de Feringa en Galicia. O CiQUS acolle na tarde do martes unha xuntanza do químico con mozas e mozos de varios institutos galegos co premio Nobel. O mércores ás 19 horas, no auditorio Abanca, impartirá a conferencia “O gozo do descubrimento“, e o mesmo día pola mañá recibirá o doutoramento honoris causa da USC xunto a Nicholas A. Peppas.

Ben Feringa: “Invistan no futuro e na mocidade”

A intervención de Feringa xirou, alén de explicar as súas investigacións, na necesidade de motivar e convencer á mocidade dos desafíos que pode solucionar, e de instar aos gobernos a investir neste senso. “O meu consello para os gobernos e os políticos é que invistan no futuro, na mocidade, eles son o noso futuro. A creatividade e o talento en Europa é fantástica, e temos que sacar partido disto para afrontar ben o futuro”.

“Temos unha sociedade marabillosa, con enormes desafíos, e temos que motivar á mocidade para que se atreva a afrontalos; hai rapazas e rapaces brillantes, cun talento enorme, pero temos que estimulalos”, expuxo Feringa. “Temos que pensar no futuro, e temos que preparar á mocidade non para hoxe nin para mañá, senón para o futuro, para dentro de 20 anos. E amosarlles as fronteiras do coñecemento, o descoñecido, como se fose unha aventura, para que fagan novos descubrimentos”.

“Hoxe temos unha colaboración moi ampla con España, pero en Santiago é onde todo comezou”

Feringa tivo palabras de recoñecemento para os seus discípulos do CiQUS. “Axudan en gran medida aos novos descubrimentos que estamos facendo. Xente como Diego, Fernando ou Martín e os seus equipos están facendo achados moi importantes para ensamblar as moléculas coas que construímos estas máquinas; os métodos que crearon os químicos en Santiago son unha referencia no mundo. Hoxe temos unha colaboración moi ampla con equipos españois, pero en Santiago é onde todo comezou”, destacou o Nobel.

Neste punto, Diego Peña subliñou a presenza dos científicos galegos e españois no equipo que aprendeu de Feringa: “Cando nos reunimos en 2017 para celebrar o seu Nobel, das 39 persoas que se formaron con Ben e acudiron á homenaxe, sete eramos españois, case máis ca holandeses”. E o Nobel reseñou: “Nesta reunión, cada un dos investigadores presentou os seus novos traballos, e teño que dicir que estou moi orgulloso, porque o fan mellor ca min!”, exclamou Feringa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.