O Nobel Ben Feringa regresa a Santiago co programa Conciencia

O científico holandés, que recibiu o galardón de Química en 2016, mantén unha colaboración con investigadores do CiQUS

O científico Ben L. Feringa (Barger-Compascuum, Países Baixos, 1951), premio Nobel de Química en 2016 polo deseño e síntese de máquinas moleculares, visitará Galicia dentro de dúas semanas como o novo convidado do programa Conciencia que impulsan a USC e o Consorcio de Santiago. O químico participará o día 7 , ás 16.30 horas, nun encontro con estudantes de secundaria nas instalacións do CiQUS, e o día 8 ofrecerá unha conferencia, co título “O goce do descubrimento“, no auditorio Abanca ás 19 horas (a entrada será de balde, ata completar o aforo).

A visita de Ben Feringa a Santiago de Compostela suporá o seu regreso a unha cidade que xa coñece doutras ocasións, debido a súa colaboración con investigadores do CiQUS que foron discípulos seus, como Fernando López, Diego Peña ou Martín Fañanás. En 2016, pouco antes de recibir o prestixioso premio da Academia sueca, Feringa impartiu en Santiago unha conferencia sobre sistemas moleculares dinámicos.

Publicidade

A conexión galega dos novos premios Nobel de Química

A traxectoria académica de Ben Feringa estivo vinculada na súa maior parte á universidade de Groningen, onde estudou Química e se doutorou en 1978. Despois de traballar algúns anos na petroleira Shell, regresou á universidade en 1984, onde na actualidade é catedrático de Química.

Feringa é un pioneiro no deseño e a síntese de máquinas moleculares, é dicir, moléculas que poden actuar coma máquinas de tamaño nanométrico. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. O profesor Feringa demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución, conectando selectivamente átomos e fragmentos moleculares.

Publicidade

O traballo do profesor Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais, que teñen o tamaño dunha millonésima parte dun milímetro, considérase o traballo clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular. Demostrou que estes motores moleculares poden funcionar mentres están conectados a unha superficie e que o seu movemento pode mesmo desprazar obxectos macroscópicos. Tamén deseñou un “nanocoche“, isto é, un composto nanométrico que contén catro motores moleculares coma rodas e que se pode mover sobre unha superficie ao ser sometido a un estímulo externo.

A visita de Feringa co programa Conciencia supón a segunda das participacións nesta iniciativa dun dos tres premios Nobel de Química en 2016. O ano pasado foi Jean Pierre Sauvage o convidado. Cabe subliñar que o outro galardoado, Fraser Stoddart, mantén tamén colaboracións co grupo Quimolmat da UDC, que dirixe Carlos Peinador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nobel de Química para Henri Kagan e Kenso Soai polos seus achados en asimetría orgánica

A Real Academia de Ciencias de Suecia recoñece os investigadores polo descubrimento de efectos non lineares e de autocatálise

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente