Venres 29 Marzo 2024

Jean-Pierre Sauvage: o home que inventou a roda molecular

“O noso corpo está cheo de máquinas moleculares naturais”, explicou o director do CiQUS, José Luis Mascareñas, para subliñar a relevancia do que conseguiu o premio Nobel de Química en 2016, Jean Pierre Sauvage. “Pero ata que Sauvage conseguiu sintetizar os catenanos, ninguén fora quen de crealos de xeito artificial, e isto abriu un abano enorme de aplicacións científicas, porque significou que podiamos controlar artificialmente o que a natureza tardou millóns de anos en facer, a través da evolución”, continuou Mascareñas. Á súa dereita escoitaba Sauvage, o convidado número 39 (moitos deles premios Nobel) do Programa Conciencia da USC, impulsado por Jorge Mira, que leva máis dun decenio traendo a Santiago á elite da ciencia mundial.

Sauvage foi discípulo doutro Nobel de Química, Jean Marie Lehn (1987) e baixo a súa supervisión doutorouse en 1971. Fíxoo nunha universidade, a de Estrasburgo, onde hai xa 18 premios Nobel. Nos anos 80, o seu equipo (destacou varias veces que foi un “traballo colectivo”) conseguiu dous importantes avances: sintetizou dúas moléculas cíclicas entrelazadas, como os dous elos dunha cadea, ás que lle dou o nome de catenanos. E tempo despois, descubriu que ao aplicarlle enerxía electroquímica a estas moléculas, podían moverse ao seu antollo. Foi a base das máquinas moleculares, que en 2016 lle supuxeron o Nobel xunto a Fraser Stoddart (colaborador do grupo Quimolmat da UDC) e Ben Feringa (que tamén traballou xunto ao CiQUS de Santiago) que tamén afondan na mesma disciplina.

Publicidade

O catedrático Jorge Mira subliñou que aquilo foi “a primeira roda da historia de tamaño nanométrico”. Isto dou pé a unha nova liña de investigacións cuxa importancia, en parte, aínda non se pode albiscar: poderían crearse robots nanométricos para transportar nanofármacos, actuar sobre tumores. Todo grazas a uns ‘motores’ moitísimo máis finos ca unha folla de papel.

E como adoita acontecer na ciencia, Sauvage lembrou en Santiago que chegou aos catenanos un pouco por casualidade. “Aquilo era algo moi innovador, porque ninguén fora capaz de sintetizalo de forma satisfactoria, pero non tiñamos idea da importancia do que atoparamos. E durante seis anos, ninguén traballou neste eido. Só despois houbo xente que se interesou por isto, e foi cando esta liña comezou a desenvolverse”, contou o Nobel

“Cando sintetizamos os catenanos, non tiñamos idea das aplicacións que poderían ter”

A ciencia galega non é allea a estes avances: así, ademais de Sauvage, que mantén unha fluída relación con Galicia a través de Mascareñas e o catedrático emérito Luis Castedo, alén da colaboración coa Universidade da Coruña e o CiQUS de Santiago. De feito, o centro compostelán deseñou nos últimos anos algúns dos compoñentes novos das máquinas moleculares.

Sauvage en Galicia

Non é a primeira vez que Sauvage visita Santiago. Xa estivo en 2001, noutro encontro con investigadores. Nesta ocasión, o científico francés pasará toda a semana en Galicia. O martes reuniuse con alumnos do IES Rosalía de Castro. Unha actividade, a da divulgación, na que centra o seu tempo desde que recibiu o Nobel, aparcando en parte a investigación. “Sentín que despois disto, estaba en débeda coa sociedade, e creo que falar cos rapaces e estudantes é un bo xeito de devolverllo”, ten dito nalgunha entrevista.

Esta visita do programa Conciencia, co patrocinio da Fecyt e o Consorcio de Santiago, continuará coa conferencia do xoves ás 20 horas no auditorio Abanca, dirixida ao público xeral, e que levará por título Máquinas moleculares en bioloxía e química. Finalmente, o venres Sauvage falará tamén na xornada Prospect in Chemical Sciences, que terá lugar no CiQUS, unha homenaxe ao profesor Luis Castedo polo seu 80º aniversario. Intervirán tamén outros investigadores de referencia internacional como Eric Jacobsen (Harvard), Chris Abell (Cambridge), Cristina Nevado (universidade de Zurich), e Maurizio Prato (CIC Biomagune).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

A USC desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

O novo nanotransportador é capaz de fusionarse coa membrana plasmática e liberar moléculas bioactivas no citosol