Venres 19 Abril 2024

As empresas Orballo e Psico VR e o Grupo VARPA, gañadores dos Premios Spin-Off PuntoGal

O xurado decidiu por unanimidade a concesión dos distintos galardóns e destacou a calidade das propostas presentadas

A IV edición dos Premios Spin-Off PuntoGal xa conta con gañadores nas súas tres categorías. Logo da reunión mediante videoconferencia celebrada polo xurado do certame a pasada semana, foron elixidas coma vencedoras as empresas Orballo (categoría Selo de Calidade) e Psico VR (Idea Emerxente), mentres que no apartado de grupos de investigación a proposta gañadora foi a do grupo VARPA da Universidade da Coruña (UDC). Na categoría de Idea Emerxente tamén houbo unha mención coma finalista para a empresa lucense Data Monitoring.

Captura de pantalla da reunión do xurado

O xurado tivo que afrontar unha dura tarefa dada a calidade das propostas presentadas ao certame. Preto de quince empresas e grupos de investigación vinculados ás tres universidades galegas participaron nesta edición dos premios. Na súa deliberación os membros do xurado elixiron ás empresas e ao grupo galardoado por unanimidade, logo dun debate moi construtivo no que se avaliaron polo miúdo tódalas propostas presentadas.

Publicidade

Na categoría de Selo de Calidade a decisión para elixir á empresa Orballo coma gañadora baseouse na súa aposta innovadora polo desenvolvemento do sector rural galego e a consolidación dunha cifra de negocio e dun mercado nacional e internacional para produtos  ecolóxicos, sostibles e de calidade. O xurado destacou tamén a importante participación das mulleres neste proxecto empresarial asentado na comarca das Mariñas Coruñesas.

No apartado de Idea Emerxente,  o xurado decidiu designar coma gañadora á empresa pontevedresa Psico VR pola posta en marcha dunha idea empresarial innovadora, baseada na exploración das posibilidades da Realidade Virtual. Destacouse especialmente ás solucións aportadas pola empresa para necesidades coma a atención sanitaria e o coidado das persoas maiores.

Ademais, o xurado decidiu facer unha mención coma finalista nesta categoría á compañía Data Monitoring polo desenvolvemento de solucións innovadoras e tecnolóxicas no mundo rural e noutros campos de actuación, cun bo enfoque comercial.

Finalmente, na categoría dedicada a Grupos de Investigación, o xurado acordou elixir coma gañador ao Grupo VARPA (Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns), adscrito á UDC. Destacouse o traballo realizado dende hai anos polo grupo no desenvolvemento de programas informáticos para a telemedicina, un campo no que o grupo conta con contratos, patentes e publicacións moi destacadas. Ademais, tívose moi en conta o traballo que está a desenvolver actualmente VARPA na investigación para mellorar o diagnóstico nos pacientes de Covid-19 e a predición da súa evolución.

O xurado decidiu por unanimidade a concesión dos distintos galardóns e destacou a calidade das propostas presentadas

O xurado desta edición dos Premios Spin-Off Puntogal estivo composto polas investigadoras María José Rodríguez Malmierca, Edita de Lorenzo e Sonia Martínez Arca, ademais da CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín, e o xefe de servizo de Planificación e Estruturación Universitaria da Xunta, Faustino Infante Roura.

A organización dos Premios Spin-Off PuntoGal tiña previsto realizar un acto de entrega de premios presencial destes galardóns pero, dada a situación sanitaria actual e as restricións de mobilidade e reunión, haberá que agardar a que as condicións de saúde pública e a normativa vixente permitan celebrar este tipo de actividades.

Dominio PuntoGal e o portal  GCiencia colaboran na edición destes galardóns que recoñecen as mellores e máis innovadoras iniciativas empresariais xurdidas no ámbito das tres universidades galegas. A convocatoria é  herdeira dos Premios Galicia Spin-Off, que en anos anteriores xa premiaron a destacados proxectos empresariais realizados en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Hifas da Terra, Saega e Grupo LIA (2) reciben os premios Spin-Off PuntoGal de GCiencia

A alcaldesa de Santiago, o presidente da RACG e representantes das universidades galegas estiveron entre as autoridades que asistiron ao acto

“Debemos inculcar confianza nas nenas para achegarse ás TIC: se nós puidemos, elas poden”

Edita de Lorenzo, doutora en Enxeñería de Telecomunicación, reclama rachar “barreiras sociais” no Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información

O Paraninfo da UDC acolle a entrega dos V Premios Spin-Off PuntoGal

Mestrelab, Alice Biometrics e o grupo Laboratorio de Bases de datos recibirán o día 16 os galardóns de GCiencia