Mércores 24 Abril 2024

Ciencia nos hospitais: un sistema cheo de atrancos para investigar en saúde

Expertos de diversas ramas sanitarias denuncian a precariedade causada pola inexistencia dunha carreira profesional no sector

Cando a sociedade comezou a ver de preto a magnitude da pandemia da Covid-19, moitos ollos dirixíronse cara aos laboratorios. Deles acabará saíndo a vacina que protexerá á cidadanía da infección que provoca o coronavirus no organismo. Ao mirar cara aos científicos máis de preto, víronse situacións coas que o sector convive de forma habitual, pero que non deixan de sorprender a quen non está ao tanto: Juan García Arriaza, un dos científicos que traballa no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC na procura dunha vacina, leva media vida con contratos temporais, e cabía a posibilidade de que se lle acabara o actual antes de atopar a cura contra unha doenza que está cambiando o mundo. Casos como o de García Arriaza cóntanse por centos entre os científicos que traballan na investigación hospitalaria, unha rama esencial, máis relevante, se cabe, nestes momentos. En Galicia nin sequera existe a carreira investigadora no ámbito hospitalario, como pode existir nas universidades e organismos de investigación, mesmo noutros países e comunidades autónomas nas que as opcións son meirandes para garantir unha contratación indefinida. 

A situación do científico do CSIC tivo tamén o seu eco en Galicia cun problema semellante. Manuel Collado, científico líder do grupo de Células Nai e Envellecemento que traballa no Hospital Clínico de Santiago, denunciou nas redes que aínda non sabía de forma oficial se ía renovar o seu contrato á falta de poucos días para que expirase. A súa mensaxe a través das redes sociais, na que resumía a precariedade que viven moitos investigadores e investigadoras nunha situación semellante, xerou un bo feixe de reaccións de apoio, e veu sucedida, días despois, da renovación ‘in extremis’ do contrato, de novo temporal, de 1+1 ano, despois do cal se verá sometido a outra nova avaliación.

Publicidade

Collado, unha referencia no estudo do envellecemento celular en España, dirixe un equipo do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS). Chegou a Galicia no 2012 para crear o primeiro laboratorio que aborda un tema clave nunha poboación avellentada. O IDIS, no que participan a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde, é un dos tres que en Galicia acollen a científicos no ámbito hospitalario, xunto ao IIS-Galicia Sur de Vigo, e o Inibic da Coruña.

Nestes institutos, líderes de equipos que se formaron en centros de referencia mundial captan todos os anos millóns de euros para investigar todo tipo de problemas de saúde, co conseguinte beneficio que redunda nos pacientes dos propios hospitais nos que traballan, que moitas veces son os primeiros en recibir os froitos dos seus achados. A raíz da denuncia de Collado, e tendo en conta que en Galicia son moitas máis as persoas que, cunha carreira de gran nivel ás súas costas seguen enfrontándose á incerteza de saber se poderán seguir nos seus postos ou ter que buscar outras saídas, con problemas que se poden prolongar ata a xubilación, a Rede Galega pola Investigación, Investigal, sumouse á denuncia. Nun comunicado difundido esta semana, a entidade lamenta as contratacións “de xeito precario e inestábel, sen categoría profesional, con salarios dispares e incumprindo, debemos subliñar, sempre, as condicións descritas no DOG e no BOE para a súa estabilización unha vez superado o plan de captación de talento”.

A Rede Galega Pola Investigación denuncia as contratacións feitas “de xeito precario e inestábel”

Segundo explica Investigal, e manifestan os propios afectados, “a contratación do persoal investigador hospitalario en Galicia realízase mediante dúas vías: Fundacións Biomédicas de xestión privada, por un lado, ou a través dos recursos humanos do SERGAS na Conselleria de Sanidade”. Ningunha das modalidades contempla a estabilización con salarios acorde á categoría de líderes de grupo, o que provoca situacións “insostíbeis”, pero “recorrentes en todos os eidos da investigación alén do ámbito sanitario”, denuncia Investigal, nun contexto marcado xa de por si pola precariedade. “Cando llo comentamos a compañeiros doutros países cos que temos colaboracións internacionais non acaban de crelo”, conta a GCiencia Manuel Collado. A inestabilidade provoca, por exemplo, que científicos e científicas cunha traxectoria avalada por programas de excelencia, como o estatal Miguel Servet, do Sistema Nacional de Salud, ou os plans autonómicos Parga Pondal ou Manuel Colmeiro, eliminados hai case 10 anos, teñan que asociarse con outros investigadores con contrato indefinido para poder presentarse a convocatorias de alto nivel de esixencia, xa que non poderían debido á súa temporalidade.

Manuel Collado: “É unha perversión do sistema”

O científico do IDIS accedeu ao eido hospitalario a través do programa Miguel Servet. Este plan ten por obxectivo que os científicos se integren de forma independente nun instituto de investigación sanitaria, como é o IDIS, para liderar un laboratorio. A independencia e o liderado, lembra Collado, son dúas das premisas clave do programa e as súas avaliacións. Porén, a realidade é distinta. “Viuse que moitos dos investigadores Miguel Servet eran contratados de forma ‘fraudulenta‘ para estar ao servizo dos médicos para que fixeran por eles a súa investigación”, explica o científico.

Collado resume o escenario como “unha perversión do sistema”. A temporalidade dos contratos impide, por exemplo, que os Miguel Servet poidan presentarse a proxectos de excelencia e grande esixencia porque ditas investigacións esténdense no tempo máis alá do seu contrato, o que deixaría no aire as colaboracións, por exemplo, con líderes de laboratorios doutros países que si teñen contratos estables. “Hoxe en día, nalgúns institutos de investigación sanitaria, os médicos ‘piden para si’ os Miguel Servet, para que se a estes lles conceden proxectos, traballen ás súas ordes facendo a investigación que eles non son quen de facer. Finalmente, o Instituto de Salud Carlos III, que outorga as Miguel Servet, accedeu, e agora permíteo”. 

Avaliacións “opacas”

Neste sentido, á hora de afrontar a renovación dos contratos temporais, as avaliacións por parte da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), dependente do Sergas, son “opacas” e “totalmente discrecionais”. “Teño que contactar eu con eles uns meses antes, mesmo insistindo, para preguntarlles como me van avaliar, e só piden un resumo do que teño feito nos últimos anos, sen criterios claros. O único que obteño como resposta, nos últimos días, e despois de moita incerteza, é que me conceden outra prórroga temporal, e incluso con problemas administrativos como o feito de quedar sen acceso ao correo electrónico ata que non se renova o contrato”.

Á temporalidade súmase, segundo denuncia Collado, a pouca flexibilidade nas avaliacións, que xera casos como o de María de la Fuente, a directora do laboratorio de Nanooncoloxía no IDIS, e tamén investigadora Miguel Servet, que se viu penalizada debido á súa baixa de maternidade, poñendo en risco a continuidade da súa carreira. Neste sentido, Collado compara a súa situación de hai 11 anos, cando traballaba no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO): “Cobraba máis ca agora, e tiña un contrato indefinido ao que renunciei para acollerme ao Miguel Servet, confiando en que se ía cumprir o acordado, facéndonos indefinidos, como é de xustiza, algo que nas condicións non se cumpre”.

“Chegan a botarnos na cara que queremos estar apoltronados”

Ante isto, algunhas das mensaxes que se fan circular desde as Administracións para non acometer a reforza aluden a que un contrato científico non pode ser indefinido, como se xustificara desde o Goberno galego para intentar sacar adiante un decreto de persoal investigador en 2017 que contemplaba contratos dun máximo de cinco anos, sen posibilidade de estabilizalos alén deste rango de tempo. “Chegan a botarnos na cara que queremos estar apoltronados, cando a realidade é que nos están avaliando constantemente por parte de axencias externas, en moitos casos para proxectos internacionais, para o que traballamos moitas veces máis de 14 horas diarias”, expón o científico do IDIS. 

Estabilización

“Fóra, noutros países, non o cren cando lles contas isto. Hai xente que segue cobrando os salarios que tiña en 2005 porque lles pagan o que estaba establecido no programa hai 10 anos”, resume Collado. Lembra, igualmente, como nun principio o programa Miguel Servet foi creado “co compromiso das institucións que acollían aos investigadores para a súa estabilización”, un requisito que mesmo figuraba no BOE, “con nome e apelidos de cada investigador e a súa institución”. Como na práctica non se facía, conta o científico, “pasou a facerse en BOE unha mención xenérica a que a estabilización debía ser o final do proceso”, pero xa sen compromiso claro. 

Con todo, ante a precariedade xeral na investigación, Manuel Collado resume todo o panorama en que “isto é como o conto das lentellas, se queres, cólleas, e se non déixaas. Ao final, quen non está disposto a pasar por todo isto fai as maletas e busca oportunidades noutro lado”.

María Mayán: “Captamos moitos cartos e xeramos postos de traballo pero non se nos valora”

Investigadoras do grupo CellCOM que dirixe María Mayán no Inibic.
Investigadoras do grupo CellCOM que dirixe María Mayán no Inibic.

O caso de María Dolores Mayán, coordinadora do grupo CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), varía nalgúns matices respecto ao de Manuel Collado, pero expón tamén o agravio cara aos científicos que existe en Galicia e España. Despois de incorporarse en 2010 ao Inibic mediante o desaparecido programa Parga Pondal, Mayán, experta no estudo de conexinas, proteínas implicadas na rexeneración de tecidos, doenzas inflamatorias ou cancro, estabilizou o seu contrato a través da Fundación Novoa Santos, órgano xestor do Inibic, despois dunha unha inspección de traballo, e grazas a fondos que a Axencia Galega de Innovación achega á fundación. A pesar de ter un contrato indefinido, a científica viu reducido o seu salario en máis de 12.000 euros brutos anuais. “As propias fundacións ignoraron o que indica o DOG para a regulación dos nosos contratos”, resume.

O paradoxo da situación de científicos líderes de grupos que se atopan nesta situación é que á hora de contratar a investigadores posdoutorais para algúns dos proxectos, deben pagarlles un soldo maior có que teñen os seus xefes. A científica coruñesa lembra que todos os anos o seu grupo recibe moitos cartos por financiamento doutras convocatorias, pero que isto non repercute nunha mellora das condicións. “Por exemplo, o noso foi o único equipo de investigación hospitalaria en Galicia que acadou financiamento do Piar de Ciencia Excelente do H2020, en concreto do programa europeo de innovación FET Open, polo que nos deron uns 500.000 euros. Captamos moitos cartos, xeramos postos de traballo, a fundación quedase co 21% do diñeiro captado, pero non se nos valora”, resume.

“A administración en Galicia dá unha imaxe moi mala ofrecendo estas condicións a quen quere apostar por unha traxectoria investigadora”

Ante isto, a científica do CellCOM xa foi testemuña de como os e as estudantes que comezan a súa carreira optan por outro camiño ante a falta de perspectivas. “A administración en Galicia dá unha imaxe moi mala ofrecendo estas condicións a quen quere apostar por unha traxectoria investigadora. Ás veces esforzámonos para convencer aos estudantes novos para que dean o paso, e se incorporen aos nosos grupos, pero con esta incerteza custa que acepten, porque noutros sitios teñen máis garantías”. 

Mayán e outros investigadores hospitalarios avanzaron na creación dun comité de empresa para o colectivo, e están a negociar un convenio laboral “que sexa xusto” para as tres fundacións biomédicas de Galicia. E do mesmo xeito ca Collado, denuncia os desequilibrios que se xeran polo feito de ter contratos temporais “de ter que ‘regalar currículo’ a outros equipos cos que te ves obrigado a asociarte, pedindo favores constantemente, ou non poder presentarte a certas convocatorias competitivas de proxectos e contratos de I+D+i, cando todo se podería solucionar cun sistema xusto que, se hai vontade, non custaría case nada artellar”.

Carlos Spuch: “Se queremos ter resultados, temos que apostar a longo prazo”

Hai unha semanas, o equipo de Neuroloxía Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) axudou a salvarlle a vida a un paciente que estaba a piques de morrer pola Covid-19. Mediante o uso de litio, que adoita empregarse en problemas de saúde mental, pero que ten demostrada a súa capacidade antiviral, melloraron a situación de afectados polo novo coronavirus que estaban ingresados no hospital Álvaro Cunqueiro. O exemplo do que fala Carlos Spuch, no marco da pandemia actual, é un dos beneficios que pode achegar a existencia dun sistema forte de investigación hospitalaria. “Os pacientes dos hospitais nos que se fai esta ciencia van ser case sempre os primeiros que recibirán os avances que fagamos no noso traballo”, di Spuch, investigador sénior no grupo de Neuroloxía Traslacional, a través do cal coordina a Rede Galega de Demencias para a investigación e tratamento destas doenzas.

O científico de Vigo, como María Mayán, está contratado tamén de forma estable, pero cun salario por debaixo das súas responsabilidades. “Actualmente estou dirixindo 15 teses de doutoramento, formando a moitos científicos novos, e nalgúns casos, cando contratamos a alguén, pagámoslle máis do que cobro eu porque non existe carreira nin categorías profesionais no noso ámbito”, lamenta.

Ante isto, a pesar de que algúns mozos e mozas apostan pola investigación hospitalaria en Galicia, a falta de proxección lévaos a buscar alternativas. “Ou acumulan contratos temporais vinculados a cada proxecto, coa incerteza que aparece cando estes acaban, ou optan por probar sorte en centros como o CSIC, ou outras universidades, nos que hoxe tamén hai moita dificultade para estabilizarse. Corremos o risco de que desapareza a base da pirámide, porque a xente cada vez ve menos claro o camiño dunha tese doutoral”, resume. 

Ao comparar a situación coa doutros países, Carlos Spuch lembra a súa estadía no instituto Karolinska de Estocolmo, en Suecia. “Mentres estiven alí, vin como construían un centro de investigación que tiña un plan a máis de 20 anos vista. A xente que decidiu apostar por aquilo sabía que non ía estar gobernando, e que mesmo igual non chegaba a ver os froitos daquel proxecto, pero tiña claro que alí se ía xerar coñecemento e riqueza para pagar as pensións das persoas que investigaban alí dentro. Boto moito de menos que aquí haxa esa vontade”, conclúe.

1 comentario

  1. Completamente dacordo con todo, pero non é exclusivo dos investigadores dos hospitais. A ciencia neste pais (da igual si consideras Galiza ou España) é un sin fin de atrancos, independentemente de que a fagas nun hospital, na universidade …
    Si finalmente consigues seguir adiante sempre nunhas condicións lamentables en comparación con calquera grupo internacional. Como día Manuel Collado no artigo, investigadores de fora non poden crer as condicións nas que se traballa aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

Os proxectos galegos REDILE e NEmecum, galardoados nos III Premios Ennova Health

Investigadores do HULA e do CHUS, premiados por iniciativas para a rehabilitación dos trastornos da linguaxe e para corrixir a desnutrición de pacientes hospitalizados

Un equipo do CHUAC extirpa por primeira vez un cancro de páncreas con tecnoloxía robótica

A paciente foi unha muller de 60 anos, que evoluciona de forma "moi satisfactoria" no seu domicilio

Altera ou non a vacina da covid o ciclo menstrual? “A relación é clara”

A xinecóloga Cristina González, do Hospital de Santiago, constata o vínculo entre o virus e as modificacións no período, frente a nova investigación sueca que o descarta