Sábado 20 Abril 2024

Proban con éxito o arpón que captura lixo espacial

Máis de medio século de exploración espacial provocou que toneladas de lixo (unhas 7.600, calcula a Rede de Vixilancia Espacial dos Estados Unidos) estean dispersas en milleiros de obxectos que orbitan arredor da Terra, movéndose a grandes velocidades. Cómpre telos controlados polos posibles danos que causarían de impactaren contra satélites e outros obxectos en funcionamento. E xorden tamén ideas sobre como “limpar” o espazo deste lixo. Unha das máis ambiciosas é RemoveDebris, unha misión de satélites que probará catro experimentos, entre eles un arpón, para capturar estes refugallos.

A universidade británica de Surrey, que coordina o proxecto no que participan Airbus e outros centros de investigación espacial de Países Baixos, Suíza, Francia e Sudáfrica, fixo público esta semana que probaran con éxito o arpón. A ‘lanza’ espacial, deseñada por Airbus, foi disparada a 20 metros por segundo desde a nave principal de RemoveDebris cara a un panel de satélite situado no extremo dunha vara. E conseguiu atravesar o panel.

Publicidade

“Este é o experimento máis esixente que fixemos ata agora, e foi un éxito”, dixo Guglielmo Aglietti, director do Centro Espacial de Surrey. “RemoveDebris achega probas sólidas do que se pode acadar coa colaboración: unir a experiencia da industria co eido da investigación para lograr algo verdadeiramente notable”.

Esta proba supón o terceiro éxito para o proxecto. Xa se usara anteriormente a rede de a bordo para capturar unha peza simulada de lixo espacial cunha rede, e tamén se conseguiu identificar refugallos mediante un sistema de navegación co visión LIDAR e cámaras.

Despois do arpón, RemoveDebris prepara o seu experimento final, que terá lugar en marzo, co que intentarán inflar unha vela que arrastrará ao satélite cara a atmosfera da Terra para provocar a súa desintegración.

Chris Burgess, enxeñeiro de Airbus, dixo que “a demostración exitosa no espazo da tecnoloxía de arpóns é un paso importante cara a solución do crecente problema do lixo espacial”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De quen son os recursos naturais do espazo?

Na actualidade están a producirse desenvolvementos xurídicios a nivel nacional e internacional que parecen contradicir os principios do Dereito do Espazo

Así soa a erupción dun volcán dende o espazo

A ESA publica unha sonificación da erupción máis grande do século XXI, a do volcán Hunga Tonga-Hunga Ha'apai hai agora un ano

Pablo Álvarez e Sara García: “Os soños fanse realidade, aquí hai dous exemplos”

Os dous leoneses son os novos astronautas españois na Axencia Espacial Europea. Con emoción, contan o proceso de selección ao que se presentaron

As novas fotografías do James Webb amosan unha galaxia anana con maior precisión

O telescopio espacial da Nasa consegue capturar con detalle unha galaxia enana solitaria, a Wolf Lundmark Melotte