A tecnoloxía é feminina: Día Internacional das Nenas nas TIC

As docentes e investigadoras da UVigo Rebeca Díaz e Alma Gómez reflexionan sobre o papel da muller neste ámbito

A exclusión das mulleres da industria tecnolóxica segue a ser, hoxe en día, unha realidade que afonda nas desigualdades e provoca un desaxuste no desenvolvemento económico e social, ademais de incidir na fenda dixital de xénero. Mentres a demanda de profesionais por parte da industria tecnolóxica vai en aumento, a participación de mulleres en estudos superiores relacionados coas TIC e coas carreiras STEM segue a ser moi baixa.

Hoxe, 22 de abril, conmemórase o Día Internacional das Nenas nas TIC, e as profesoras e investigadoras da UVigo, Rebeca Díaz e Alma Gómez, teñen moito que dicir ao respecto.

Publicidade

 Testemuñas reais para incentivar vocacións

 No Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo a presenza feminina é dun 23%, manténdose nestas porcentaxes desde hai oito anos. Para tratar de reverter esta situación, desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estanse a desenvolver diversas iniciativas co obxectivo de fomentar as vocacións tecnolóxicas das rapazas. “Sempre participamos nas propostas que a nosa Universidade deseña para conmemorar o Día da Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Día Internacional da Muller, ou o Día Internacional das Nenas nas TIC”, comenta a directora da escola Rebeca P. Díaz Redondo, á vez que salienta a participación da súa escola ano tras ano nos obradoiros Elas Fan CienTec, “impartidos con motivo do 11 de febreiro polas propias estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e dirixidos a rapazas de secundaria”.

Este ano, ademais, para conmemorar o Día Internacional das Nenas nas TIC estase a desenvolver unha recollida de testemuñas de mulleres profesionais e estudantes do sector da telecomunicación que comparten a súa experiencia a través de pequenos vídeos difundidos nas redes sociais da escola. “A idea tivo moi boa acollida entre as mulleres que participan, dado que son as primeiras interesadas en facer visible o seu traballo e tratar de incrementar a presenza feminina, actualmente tan baixa, no noso sector”, subliña Díaz Redondo.

Publicidade

Rebeca P. Díaz Redondo é directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
Rebeca P. Díaz Redondo é directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

Recoñece que o seu ámbito profesional está moi estereotipado, polo que, nas súas palabras, “coñecer a potencialidade dos estudos neste ámbito, as perspectivas profesionais, as condicións reais de traballo e, en definitiva, ter a información adecuada sobre a boa proxección profesional e a calidade de vida laboral é o que permitiría desfacerse destes estereotipos, que non axudan o alumnado, en xeral, e as mulleres, en particular”.

Unha perspectiva social da informática

 En liñas xerais, a evolución da matrícula feminina no Grao en Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo está no 15%, observándose unha tendencia de mellora nos dous últimos anos, coa que ten moito que ver o esforzo da Escola Superior de Enxeñaría Informática polo fomento das vocacións tecnolóxicas das rapazas.

Alma Gómez é docente e investigadora na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo.
Alma Gómez é docente e investigadora na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo.

Alma Gómez coordina, xunto con outras docentes da institución, a iniciativa Exxperimenta en Feminino, recoñecida este ano co Premio Uviguala. Esta actividade realízase desde o ano 2018 como unha feira na que mulleres investigadoras lle amosan ao alumnado de secundaria as investigacións máis relevantes do campus de Ourense. “Trátase de divulgar a presenza das mulleres nas STEM e de proporcionarlles ás rapazas referentes de mulleres investigadoras. Este enfoque foi fundamental tamén na elección do título destas xornadas, pois coa súa dobre x, que imita ao xen feminino, reforza a idea de que a investigación é algo que tamén está nos xenes da muller”.

Nesta mesma liña, o centro tamén participa nas actividades da recentemente creada Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, orientada a dar visibilidade ás achegas das mulleres no mudo das TIC co obxectivo de xerar referentes femininos e espertar o interese das nenas polos títulos máis tecnolóxicos.

“Dise que as mulleres temos unha alta vocación polas ciencias da saúde e o sector social polo noso interese en axudar os demais. Se consideramos isto certo, é importante que as alumnas teñan en conta que o estudantado de Informática poderá axudar a un gran número de persoas, pois as aplicacións desta área poden causar un impacto moi positivo no mundo“, comenta Alma Gómez á vez que salienta que “a informática está moi lonxe do estereotipo dunha persoa encerrada soa cun ordenador; pola contra, trata de atopar solucións a problemas do noso día a día, algo para o que é fundamental traballar en equipo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais