Grupo Paraquasil da USC, que formulou a laca que actúa sobre as infeccións fúnxicas e a psoríase nas unllas. Foto: Real Academia Galega de Ciencias.
Grupo Paraquasil da USC, que formulou a laca que actúa sobre as infeccións fúnxicas e a psoríase nas unllas. Foto: Real Academia Galega de Ciencias.

A laca que elimina os fungos e a psoríase nas unllas faise en Galicia

Un grupo de investigación da USC formula un verniz que combate as patoloxías e que chegará nos vindeiros meses ao mercado

Á hora de aplicar tratamentos efectivos contra as patoloxías visibles nas unllas dos dedos das mans e as dedas dos pés, como as infeccións por fungos (onicomicose) ou a psoríase, os investigadores atópanse moitas veces con dificultades. “A estrutura da unlla, ao ser pouco permeable, é unha barreira moi importante para os medicamentos”, explica Francisco Otero Espinar, decano da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo Paraquasil (Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunobioloxía parasitaria e Parasitosis Hídricas). Neste camiño, desde hai máis de 10 anos, os científicos composteláns investigan a fórmula que consiga superar este obstáculo e tratar de forma efectiva unhas doenzas que afectan a unha parte importante da poboación. E están no camiño de conseguilo, xa que nos vindeiros meses sairá ao mercado en España unha laca de unllas, aprobada pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, que ten unha eficacia moi superior ás actualmente dispoñibles no mercado. O achado acaba de ser recoñecido co Premio Fernando Calvet Prats de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias.

O proxecto xurdiu, segundo lembra Otero Espinar, dunha colaboración cun equipo da Universidade de Bath (Inglaterra) que é referencia na administración de fármacos a través da pel. “É un problema moi importante en doenzas que afectan ás unllas, porque se os fármacos antifúnxicos se administran por outra vía, como a oral, adoitan ter efectos secundarios, interactúan con outros medicamentos e os tratamentos poden durar bastantes meses, polo que hai que tomar moitas precaucións”. Así, xurdiu a idea de explorar esta liña de traballo. Segundo explica a USC, os primeiros traballos, realizados polo científico Luís Nogueiras Nieto na súa tese de doutoramento, deron lugar á patente dunha primeira versión do verniz. Comezaron entón os contactos coa industria farmacéutica, que puxeron de manifesto o interese terapéutico e comercial deste produto.

Vantaxes

A investigación foi perfeccionando a fórmula. Despois de anos de probas, “conseguimos formular unha laca que, ao poñela na superficie da unlla, xera unha película que xelifica a zona, hidrata a unlla e favorece que penetre o fármaco”, explica Francisco Otero. Ademais, conseguiuse unha composición que non altera a unlla nin fai cambiar a súa cor ao ser aplicada, o que repercute nunha maior aceptación por parte dos pacientes.

Francisco Otero Espinar, decano da Facultade de Farmacia da USC e membro do grupo Paraquasil. Foto: Santi Alvite.
Francisco Otero Espinar, decano da Facultade de Farmacia da USC e membro do grupo Paraquasil. Foto: Santi Alvite.

Coa axuda do Acelerador de Transferencia da USC,  que facilitou o desenvolvemento da investigación, e en colaboración con Reig Jofre, a empresa á que transferiron a súa tecnoloxía para a fabricación e distribución da laca a nivel mundial O produto está xa moi preto de ser unha realidade no mercado. A patente está estendida a Europa e Australia, e, á espera de completar os trámites precisos, podería poñerse á venda a comezos de 2021.

Neste sentido, segundo destaca Otero Espinar, o importe do premio que outorga a RAGC coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), 6.000 euros, vai axudar no traballo diario do grupo. “Temos un equipo de científicos novos que actualmente está facendo a súa tese, así que esta achega económica tamén nos permitirá financiar a compra de material preciso para as súas investigacións”, destaca o decano de Farmacia. O equipo recibirá o seu galardón nun acto que se celebrará o martes 14 de xullo, xunto aos outros dous proxectos gañadores dos premios Francisco Guitián e Ricardo Bescansa. O certame de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia recoñece as mellores prácticas que trasladan o coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo.

Psoríase e onicomiose

A onicomicose, causada por fungos, e a psoríase, unha doenza crónica con unha importante compoñente hereditaria, figuran entre as principais doenzas que afectan ás unllas. No caso da primeira, estímase que a padece arredor do 16% da poboación europea, e é especialmente frecuente nalgúns ambientes. Lembra Otero Espinar, por exemplo, que existen estudos que situaban no 80% a prevalencia entre xogadores da NBA. Polo que respecta á psoríase, a aparición nas unllas dos pacientes que teñen a doenza a nivel cutáneo alcanza o 50% do total nunha enfermidade que en Galicia é máis habitual que noutras rexións. E ás veces, a doenza pode acabar xerando artrose nos dedos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.