A catedrática da USC Victoria Lareu recibe o Premio Wonenburger

A directora do Instituto de Ciencias Forenses da USC é recoñecida polo seu traballo a través da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia

A ciencia está de celebración. A catedrática de Medicina Legal e Forense e directora do Instituto de Ciencias Forenses (Incifor) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Victoria Lareu Huidobro, será distinguida co premio María Josefa Wonenburger deste ano, un galardón que entrega a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. O seu principal obxectivo é o recoñecemento da traxectoria de mulleres galegas que salientan polas súas contribucións á área das ciencias e da tecnoloxía.

Esta científica compostelá formouse na USC e noutros centros estranxeiros en materia de medicina forense como o Instituto de Medicina Legal de Coímbra en Portugal, ou nos centros Haematology Departmen London, Hospital Medical College de Londres e no Forensic Science Service de Birmingham.

Publicidade

Traballo investigador e docente

Na actualidade, Lareu compaxina o traballo de laboratorio dentro do Incifor coa actividade docente na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Este servizo recibiu encargos, entre outros moitos, para axudar á identificación das vítimas dos atentados do 11-S e do 11-M, análise de restos históricos de Atapuerca ou da Guerra Civil, do tsunami do Océano Índico, ou das nenas asasinadas en Alcasser.

Máis polo miúdo, Lareu é especialista no campo da xenética forense, onde participou no deseño de ferramentas básicas en pericia de xenética forense que hoxe son de uso mundial. Na actualidade a súa actividade diríxese principalmente a campos pioneiros da investigación forense como a aplicación de tecnoloxías de secuenciación masiva de nova xeración ou o estudo de aplicación da marca epixenética do xenoma humano. A galardoada colabora ademais na análise de mostras biolóxicas en casos de criminalística, o que lle permitiu percibir a cruz con distintivo branco da Orde de Mérito da Garda Civil.

Publicidade

Unha distinción para as pioneiras

O premio María Josefa Wonenburger distingue a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía e trata de facer chegar á sociedade as contribucións feitas por elas e que sirvan de exemplo a xeracións vindeiras. O galardón leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.

Este galardón outórgase anualmente dende o ano 2007 a través da Unidade de Muller e Ciencia e ao longo da súa traxectoria recoñeceu as figuras de Amparo Alonso Betanzos (2020), Mabel Loza García (2019), Alicia Estévez Toranzo (2018), Begoña Vila Costas (2017), Peregrina Quintela Estévez (2016), Isabel Aguirre de Úrcola (2015), Carmen García Mateo (2014), María José Alonso (2013), María Tarsy Carballas Fernández (2012), Ofelia Rey Castelao (2011), Carmen Navarro Fernández-Balbuena (2010), María S. Soengas González (2009), María Teresa Miras Portugal (2008) e Inmaculada Paz Andrade (2007).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS