Sábado 27 Abril 2024

Un equipo do CSIC mellora o coñecemento das infeccións bacterianas no abdome

O estudo identifica o agregado de células que impulsa a defensa antibacteriana na cavidade peritoneal

 

A cavidade peritoneal (o espazo entre a parede e os órganos abdominais) atópase exposta a graves patoloxías, polo que é crucial coñecer como o sistema inmunolóxico responde ante as enfermidades varias. A identificación desta resposta inmune é materia do estudo levado a cabo por un equipo do CSIC, que revisa o papel decisivo da formación de agregados de macrófagos peritoneais no control das infeccións bacterianas abdominais, xa que estes son capaces de recoñecer e eliminar células tumorais, microbios, restos celulares ou substancias extrañas.

A investigación, publicada na revista Immunity, ten por obxectivo axudar a comprender como, de maneira localizada, o sistema inmune actua fronte a enfermidades no abdome como a metástase de tumores de diversos cánceres ou a sepse, unha resposta desregulada do sistema inmune perante unha infección e “unha das principais causas de finamento en todo o mundo”, segundo explica Carlos Ardavín. O investigador do CSIC no Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC) e cabeza do grupo de investigación engade: “coñecer os mecanismos desa resposta inmune é fundamental para poder combater estas infeccións abdominais”.

Publicidade

Mediante diversas técnicas, no traballo caracterízanse en detalle as estruturas encargadas de activar eses mecanismos, denominándoas resMØ-aggregates (do inglés: “resident macrophage aggregates”). “Estes agregados, que conteñen tamén linfocitos B e neutrófilos, son estruturas dinámicas cruciais para controlar as infeccións na cavidade peritoneal, posto que crean un microambiente no que as células poden realizar as súas funcións antimicrobianas”, sinala María López-Bravo, codirectora do equipo.

Laura Hernández Villarrubia Adrián Vega-Pérez, ambos coautores do traballo, explican como estas estructuras dependen da formación dunha rede de fibrina (unha proteína fibrosa que, xunto coas plaquetas, forma os coágulos sanguíneos) por activación dun proceso de coagulación extravascular, controlado polas células que cobren a cavidade peritoneal. Unha vez contida a infección, os macrófagos peritoneais colaboran na eliminación das células mortas presentes no interior dos agregados, contribuindo á desintegración destes mediante un proceso de fibrinólisis (degradación da fibrina para desfacer os coágulos sanguíneos).

Ardavín tamén subliña o cambio na localización dos macrófagos. Habitualmente libres no fluído peritoneal, estes pasan a formar os agregados, proporcionando un soporte que facilita a interacción e a función das células inmunitarias. Deste xeito, os resMØ proporcionan un armazón físico que permite un control eficiente da infección peritoneal, o que abre novas posibilidades respecto da organización da inmunidade antimicrobiana noutras cavidades do corpo, como a cavidade pleural ou os ventrículos cerebrais, así como para desenvolvemento de novas terapias.


Referencia: Resident macrophage-dependent immune cell scaffolds drive anti-bacterial defense in the peritoneal cavity (Publicado en Immunity).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia