Un satélite da UVigo gaña un premio internacional para viaxar ao espazo en 2024

O xurado do concurso recoñeceu o aparello, creado por estudantes galegos, como o mellor deseño de misión para a súa posta en órbita

Fernando Aguado e Guillermo Calvo recollendo o premio de mans de Deganit Paikowsky, vicepresidenta de Diversity Initiatives and Science & Academic Relations da IAF e Christian Feichtinger, director executivo da IAF
Fernando Aguado e Guillermo Calvo recollendo o premio de mans de Deganit Paikowsky, vicepresidenta de Diversity Initiatives and Science & Academic Relations da IAF e Christian Feichtinger, director executivo da IAF

O nanosatélite BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit), que están a desenvolver preto de 40 estudantes da Universidade de Vigo, será enviado ao espazo no ano 2024 nun lanzamento operado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento. A confirmación producíase este mércores en París durante o International Astronautical Congress (IAC) 2022. Ao abeiro do evento facíase pública a resolución dun concurso organizado pola Federación Internacional de Astronáutica (IAF) en colaboración con outros centros de investigación, que tiña por obxectivo o lanzamento gratuíto dun cubesat. Finalmente, os expertos recoñeceron como mellor deseño de misión para a súa posta en órbita a BIXO, de UVigo SpaceLab.

Os estudantes Manuel Diz, Guillermo Calvo e Martín Blanco, xunto ao docente e investigador Fernando Aguado foron os encargados de recoller e agradecer un premio que, ademais, outorga 3.000 euros aos gañadores. Durante o discurso de agradecemento, Diz recordou que BIXO será o portador da segunda misión biolóxica europea. Logo de sete misións biolóxicas en pequenos satélites, seis da NASA e unha da ESA, todas en satélites de maior tamaño, a misión da UVigo será de 2UDs (10x 10 x 20 cm). “Supón un gran reto, xa que ata agora non houbo ningún desenvolvemento completo dun pequeno laboratorio espacial nun satélite tan pequeno, por iso dicimos que é a misión máis compacta lanzada desde Europa e, que saibamos, a máis pequena do mundo”, explica Diz. 

Mellorar a investigación científica en astronáutica

Co lema CubeSat, unha plataforma para a verificación de novas tecnoloxías e a cooperación internacional, o concurso Space Universities CubeSat Challenge naceu o pasado ano cos obxectivos de fomentar o pensamento innovador do alumnado universitario; mellorar na capacidade de investigación científica na astronáutica, a combinación de teoría e práctica e de resolución de problemas prácticos de enxeñería e popularizar o coñecemento espacial e o apoio a talentos innovadores. “Foi a través dunha publicación da IAF a mediados de 2021 que soubemos que estaban organizando este concurso por vez primeira. Ao ver a oportunidade non dubidamos en presentarnos, porque vimos a ocasión de lanzar a nosa misión pasando por un proceso menos burocratizado que o que ofrecían outras axencias”, sinala o director da misión BIXO.

Máis aló do premio outorgado aos integrantes de UVigo SpaceLab, a presenza viguesa no International Astronautical Congress (IAC) 2022 complétase nesta edición do congreso con varias das empresas patrocinadoras da misión do nanosatélite BIXO, como Alen Space, centrada no desenvolvemento, tanto de software como de hardware para satélites, e DHV Technologies, subministrador de paneis solares e sistemas de adquisición, almacenamento e distribución de potencia para satélites. “Tamén asistimos a relatorios sobre últimas novidades de empresas e proxectos do sector aeroespacial, como a do propio catedrático da UVigo Fernando Aguado sobre a recuperación do satélite Humsat-D ou a de Uxía García centrada no seu traballo de doutoramento sobre a análise termoelástica para cargas de pago ópticas de alto rendemento”, detallan os participantes. .

38 membros e un novo departamento

Dous anos despois de empezar a traballar no laboratorio de deseño, fabricación e validación de nanosatélites de formato cubesats, UVigo SpaceLab incorpora este curso alumnado de diferentes graos que se suma ao estudantado das enxeñarías de Telecomunicación, Aeroespacial ou Industrial que xa participaban antes no proxecto. “Con esta ampliación, levada a cabo durante o verán, o equipo pasa agora a estar formado por 38 estudantes”, confirma Manuel Diz, que tamén apunta a creación dun novo departamento “que se encargará de manter o pequeno laboratorio biolóxico en órbita, deseñando os chips e sistemas microfluídicos que permitirán realizar os experimentos necesarios, inxectando doses precisas de auga a través dun sistema de canais milimétricos”.

“Para o futuro da misión en Terra continuamos a traballar na posta a punto da estación terrea xunto á da UVigo, que nos está a dar o seu apoio para a reforma deste centro de control e seguimento de satélites desde o que operaremos tanto BIXO como as nosas futuras misións”, avanza Diz, para o que empregarán a antiga antena parabólica de seguimento de satélites meteorolóxicos NOAA, grazas a súa reconversión a banda S, realizada polo alumnado, o que permite velocidades de descarga de datos moito máis elevadas.

Formación internacional na ESA Academy 

O premio Space Universities CubeSat Challenge entregado esta tarde en París non é o único recoñecemento recibido polos integrantes de UVigo SpaceLab nos últimos tempos. E é que en Bélxica, no ESTEC Galaxia, o alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Iván Trasobares, está a recibir unha formación por parte da ESA Academy da Axencia Espacial Europea en operacións en aeronaves combinado co deseño de misións espaciais e subsistemas de satélites. “Para poder recibir esta formación de catro días xunto a compañeiros doutras nacionalidades, Iván presentouse á convocatoria pública na que competiu con universitarios europeos”, explica Manuel Diz, que avanza que todo o coñecemento adquirido polo seu compañeiro trasladarase ao equipo para mellorar o desenvolvemento das súas misións, como xa ocorrera coa formación recibida pola proposta da súa primeira misión teórica OLLO. 


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.